|
Un dos puntos máis espectaculares do Trail |
As condicións non poderían ser máis idóneas para facer xustiza ao recén estreado apelido do
V Trail Monte Pindo: O "
Trail máis duro de Galicia". A tarde do sábado ofreceu unha meteoroloxía tan cambiante e adversa que poucos podían esperar o que lles agardaba aló arriba, a 627 metros.
Se ben a tarde comezou cuberta mais apacíbel, segundo se ía gañando altura a paisaxe ía desaparecendo tupida por unha mesta néboa de choiva, no medio duns ventos por veces infernais e tamén o frío máis propio do inverno que dos prolegómenos do verán. Asi, á dureza da proba sumouse as adversidades engadidas polo tempo, cun chan moi esvaradizo sobre todo nos tramos que percorren por granito, fortísimos ventos que case obrigaron a impor o uso de cortaventos e choiva persistente durante os tramos máis escarpados.
|
Estes foron no 2015 os verdadeiros Reis do Monte Pindo |
Asi e todo, nada menos que 280 das 316 persoas inscritas lograron conquistar o
V Trail Monte Pindo, 16 delas por debaixo dunhas incríbeis dúas horas e media. Nesta edición coroáronse como auténticos Reis do Monte Pindo (por este orde) o nicrariense
Luis Calvo Castro, o nigranés
Luis Martínez Comesaña e o dodrés
Samuel Saborido Soñora, cunha chegada axustadísima a partir dos 02:10:44 e en menos de 30 segundos de diferencia.
A proba contou cunha alta participación feminina, e a muller mellor clasificada foi a coruñesa
Almudena Suárez Pazos, 58ª na xeral cun espectacular tempo de 2 horas e 50 minutos, sendo a primeira veterá a viguesa
Margarita Beiro González. sendo o terceiro posto desa categoría para a ceense
Belén Pérez Martínez, . O primeiro veterán masculino foi o redondelán
César Santos Barciela, que conquistou nada menos que o oitavo posto da xeral. Dentro dos corredores locais, salientar a magnífica participación dos
Praia de Carnota Runners, equipo
amateur conformado por unha ducia de veciños do noso Concello e do entorno, que lograron situarse en torno ao posto cen e por debaixo das tres horas, tempos absolutamente brillantes tratándose da xa considerada
proba raiña dos trails galegos e non sendo profesionais. O resto dos resultados pódense consultar
aquí. Os premios a todos eles, obra do artesán local
Nacho Porto, foron entregados en nome de GMTA
José Moutinho, en nome de Monte Pindo Parque Natural
Mario Maceiras e polo alcalde de Carnota
Ramón Noceda, reelixido como tal esa mesma mañá.
|
Aspecto que ofrecía o control de dorsais na Laxe da Moa |
A
Asociación Monte Pindo Parque Natural, que organiza desde este ano a proba xunto a
Galicia Máxica Trail Adventure, queremos agradecer a profesionalidade, seriedade e exemplo da nosa entidade compañeira na organización GMTA, da que aprendemos moitísimo para mellorar no futuro non só esta proba senón as nosas propias actividades; a colaboración do
Concello de Carnota e de
Augas de Mondariz; a disposición dos negocios locais que colaboraron (Sol e Mar, Pensión A Morada, Casa de Turismo Rural Xanela da Lúa, Panadería Parada, Covirán e outras que amosaron a súa vontade de colaborar no futuro); e, sobre todo, o incuestionábel compromiso do voluntariado que asumiu tarefas de control de dorsais, tomando fotos, no reparto de víveres nos avituallamentos, no control de cruces e nas tarefas de coordinación, loxística e seguridade..., contribuíndo a que unha proba tan complicada se desenvolvera con éxito e sen ningún incidente que reseñar, nun día no que permanecer quedo durante horas nun punto determinado do Monte Pindo parece máis ben a última opción que calquera persoa nos seus cabais elixiría.
Por último, a moi nomeadamente, queremos agradecer a espectacular resposta de corredores e familiares á nosa chamada para conquistar o Olimpo Celta, pois eles son os verdadeiros herois do día, e non podemos finalizar sen dirixir unha mención moi especial ás 36 persoas que non lograron completar a proba. Algunhas por teren sufrido pequenas lesións, outras por non ter podido acabar; na próxima edición de seguro non se lles resistirá.
En nome do conxunto desta humilde entidade veciñal que nunca soñou sequera con poder participar en algo tan grande, grazas a todas e todos!