La Voz de Galicia, martes 18 de agosto de 2015, páx. 4. |
En efecto, no 2013 e coas cinzas do devastado Monte Pindo aínda fumegantes o propio secretario xeral de Medio Rural Tomás Fernández Couto tentara desautorizar as voces que clamaban por actuacións urxentes de reparación dos danos físicos á natureza e a vivendas, explotacións e propiedades particulares, e moi nomeadamente aquelas destinadas a conter as previsíbeis escorrentías (que remataron por chegar sen resistencia) e tamén e moi nomeadamente a conter a expansión do eucalipto, especie alóctona que antes do lume apenas inquedaba aos colectivos que traballamos pola biodiversidade deste espazo natural, e que por centos unimos a nosa voz en 2013 nun chamamento cidadán unitario contra o lume e a favor dun novo modelo de xestión forestal e rural, e que en San Caetano só atopou por resposta un silenzo máis doloroso incluso que mil lumes.
Asi conxuraba a Xunta as críticas tras o lume |
En fin, todo parece responder a un programa do PP máis ou menos elaborado para que o abandono deliberado do Monte Pindo leve a un progresivo deterioro da súa biodiversidade que xustifique unha relaxación das medidas de protección e desenvolvemento que a sociedade reclama para este lugar, abrindo os espazos accesibles ao monocultivo do eucalipto e deixando á súa sorte o resto. Pode que esta escolla sexa rendible economicamente para a Xunta, que ten consorciada desde o franquismo a xestión do Monte Pindo, e a quen a venda de eucalipto lle reportará beneficios económicos nuns anos, mentras que as medidas que sociedade, axentes e científicos esixen conleva comprometerse e desenvolver programas de actuacións e investimentos.
Agora ben: pódese admitir que unha administración pública que ten a encomenda de xestionar un espazo natural protexido por normas internacionais o abandone á súa sorte? Que opina a Unión Europea que hai xa 15 anos desenvolveu a Rede Natura de que un dos espazos máis valiosos do noso País se xestione baixo esas premisas? Quedará impune que o Valedor do Pobo tivese que actuar con contundencia contra a Xunta por vulnerar en varias ocasións ata 5 leis galegas, españolas e europeas ao negarse a facilitar información oficial sobre o Monte Pindo?
Independentemente de se aceptan tramitar o Parque Natural, medida tan demandada por ser esta a única figura de protección que implica un compromiso legal e obrigatorio con investimentos e planos de actuación no espazo, e ao que a Xunta se negou ata en catro ocasións, moi ao seu pesar o Monte Pindo xa conta con protección internacional ZEC (Zona de Especial Conservación), LIC (Lugar de Interese Comunitario) e PIG (Punto de Interese Xeolóxico). A actitude do PP nesta zona desde o ano 2010 trasluce sospeitas non só de desleixo e neglixencia, senón de violar todos os preceptos legais na súa encomenda de xestionar este espazo natural, que literalmente se están cargando.
Que facer ante unha Xunta que en materia medioambiental ten optado abertamente por operar na ilegalidade?
Cremos que é absolutamente necesario reforzar o consenso social sobre o cambio climático e por tanto a necesidade de conservar os nosos espazos naturais máis valiosos, e no que respecta ao Monte Pindo en particular, artellar novas vías de encontro entre o pobo, axentes sociais e institucións para que, dunha vez, remate a impunidade con que esta Xunta está a acabar non só co Monte Pindo, senón con boa parte dos espazos naturais protexidos do noso País. Neste eido, desde a entidade veciñal do Monte Pindo trataremos de desenvolver unha renovada rolda de contactos de cara a obter o compromiso de distintas institucións públicas (Concellos, Deputacións, Xunta...) coa declaración do Monte Pindo como Parque Natural coincidindo con que está a piques de cumprirse un lustro desta reivindicación, que ratifiquen e se sumen ás xa máis de 170 adhesións que xa obtivemos no tecido veciñal, cultural, asociativo, sindical, político e empresarial do noso País.