19/12/14

Confirman a presenza recente de lobo e corzo no Monte Pindo

Petroglifo no Currusal
(Imaxe: Fco. X. Fdez. Naval)
O escritor Francisco Xosé Fernández Naval recolleu no seu blog A Noite Branca a interesantísima crónica dunha produtiva visita ao Olimpo Celta, desenvolta o pasado 6 de decembro na compañía dun dos maiores coñecedores do Monte Pindo, Fernando Alonso Romero, xunto con membros das súas familias. Na visita entre os muiños de Vadebois e o Chan das Lamas a comitiva localizou un conxunto de petroglifos aínda moi pouco coñecido, composto por unha cruz medieval, varias coviñas e dúas figuras podomorfas, ademais de outros símbolos que cumpre descifrar. A Asociación Monte Pindo xa está en contacto con especialistas para catalogar, extraer calcos e xeolocalizar todos os petroglifos coñecidos neste espazo, para que nunca máis se perdan.

Pegadas no Chan das Lamas
(Imaxe: Fco. X. Fdez. Naval)
Outro dos descubrimentos importantes da comitiva foi a profusión de pegadas recentes de varios mamíferos nas pistas enlamadas de San Cibrán, que permiten identificar con bastante exactitude a presenza de varias especies, o que atestigua a lenta recuperación da fauna do Olimpo Celta. Máis sorprendente é a presenza dalgunhas especies que aínda non tiñamos catalogadas no Monte Pindo, aínda que máis ou menos podíanse presupoñer: Furóns, xabaríns e, o máis impresionante, o que parecen ser pegadas de lobo e de corzo. O lobo, animal en perigo de extinción coñecido por percorrer longuísimas distancias, volve asi ao Monte Pindo por primeira vez desde o incendio, e podemos confirmar a presenza de corzo, do que nunca antes tivemos rexistros neste espazo e que desde agora incorporamos ao Catálogo de Especies do Monte Pindo grazas a esta visita.

Felices noticias, desde logo, as que nos relata o amigo Chisco e a súa inmellorábel compaña na súa bitácora personal, que vos convidamos a ler. O nadal de 2014 non podía traer mellores noticias que a volta da vida ao Olimpo Celta, vida que nunca debería ter desaparecido.