17/11/14

Unha enquisa certifica un apoio case unánime a que o Monte Pindo sexa Parque Natural

Enquisa de Sondaxe sobre o apoio ao Parque Natural
O xornal La Voz de Galicia divulgou onte os resultados da enquisa Ómnibus de Sondaxe feita a habitantes na provincia da Coruña na que preguntou específicamente polo apoio da cidadanía á proposta de que a Xunta declare o Parque Natural do Monte Pindo, concluíndo que o apoio é practicamente unánime. Preto do 75% das persoas que participaron no sondeo apoian abertamente a iniciativa, é dicir, 3 de cada 4 están dacordo ou moi dacordo. O resto ou ben amósase indiferente ou ben non contesta, mentras que o 0,0% está expresamente en desacordo.

O estudo ordena os datos estatísticos a nivel das distintas delegacións con que conta a Voz: Carballo, Barbanza e Santiago. O índice de persoas partidarias de declarar o Monte Pindo como Parque Natural é maioritario en cada unha desas divisións territoriais. En canto á estruturación sociolóxica deste apoio, é na xente nova onde se atopa un apoio máis decidido a esta declaración, o que supón que un 85% dos enquisados menores de 45 anos coñecen e valoran positivamente a proposta, porcentaxe que se reduce ao 62% entre a xente maior de 55 anos.

Os resultados constatan que a negativa da Xunta a iniciar dunha vez a tramitación do Parque Natural, tal e como lle veñen pedindo desde hai catro anos Concello de Carnota, comunidades de montes e 169 entidades de todo tipo, obedece exclusivamente a unha falta de vontade política, dado que na sociedade non existe ningunha reticencia a que esta medida se leve a cabo.

O estudo tamén revela que o Olimpo Celta é o espazo natural máis coñecido da comarca, o terceiro na provincia

Outro dos datos sorprendentes da enquisa é cando os enquisados responden sobre os espazos naturais que máis coñecen e valoran. Cun 14,5% o Monte Pindo irrumpe como terceiro espazo natural máis coñecido da nosa provincia, só por detrás dos dous parques naturais que existen a día de hoxe, o de Fragas do Eume (41,4%) e o das Dunas de Corrubedo (18,1%), que sendo o espazo natural con máis visitas do País só é 4 puntos máis coñecido que o macizo carnotán, que se coroa asi o espazo máis coñecido e valorado da comarca, moi por diante de outros sitios tan espectaculares coma os cantís da Costa da Morte e Cabo Fisterra (6,1%), penedos de Pasarela (2,3%), Verdes (2,7%) ou a propia fervenza do Ézaro (4%).

O estudo certifica o éxito da Asociación Monte Pindo Parque Natural no seu obxectivo estatutario de divulgar o Olimpo Celta a toda a sociedade, de tal xeito que a día de hoxe case se situou no nivel de coñecemento e valoración dos parques naturais consolidados que reciben millóns de euros cada ano para, entre outras cousas, dalos a coñecer. Noutras palabras, no Monte Pindo logrouse de balde o que noutros lugares custa centos de miles de euros a todos os galegos e galegas. Isto da boa fe da importancia de que exista sociedade organizada entorno aos nosos espazos naturais.

A sociedade esixe da Xunta que inicie de inmediato a tramitación do Parque Natural

Os contundentes resultados da enquisa de Sondaxe colocan a pelota no tellado da Xunta, que de continuar na súa negativa a abordar a gran demanda social estaría a confrontarse a unha case unánime maioría social que está a agardar que dunha vez inicie a agardada tramitación do Parque Natural do Monte Pindo, despois de doce anos e seis meses sen concederlle esta figura a ningún espazo natural galego, co que contravén o mandato europeo de seguir ampliando a Rede Galega de Espazos Protexidos e ten condenado ao noso País a contar con menos superficie protexida que Asturias ou Madrid, por exemplo.

A Asociación Monte Pindo vai solicitar esta mesma semana unha reunión urxente coa conselleira Ethel Vázquez, para valorar esta enquisa e instala a que publique antes de final de ano no Diario Oficial de Galicia o decreto polo que cree o Parque Natural do Monte Pindo. Despois de catro anos e de tantas promesas frustradas, ese é o único xesto que poderemos celebrar e interpretar como unha vontade inequívoca da Xunta de Galicia de atender por fin unha demanda cidadá que xa tardou demasiado.