28/07/15

A revolta de Carnota

Restos do Castelo de San Xurxo (fonte: Galipedia)
Para a Igrexa, un acto de barbarie. Mais para a xente, o episodio que denomino revolta de Carnota debeu ser a resposta ante décadas ou séculos de abusos por parte da Igrexa contra o pobo de Carinota, que finalmente decide reaccionar, armarse como cabaleiros, e asestar un dos maiores golpes populares dos que quedou constancia na documentación medieval aos intereses da Igrexa, cando o seu poder xa era pouco menos que absoluto, e que só a intelixencia estratéxica do arcebispo Didaci Gelmiri, Diego Xelmírez, conseguiu sofocar. Imos cos feitos.

O Castelo de San Xurxo e a Casa de Traba
Visibilidade desde San Xurxo (fonte)
No pico Pedrullo do Monte Pindo levantouse un castelo apadriñado polo santo guerreiro Sancti Georgii, San Xurxo, fundado (ou refundado) no século X polo bispo Sisnando II para protexer as nosas costas dos continuados ataques e saqueos normandos e árabes desde o mar, defendendo ademais un paso privilexiado a Santiago, cobizado centro do poder relixioso na época. Trátase dun castelo roqueiro, e que malia estar preto da costa ocupa un escarpado penedo de difícil acceso co que se fundía. Ten unha impresionante perspectiva sobre o sur da Costa da Morte, e trátase probabelmente dun dos castelos de pedra máis antigos do País, e dun dos poucos que nunca puido ser conquistado, que se saiba.

Co progresivo cese do hostigamento martítimo San Xurxo foi perdendo función defensiva para converterse paulatinamente nun auténtico símbolo de poder da coroa galega. No século XI ou XII esta cédea a Pedro Froilaz, fundador da poderosa estirpe dos Traba, membro da corte de Afonso VI e aio (educador) do neno Afonso Reimóndez, quen será o rei Afonso VII de Galiza. Este á súa vez legoulle a fortificación ao seu fillo Rodrigo, quen será logo alférez de Afonso VII na súa coroación, cargo de máxima confianza do rei que portou a espada e escudo do novo monarca durante o distinguido acto, e quen anos despois o nomeará Conde Rodrigo Pérez de Traba.

Coa tenencia do Castelo de San Xurxo, cuxos beneficios resultaban sumamente gravosos segundo documentos da época, Rodrigo asegurábase ademais os privilexios e vasalaxe de todo o Condado de Carnota, que abarcaba naqueles tempos o territorio situado entre os ríos Xallas e Tambre, nos actuais concellos de Carnota, Muros, Outes e a maior parte de Mazaricos.

Arias Muñiz, de conspirador a arcediano de Trastámara e canónigo da Igrexa de Santiago
A principios do século XII, Galiza era unha pota a presión onde os intereses de monarquía, nobreza e clero friccionaban continuamente nunha loita continua pola acumulación de poder, propiedades e privilexios, onde a diferencia entre o político e o relixioso debeu ser imperceptíbel. A coroa do Reino de Galiza estaba en plena disputa e unha coalición liderada por Pedro Froilaz de Traba e a raiña Teresa de Portugal asediaba Compostela para forzar a caída da raiña Urraca e asi poder instaurar na coroa o seu protexido Afonso Reimúndez.

Un dos instigadores daquela sublevación chamábase Aria Munincide, ou Arias Muñiz, quen segundo a documentación, a consecuencia dunha das súas habituais arengas ao pobo e o clero de Santiago provocou un levantamento popular contra Xelmírez, polo cal foi tachado de conspirador e traidor pola Igrexa. En realidade Arias Muñiz non ansiaba derrocar o arcebispo senón lograr poder relixioso e concretamente facerse co título de arcediano da poderosa terra de Trastámara. A Mitra compostelá opúxose frontalmente, mais ante o avance do pobo alzado, e véndose xa derrotado e a piques de ver todos os seus pazos destruídos, Xelmírez finalmente accede ás pretensións deste pésimo home: coa condición de devolver o título cando a Igrexa queixer, Arias Muñiz é nomeado arcediano de Trastámara, máxima autoridade relixiosa das vastas terras baixo o dominio dos castelos de San Xurxo, Traba e Ferreira, é dicir, desde o río Tambre ata Bergantiños. E, á vista do ritmo dos acontecementos, non perdeu o tempo.

A xestación dunha revolta popular
O novo apoderado eclesiástico axiña debeu colisionar cos intereses do señor feudal das terras de Carnota, Rodrigo Pérez de Traba, e máis aínda -polo que parece- cos dos seus vasalos. De certo xa debía ser duro abondo entregar boa parte do froito das túas cobizadas piscarias e fértiles terras a un señor para máis ter que compracer en adiante a outro máis.

A insistencia nas propias fontes eclesiásticas en defender a labor civilizadora de Arias Muñiz na súa prédica sobre o noso pobo, ao que califica de bárbaro e ignorante, sinala un segundo factor para a insurrección: a chegada do novo arcediano supuxo un forte choque cultural e relixioso para a xente. Asi, e segundo a descrición literal da igrexa de Santiago, Arias Muñiz predicaba con austeridade a verdade ao clero e ao pobo desas terras, qui erant idiotae & fere indisciplinati, é dicir que eran uns ignorantes, salvaxes e indisciplinados, mentras que Muñiz era varón bo e discreto que só procuraba instruilos e iluminalos nos preceptos da Sacra Escritura. Parece claro que Arias Muñiz loitou activamente para someter ideoloxicamente aquel pobo e destruír o seu sistema de crenzas tradicional, e tamén que a poboación puido reaxir en defensa do seu ante o que trataban de impoñerlle.

Cova da Xoana ou Revertedemos
Cales puideron ser estas crenzas antigas? É dificil sabelo toda vez que se perderon na memoria dos tempos, pois a historia escríbena sempre os vencedores. Pero é moi de ter en conta que determinados rituais que a ollos da igrexa católica só poden calificarse de herexías chegaron con relativa boa saúde incluso ata os nosos días a través da tradición oral. Por dar algúns exemplos, a visión da Cova da Xoana (tamén chamada Revertedemos) coma unha catedral natural na que se practican cultos e -unha vez ao ano, na noite de San Xoán- un gran aquelarre das bruxas da comarca cun demo de nome Miguel; os encantos e fadas máxicas que custodian os nosos ríos e os seus tesouros agochados; a auga que se recolle das pozas da Laxe da Moa a xeito de auga bendita; os ritos de fecundidade e sanación vinculados a determinados espazos e pedras; as visións espectrais, terríbeis monstros, ou maldicións que agardaban a quen non cumprira determinado rito no momento exacto... e outro tipo de rituais que nos falan dun sistema de crenzas politeista que outorgaba aos elementos da natureza características de divindade. Todo isto debía estar a anos luz do monoteismo antropocéntrico que o cristianismo trataba de instaurar, combatindo outras crenzas con dureza ou no mellor dos casos tratando de absorbelas e incorporalas mediante a cristianización dos seus símbolos e referentes. Así, no monte Pindo podemos atopar cruces medievais gravadas en practicamente todos os espazos considerados de culto e mesmo se ergueu unha remota ermita ao pe da mesmísima Laxe da Moa. Porén, ter que aturar a monserga dun recén chegado que despotricaba a cara descuberta contra un sistema de vida e de crenzas tan antigo e arraigado coma os máis rexos carballos puido ser demasiado que aturar para aquel pobo.

Ilustración do momento da coroación de Afonso VII
O terceiro factor que puido acender a chama da rebelión é que o señor destas terras, Rodrigo Pérez, tampouco debía sentirse particularmente cómodo coa chegada dun destacado representante da igrexa de Santiago para disputar o seu poder territorial, e moito menos tratándose dun mandado de Xelmirez co cal a poderosa estirpe dos Traba xa tradicionalmente non tiña boa relación, pois aparte da oposición de Xelmírez á aceptar a aposta dos Traba para a coroa galega, só tres anos antes de estalar a revolta de Carnota, o 13 de novembro de 1127, Rodrigo ve coma o rei de Galiza dalle o seu Castelo de San Xurxo con todas as súas dependencias á Mitra compostelá a cambio de facerlle unha homenaxe anual ao monarca, véndose obrigado Rodrigo a renderlle preito a Xelmirez para poder seguir usando a fortaleza e disfrutando dos seus privilexios e vasalos: unha humillación ao inxente poder dos Traba en plena decadencia vital do patriarca e magnate Pedro Froilaz, que finaría no tempo da rebelión carnotá.

Se ben non queda claro que o Conde Rodrigo Pérez de Traba participara personalmente no levantamento armado, parece claro que a súa man condescendente e mesmo instigadora podería estar detrás dunha rebelión popular contra o arcediano, toda vez que parece que as propias fontes parecen indicar que o pobo tomou no Castelo de San Xurxo as cabalgaduras e as armas empregadas no posterior ataque, o que practicamente implica a colaboración necesaria do seu ocupante e tenente cos acontecementos que estaban por producirse.

Ano 1130: O pobo de Carnota levántase contra o arcediano
Non conservamos documentación imparcial sobre como transcorreu concretamente o episodio, nin sabemos cantos homes participaron no levantamento, nin tampouco cantos homes configuraban o séquito do arcediano. Pola descrición da Igrexa parece claro que non se tratou dun típico asedio senón dunha auténtica emboscada en campo aberto liderada por labregos e nobres armados, e que tivo lugar no ano 1130 contra unha comitiva de Arias Muñiz nalgún punto do Condado de Carnota, probabelmente no entorno do Monte Pindo, no que ata no século XVIII se practicou o bandoleirismo e mesmo se recomendaba contratar escolta para cruzalo con seguridade. En fin, os emboscados lograron capturar a Arias Muñiz, despoxárono de todas as súas monturas, roupas e pertenzas e despois de darlle unha malleira fixérono preso nos calabozos do castelo de San Xurxo.

A Igrexa describe os feitos asegurando que o pobo de Carnota, estimulado por inspiración do diaño, levantouse insurrecto contra Arias, prendeuno, descabalgouno e despoxouno das súas roupas, azoutouno e recluíuno sen misericordia no cárcere. Máis aló da insistencia na boa fe das intencións do arcediano sobre aquel pobo bárbaro e incivilizado, a Igrexa non da ningunha pista do móbil real do levantamento, se ben parece pouco probábel que sexa unha prédica austera a que esté detrás de tal revolta que golpeaba en pleno corazón das indiscutidas estruturas de poder da Igrexa de Santiago da época.

Xelmírez entra en cólera
Coro da Igrexa de Santiago
A noticia do levantamento armado non tardou en chegar a Compostela, onde o arcebispo Xelmírez, moi aflixido, reacciona de inmediato convocando aos seus coengos a cabildo para buscar consello sobre que facer para apaciguar a revolta e castigar aos culpábeis; Este acorda expresar a dor polo acontecido vestindo todos de loito e celebrar Santos Oficios no Coro, baixados das súas cadeiras e en silencio. Asi mesmo, ordena baixar ao chan todos os crucifixos da Catedral.

No canto ás condenas polo sucedido, a Rodrigo, coma señor daquelas terras ao que consideraban dirixente dos malfeitores e por tanto responsábel da revolta, imponlle a anatema, é dicir, unha maldición que supón a súa expulsión da comunidade relixiosa. Por último, acorda a excomuñón daquelas terras bárbaras, o que concretou mandando gravar nunha laxe do Monte Pindo unha gran cruz e, debaixo, esta inscrición: Reis, bispos e presbíteros, todos por poderes recibidos de Deus, excomulgaron aquí este castelo.

Non se trata desde logo dun proceder común que a máxima autoridade relixiosa dun Reino excomulgue un territorio físico como fixo Xelmírez, pois se ben ese era un castigo de primeira orde estaba en todo caso reservado para os humanos, non para os montes por moi sagrados que estes sexan. É máis, é o único caso que coñecemos en que isto pasou. Esta decisión totalmente extraordinaria de excomulgar o territorio debía pretender dividir as culpas entre toda a poboación, e probabelmente magnificar a importancia deste episodio para salientar o seu enfrontamento cos Traba e quen sabe se mesmo provocar outra revolta popular, mais contra Rodrigo.

Rodrigo nega a súa participación na revolta
En todo caso, a reacción da Igrexa de Compostela foi tan inusitada que Rodrigo Pérez de Traba apurou a negar todo vencello co acontecido, xurando sobre o texto dos evanxeos que el non coñecera nin mandara deshonrar ou facer preso ao arcediano, e comprometeuse a liberalo e restituirlle todo o lle fose roubado, asi coma capturar e entregar a Santiago a todos aqueles labregos que tiveran algunha relación co ataque xunto coas súas posesións e propiedades, e tamén a retirar os privilexios e favores de que gozaran nobres e cabaleiros que participaran dalgún xeito no levantamento, mentras non demostraran arrepentimento. Todo isto díxoo o propio Rodrigo en Compostela, en presenza dos coengos e do propio Xelmírez, e acompañou esta declaración de intencións con varias homenaxes e doazóns á Igrexa de Santiago, coma o Castelo de Faro, que puido ser a Torre de Hércules.

Excomuñón de Penafiel, vandalizada recentemente
A enmenda pareceulle xusta e suficiente á Igrexa de Compostela e Rodrigo non só atopou o perdón senón que se reconciliou con Xelmírez, e mesmo fixéronse bos amigos desde ese intre. Descoñecemos se finalmente Rodrigo entregou algún nobre ou labrego dos que participaran na revolta a Xelmírez, mais el e a súa muller convértense en grandes benefactores da Igrexa, e practicamente todas as referencias documentais del e a súa familia a partir deste intre consisten en novos donativos e beneficios á mesma.

Malia todo a inscrición excomulgando o Monte Pindo segue gravada na pedra e esta historia, segundo a Igrexa, serviu de advertencia para que outros non se atreveran a repetir alzamentos similares contra os seus representantes. Aínda que trinta anos despois, no Libro V do Códice Calixtino, seguía describindo aos galegos coma un pobo iracundo e litixioso...
A captura do arcediano, na Historia Compostellana
Captio Archidiaconi per R. Comitem & animadversio Archiep. in eumdem quousque satisfaceret. Cap 16 Quidam B. Jacobi Apostoli Ecclesia Archidiaconus nomine A. Munincides, Archidiaconatum suum in terris S. Georgii, Travae & Ferrariae ad Castra pertinentibus, sub Comite Ruderico Petri Comitis filio tenebat, & quia Clero & populo illarum terrarum, qui erant idiotae & fere indisciplinati, veritatem austere praedicabat, & eos ut vir bonus & discretus Sacrae Scripturae praeceptis instruere & illuminare volebat, multi ex illis terris, tam milites, quam rustici, diabólico, instinctu stimulati in eum insurgentes captioni mancipaverunt, & eum dehonestantes & verberantes, & a suis equitaturis & vestimentis cum suis sequacibus privantes, in carcerem immisericorditer retruserunt: quod Dominus Compostellanus audiens, inde nimis contristatus, inito Capitulo cum suis Canonicis, & accepto consilio ab illis, omnes Crucifixos totius Ecclesiae in terram deponi praecepit: Canónicos pullatos & vehementi dolore affectos, & sedibus suis descenderé & divinum officium sub silentio in choro celebrare fecit terras illas super nominatis Castris appendentes, in quibus ipsi malefactores habitabant, in tanti sceleris ultionem excommunicavit, & anathematizavit. Comes autem excommunicationem & ipsius Compostellani inimicitiam valde metuens, Archidiaconum captum statim solvi, & de omnibus rebus quas amiserat reintegran praecepit, deinde Compostellam venit se de tanto scelere purgaturus, & justitiam erga Compostellanum, & praedictum Archidiaconum plenariam executurus. Cumque in colloquium venissent multis litigiis contentionibus de dedecore Ecclesiae illato, & de Archidiaconi inter se diu habitis, Comes juxta judicium & consilium virorum illustrium qui aderant, se Archidiaconi captionem nec scisse, nec consuluisse, nec praecepisse super textum Evangeliorum in Choro В. Jacobi coram Clero & populo propria manu cum allis XI. nobilibus, Garsia Petride, Petro Gutierride, Petro Diaco, Pelagio Curvo, Salvatore Nunicide, Aria Munincide, Petro Munincide, Martino Sanciade, Joanne Gutierride, Nunu Pelagide: Municide, juravit. Promisit etiam & similiter juravit, quod rústicos illos qui praefatae captioni interfuerant, & Archidiaconum dehonestaverant, cum omnibus suis possessionibus hereditatibus in manum Dñi. Compostellani traderet, ut justitiam talem qualem sibi placeret, de eis acciperet. De militibus autem, qui erant nobiles & potentes, promisit & juravit, quod eis praestimonia sua, quae a setenebant, omnimo auferret, & eos a se tandiu excluderet, donec plenariam justitiam erga Dominum Compostellanum & suam Ecclesiam exequeretur. Hoc facto Comes & Dñs Compostellanus invicem reconciliati sunt. & facti boni amici, & Dñs. equidem Compostellanus tam asperam de Comite & illis malefactoribus justitiam accipere voluit, ut ipse, & sua Ecclesia, & sui Canonici inde honorati essent, & ut alii perterriti suas manus ad tantum scelus deinceps extendere non auderent.
Mario Maceiras Dosil, secretario da Asociación Monte Pindo Parque Natural

20/07/15

A Xunta recoñece que o Monte Pindo é un dos lugares máis queimados do país

Ata os astronautas poden ver o que a Xunta non quer ver
A Consellería de Medio Rural vén de publicar recentemente datos estatísticos das localidades con máis actividade incendiaria do noso País durante a última década. Tristemente, o Monte Pindo lidera o funesto podio. Este é a primeira vez que a Xunta recoñece oficialmente a situación extrema que vive o Olimpo Celta a consecuencia do seu abandono, e desmantela o argumento habitual de que este espazo está «suficientemente protexido» que esgrimen para negar calquera intervención ou investimento neste espazo natural que por lei lle corresponde xestionar.

A estadística, que identifica 79 parroquias galegas con alta actividade incendiaria (PAAI), recolle as hectáreas queimadas na parroquia do Pindo, situándose como terceira localidade galega máis afectada polo lume na última década, con máis de tres mil hectáreas arrasadas, só por detrás de Cerdedo e Manzaneda. É de destacar que outra parroquia colindante, a de Colúns no concello de Mazaricos, sitúase no 5º posto da mesma estadística con máis de dúas mil hectáreas ardidas polo que é de supoñer que parte deses lumes afectaron igualmente ao Monte Pindo. Descoñecemos se á hora de facilitar os datos a Xunta contabilizou as hectáreas do espazo natural pertencentes á parroquia de San Mamede de Carnota, ou se polo contrario as omitiu. Nese caso o espazo ardido aínda sería moi superior ao que o informe revela.

Os datos revelados por fontes oficiais da mesma Administración que asegura estar facendo as cousas ben neste espazo confirman máis aínda o estado de abandono e esquecemento ao que a Xunta ten submetido o Monte Pindo e a veciñanza do seu entorno, e que preto de dúas centas entidades e ducias de científicos e investigadores veñen denunciando desde hai case 5 anos, esixindo nomeadamente que se remate con esta situación desesperada mediante a declaración do Parque Natural e a activación dos consecuentes plans de actuación que implica. Esta reivindicación demóstrase agora máis xusta e necesaria que nunca, pois a altísima incidencia do lume nesta zona non só ameaza vidas e propiedades, senón tamén unhas 150 especies protexidas por algunha figura legal, segundo o Catálogo de Especies do Monte Pindo, biodiversidade recoñecida pola Unión Europea outorgándolle o recoñecemento de ZEC no programa Rede Natura 2000. A Xunta non só non fixo absolutamente nada a consecuencia disto, senón que mesmo ignorou a denuncia de que se están producindo repoboacións de eucaliptos nas terras queimadas.