Tal e como tiñamos anunciado, a Asociación Monte Pindo Parque Natural retomou recentemente os traballos do Catálogo de Especies do Monte Pindo (CEMP), un ambicioso proxecto que busca compilar para un mellor coñecemento da biodiversidade neste espazo as especies naturais que nel existen, e que combina un traballo continuado de campo (con rexistro de avistamentos e fototrampeo) e tamén co estudo das fontes documentais e científicas que nos permiten a día de hoxe elevar ata 734 o reconto de especies naturais presentes no Olimpo.
Unhas 70 especies de aves aniñan no macizo carnotán
A bubela é unha das aves que aniñan no Monte Pindo |
Unha fermosa excursión escolar en 1972
Fotos da excursión publicadas en "O Pindo na memoria" |
Asi mesmo, tivemos a oportunidade de coñecer a fantástica visita feita por un grupo de nenas e nenos do Instituto de Cee ao Monte Pindo en 1972, nunha excursión escolar por duración dunha semana acompañado polo profesorado do centro, que ben merecerían unha homenaxe por unha iniciativa que documentaron na obra titulada "O Pindo na memoria", editada por Manuel Quintáns Suárez e Alberto Rodríguez Rogina, que repasa non só a bioloxía senón a xeoloxía, a historia e as tradicións neste espazo natural mítico.
Un dos obxectivos daquela fermosísima experiencia foi documentar toda a vida natural que coñeceron ao longo desa -de seguro- intensa semana, que reflectiron no libro mediante a anotación dun total de 71 especimes, entre aves, mamíferos, anfibios, réptiles e plantas, das cales preto dunha trintena aínda non figuraban no noso Catálogo, o que demostra que á hora de coñecer o noso medio natural todos podemos ser moi útiles. Desde a entidade veciñal só podemos agradecer, 42 anos despois, a exemplar vocación demostrada polos docentes.
O fototrampeo da resultado
Vulpes vulpes |
Por outra parte houbo que suprimir do Catálogo algunhas especies que foran ubicadas incorrectamente no macizo, coma o Malpolon monspessulanus, unha especie de cobra que non existe aquí, tal e como nos indicou un especialista recentemente.