Un dos que sempre quixemos recuperar pois estaba absolutamente impracticábel desde facía décadas é o que leva desde O Pindo ata Quilmas por debaixo do Pedrullo. Trátase dun camiño que en tempos pasados era o habitual para ir dun lugar a outro, pero que rematou por abandonarse cando se melloraron as vías actuais. De feito, a maior parte do trazado transcorre entre dúas murallas monumentais, o que da fe da importancia histórica que tivo este camiño, e que agardamos volva a ter cando rematemos os traballos polo menos a nivel de sendeirismo.
En branco, a subida tradicional do Pindo. En verde o camiño a recuperar. |
Por se a soa satisfacción de recuperar o camiño para aproveitamento de todos os veciños non era suficiente engado para acometer os duros traballos, o Monte Pindo sempre garda unha recompensa a quen se preocupa por el, e esta vez verdadeiramente deixounos abraiados: unha impresionante fervenza de 3 a 4 metros a carón do camiño saudounos ruidosamente cando chegamos limpando ata aproximadamente a metade do trazado. Está situado no medio dun auténtico xardín botánico natural no que xa estoupou a primavera por medio de miles de dedaleiras púrpuras, xestas amarelas, vincas azuis, brancas abrótegas... compoñendo un tapiz multicor que non parece corresponderse co arruinado paisaxe queimado do entorno e que merece unha xornada de posta en valor e limpeza en si mesmo.
Cremos que pola localización e a descrición a zona pode corresponderse co lugar exacto onde a fotógrafa e etnógrafa norteamericana Ruth Matilda Anderson conta nas súas crónicas que esvarou no ano 1924, estando a piques de romper a súa cámara e de estragar todo o seu traballo, que hoxe en día é unha das mellores testemuñas históricas da idiosincrasia e tradicións galegas.
Pendente queda unha segunda xornada de traballo.