15/12/14

Monte Pindo e GMTA acordan colaborar na organización do seu Trail polo Olimpo Celta

Represententantes das directivas, onte no porto do Pindo
Este domingo reuníronse no Pindo as directivas da Asociación Monte Pindo Parque Natural e de Galicia Máxica Trail Adventure (GMTA) para rubricar un acordo polo que se comprometen a colaborar na organización do Trail Monte Pindo, unha proba deportiva de máximo nivel que desde 2011 organiza esa asociación deportiva no Olimpo Celta, e que tentaremos consolidar e mellorar nos aspectos do respecto ao entorno, loxística, promoción, financiamento e participación popular, coa vista xa centrada na sexta edición que terá lugar o ano que vén.

Convenio subscrito entre GMTA e AMPPN
O convenio rubricouse ao remate dunha intensiva visita ás distintas rutas do Monte Pindo desenvolta ao longo da mañán, que nos proporcionou datos que servirán para o deseño do que xa será o VI Trail Monte Pindo, previsto para o 13 de xuño de 2015. Na base do acordo estabeleceron unha serie de medidas destinadas a acadar os seguintes obxectivos:
  1. Garantir a continuidade desta proba deportiva de máximo nivel e convertela nunha referencia no marco galego, estatal e internacional.
  2. Garantir o máximo respecto ao Monte Pindo e ao seu entorno, e nomeadamente a flora, fauna, xeoloxía e arqueoloxía, de xeito que ao remate da proba o espazo natural fique igual -cando non mellor- que ao inicio da mesma.
  3. Favorecer o achegamento do público a este espazo natural único para reforzar os vencellos entre a sociedade e o mesmo como unha das formas máis eficaces de conservación do medio natural.
  4. Conservar, manter e recuperar os camiños e sendeiros tradicionais do Monte Pindo.
  5. Minimizar os riscos para a seguridade e a saúde dos participantes na proba.
Ambas organizacións estabeleceron unha excelente sintonía que sen dúbida contribuirá non só ao éxito deportivo e organizativo dunha proba que polas súas condicións excepcionais pode converterse en referencial no panorama internacional, e tamén para que esta se faga desde un máximo respecto aos valores do Monte Pindo e do seu entorno privilexiado, procurando o beneficio económico para este entorno e por suposto garantindo ás persoas asistentes unha xornada saudábel, divertida e segura que -agardamos- nunca esquecerán.