27/05/15

Presentamos o Trail máis duro de Galicia

Cartel do V Trail
Galicia Máxica Trail Adventure (GMTA) e Asociación Monte Pindo compracémonos en presentar o V Trail Monte Pindo, que se celebrará o 13 de xuño de 2015 e que en adiante levará o subtítulo "O Trail máis duro de Galicia". Cando vexades o percorrido que vos temos preparado entenderedes por que.
A flamante alianza das organizacións deportiva e veciñal, froito dun convenio asinado en decembro, trouxo bastantes cambios a unha proba que xa se tiña gañado un ben merecido nome no circuito do trail galego. Cambiamos moitas cousas, algunhas que esperamos que non notedes, e outras que esperamos que si.

Percorrido ampliado e mellorado

A primeira serie de cambios son de percorrido. A saída e a meta volverán á estar na praza da Solaina, en pleno corazón do Pindo antigo. Queremos que vexades moito máis Monte Pindo polo percorrido será duns 23,5km. E non vos preocupedes, seguiredes tendo pendentes de ata un 30% e as esixentes baixadas que vos retaron en edicións anteriores. Pisaredes moitísimo menos asfalto, xa que supoñemos que non vides a Carnota a esquivar coches. Tamén procuramos que pasedes por cerca de monumentos naturais e accidentes xeográficos que vos deixarán pampos (agardamos que os segundiños que vos fagan perder non empeoren demasiado os vosos tempos). Introducimos algúns retoques no percorrido que nos axudarán a percorrer máis camiños tradicionais á vez que evitamos a monotonía e a rutina de quen xa teña participado. Ademais, e isto é importante, queremos que o Trail nos sirva para recuperar os camiños tradicionais que estan quedando abandonados, e non hai nada mellor para eso que dalos a coñecer e percorrelos.

Melloras loxísticas

A segunda serie de cambios será no aspecto loxístico e técnico. Melloramos algúns aspectos da organización que esperamos que non notedes salvo para ben. As instalacións dos postos de control e de avituallamento estarán mellor dotados e interconectados mediante radioemisoras, pois queremos saber en todo o momento que aló arriba todo está ben. Tamén imos promocionalo moito máis que ata agora, pois xa que o Olimpo Celta acolle o Trail máis duro de Galicia, que menos que a xente o saiba. Tamén queremos que a xente da zona se implique máis, pois unha proba deportiva de alto nivel no noso Concello benefícia a todo o mundo.

Máis beneficios para todos

En terceiro lugar e non menos importante, queremos ampliar a experiencia dos participantes, que ata agora chegaban, corrían e marchaban. Este ano e por primeira vez a organización negociou cos aloxamentos da zona un prezo exclusivo de 25 euros por habitación e noite para os participantes do V Trail Monte Pindo, para asi lograr que permanezan un día máis no Concello a disfrutar das praias, o patrimonio, a gastronomía ou simplemente tomar algo na zona sen os apuros do día da proba. Con isto pretendemos que o Trail Monte Pindo beneficie máis aínda a todo o pobo que traballa cada ano para ter unha paisaxe tan bonita e coidada.

Non hai excusas para non enfrontar o reto que nos agarda no Monte Pindo este sábado 13 de xuño con saída prevista ás 17:30h. As inscricións xa están abertas, e centos de deportistas están xa a prepararse en toda Galicia para tratar de atravesar a meta da Solaina pulverizando as súas marcas personais, e quen sabe se tamén as colectivas. Pois diso mesmo, de superarse a un mesmo nun entorno natural incomparable e nun ambiente fraternal, vai o Trail Monte Pindo que vos presentamos hoxe aqui e na flamante web trail.montepindo.gal.
V Trail Monte Pindo: O Trail máis duro de Galicia. Prepárate!


Seguimos traballando

Este sábado 30 de maio, a partir das 10:00h na Igrexa do Pindo, o voluntariado polo Monte Pindo terá unha nova cita para seguir coa limpeza do camiño tradicional O Pindo-Quilmas no que xa operamos en datas recentes, para concluír uns 350m restantes co gallo de estrealo precisamente mediante a súa incorporación ao percorrido do V Trail Monte Pindo.
Agardamos poder contar coa túa axuda!

11/05/15

Comezamos os traballos de recuperación do camiño histórico do Pindo a Quilmas; a recompensa foi magnífica

A Asociación Monte Pindo e Galicia Máxica Trail Adventure iniciaron esta fin de semana os traballos de recuperación de camiños tradicionais no Olimpo Celta, en virtude do convenio asinado entre ambas partes para a organización do VI Trail Monte Pindo que terá lugar o vindeiro 13 de xuño, e no que un dos acordos consistía, precisamente, en aproveitar o percorrido para recuperar os camiños abandonados do Monte Pindo antes de que se perdan para sempre.

Un dos que sempre quixemos recuperar pois estaba absolutamente impracticábel desde facía décadas é o que leva desde O Pindo ata Quilmas por debaixo do Pedrullo. Trátase dun camiño que en tempos pasados era o habitual para ir dun lugar a outro, pero que rematou por abandonarse cando se melloraron as vías actuais. De feito, a maior parte do trazado transcorre entre dúas murallas monumentais, o que da fe da importancia histórica que tivo este camiño, e que agardamos volva a ter cando rematemos os traballos polo menos a nivel de sendeirismo.

En branco, a subida tradicional do Pindo. En verde o camiño a recuperar.
Esta foi a mellor recompensa
Por se a soa satisfacción de recuperar o camiño para aproveitamento de todos os veciños non era suficiente engado para acometer os duros traballos, o Monte Pindo sempre garda unha recompensa a quen se preocupa por el, e esta vez verdadeiramente deixounos abraiados: unha impresionante fervenza de 3 a 4 metros a carón do camiño saudounos ruidosamente cando chegamos limpando ata aproximadamente a metade do trazado. Está situado no medio dun auténtico xardín botánico natural no que xa estoupou a primavera por medio de miles de dedaleiras púrpuras, xestas amarelas, vincas azuis, brancas abrótegas... compoñendo un tapiz multicor que non parece corresponderse co arruinado paisaxe queimado do entorno e que merece unha xornada de posta en valor e limpeza en si mesmo.

Cremos que pola localización e a descrición a zona pode corresponderse co lugar exacto onde a fotógrafa e etnógrafa norteamericana Ruth Matilda Anderson conta nas súas crónicas que esvarou no ano 1924, estando a piques de romper a súa cámara e de estragar todo o seu traballo, que hoxe en día é unha das mellores testemuñas históricas da idiosincrasia e tradicións galegas.

Pendente queda unha segunda xornada de traballo.

08/05/15

Voluntariado no Monte Pindo (VI): Camiño O Pindo - Quilmas

A Asociación Monte Pindo Parque Natural ten a ben anunciar que o vindeiro domingo 10 de maio imos volver a coller as botas e o fouciño para proceder á recuperación dun camiño que atravesa o monte desde a subida ao Castelo de San Xurxo desde a Igrexa do Pindo ata o lugar de Quilmas que o noso colectivo vai recuperar despois de décadas pechado polos toxos e xestas.

Esta iniciativa encádrase no convenio entre a nosa entidade e a GMTA para aproveitar a organización do VI Trail Monte Pindo o vindeiro 13 de xuño de 2015 para limpar e dar a coñecer camiños tradicionais que levan moito tempo en desuso.

Participa e axúdanos a seguir revivindo a memoria deste monte de todos.
PROGRAMA

10:00h. Saída desde a Igrexa do Pindo.

Os asistentes deberán traer:
  • Fouciño (ou outro enser para o desbroce) e luvas de protección.
  • Bebida.
  • Calzado cómodo e roupa acaída ás condicións meteorolóxicas do día.
Confirma a túa asistencia en Facebook, escribindo a info@montepindo.org ou chamando ao 655 56 43 72.