16/06/15

Que foi da repoboación prometida pola Xunta no Monte Pindo esta primavera?

O mítico Penafiel, envolto en lapas en setembro de 2013
Xa murchan as dedaleiras, van secando os regatos e a ameaza estival do lume volverá a pender axiña sobre todo o monte galego, e moi nomeadamente nos espazos naturais senlleiros que seguen décadas despois sen ningunha medida de protección real, e as poucas que teñen reducidas a caracteres impresos nun papel. No Monte Pindo sabémolo ben, e partimos dunha situación difícilmente empeorábel, pois no 2013 como todos saben cumpríronse todos os prognósticos e o Olimpo Celta viuse arrasado por un lume produto do abandono, aínda que o goberno da Xunta culpou en exclusiva a un suposto pirómano do que nunca máis se soubo, e iso que xa leva 642 días buscando.

Iris boissieri, 13/6/15
Hoxe a situación está francamente igual que o día despois de que nos ameazaran con sancionarnos se non cesábamos no noso empeño de repoboar o monte coa axuda do voluntariado. A macabra orde frenou en seco os traballos cando xa levábamos 1050 carballos e 2500 castiñeiros sementados, asi coma toneladas de gramíneas venteadas nas zonas onde os nosos técnicos detectaran risco inminente de escorrentías de cinzas. Acto seguido a Xunta teatralizou unha espectacular operación de lanzamento de palla helitransportada no 0,16% da superficie e asegurou que non era o momento de facer máis nada, insinuando sempre que a situación estaba dominada, e que as repoboacións comezarían na primavera de 2015. De nada serviron as peticións desesperadas de axuda de veciñanza, concello e axentes sociais, nin sequera dúas multitudinarias manifestacións para pedirlle á Xunta solucións reais aos problemas no Monte Pindo, pois é quen ten todas as competencias sobre a súa xestión. En efecto, días despois toneladas de cinzas arrincadas do Monte Pindo polas primeiras augas torrenciais asulagaban pobos, ríos e bancos marisqueiros ante a desesperación xeral, e sobre todo das mariscadoras que loitaban en van por retirar os lodos coas súas propias mans antes de que afogase a produción por completo e por tanto o seu medio de vida. A épica e desigual loita non fixo senón evocar as funestas imaxes dos tempos do Prestige, cos mesmos herois e cos mesmos culpábeis.

A Xunta nunca desenvolveu as repoboacións que prometeu
Ao marxe das medidas estéticas para captar o titular mediático, nunca máis se volviu saber da Xunta na zona, literalmente. A repoboación que supostamente tería que terse efectuado esta primavera que xa remata, nunca existiu. O que si se cumpriu ao detalle foron os patróns de expansión de eucalipto que prognosticaran os técnicos da nosa Asociación, pois hoxe esta especie colonizou con forza lugares aos que nunca chegara, incluindo o único hábitat que ten en Galiza o Carballo anano (Quercus lusitanica Lam.). Todas as alarmas foran ignoradas por un goberno cego, xordo e mudo ante as (varias) enfermidades que padece este Monte, abocadas a ser terminais en mans de facultativos tan incompetentes para desenvolver o seu cometido, pois non só actuaron con neglixencia senón o único que fixeron foi impedir que ao enfermo se lle puidese aplicar ningún tipo de tratamento. A conta atrás parece activada, e a pesar dos estertores que a veces nos fan soñar con que certa recuperación aínda é posíbel, coma o feito de ter atopado esta fin de semana, no contexto do V Trail Monte Pindo, un só pé de lirio de monte (Iris boissieri, en risco crítico de extinción a nivel mundial), outras veces todo parece condenado en canto non pase que algo radical, e perdida toda esperanza na reacción deste goberno galego o único que podería supor unha virada de timón é o cambio de goberno na Xunta que se fai esperar demasiado.
Patróns de expansión de eucalipto prognisticados por
Jorge Pérez, enxeñeiro forestal e directivo da AMPPN
Arrecian as críticas científicas contra a posición da Xunta
Profesor Dr. Valeriá Paul
Acaba de publicarse na revista científica International Journal of Development and Environment o artigo The Ambiguous Geographies of Protected Areas in Galicia dos profesores de Xeografía e Ordenación do Territorio Valerià Paül, Miguel Pazos e Xosé Santos, no que explican que o goberno galego tratou as figuras de protección da natureza en Galicia coma simples imposicións europeas, ata o punto de recoñeceren abertamente que as aplican por cumprir pero sen pretender con elas lograren ningún efecto real. De feito, extenden a súa crítica á negativa da Xunta a crear novos Parques Naturais, aínda que existe desde 2010 unha «intensa campaña social» para reforzar a escasa protección do «emblemático e pintoresco» Monte Pindo mediante esa figura. Deixámosvos co fragmento e coa tradución do mesmo, que podedes atopar na páxina 71 da obra.
Since 2009
In 2009 the conservative party that had ruled Galicia until 2005 returned to power. In the past 5 years they have come to power no little progress has been made and there has been a clear lack of commitment to the protection agenda. In 2009 the ruling party was forced by the European Commission to designate an area of almost 7,000 hectares in the Limia district with a large bird population as a Special Protection Area (spa) under the Birds Directive, in the Natura 2000 Network. In the Gazette (Diario Oficial de Galicia) published on 15/10/2009, the Galician Government openly wrote that the designation as spa means that “the area becomes a Natura 2000 protected area but it is not considered a protected natural area” (p. 16231). With this intricate and confusing text, the Xunta meant that the spa designation was compulsory because of an obligation to toe the line in European directives, but that the designation does not mean that the area is protected under Galician and Spanish legislation.
Another case in point is the refusal to designate new Natural Parks. Pindo Mountain is an emblematic and scenic coastal mountain already designated sci, where an intense social campaign is taking place since 2010 for the designation of a Natural Park that would reinforce the existing (but weak) protection by providing stronger planning, investment and management enforcement. The Galician Government has repeatedly denied the need for such a Natural Park.
PAUL, Valeriá: The Ambiguous Geographies of Protected Areas in Galicia. Ambiente y Desarrollo. International Journal of Development and Environment 01/2015; 19(36):60-79. DOI: 10.11144/Javeriana.ayd19-36.agpa.

[Tradución ao galego] Desde 2009
No 2009 o partido conservador que gobernou Galicia ata 2005 voltou ao poder. Nos pasados 5 anos desde que chegaron ao poder non tivo lugar nin o máis mínimo avanzo e houbo desleixo coa axenda da protección. En 2009 o partido gobernante viuse forzado pola Comisión Europea a designar unha área de case 7.000 hectáreas na zona da Limia cunha gran poboación de aves coma unha Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA), na Rede Natura 2000. Na Gaceta (Diario Oficial de Galicia) publicado en 15/10/2009, o goberno galego afirmaba abertamente que a designación desa ZEPA significaba que "a área convértese nunha zona protexida da Rede Natura 2000, pero non se considera unha zona natural protexida". )p. 16231). Con este texto intricado e confuso, a Xunta admitía que a designación da ZEPA fora unha obriga derivada da imposición de directivas europeas, pero que esa declaración non significaba que a área esté protexida baixo a lexislación galega e española.
Outro caso é o rexeitamento a declarar novos Parques Naturais. O Monte Pindo é un monte costeiro emblemático e pintoresco xa declarado LIC, onde ten lugar unha intensa campaña social desde 2010 para declarar un Parque Natural que reforce a protección existente (aínda que escasa), proporcionando unha planificación máis forte, investimento e reforzo da xestión. O Goberno Galego ten denegado repetidamente a necesidade deste Parque Natural.