O
Simposium Monte Pindo consolidouse en Lira como encontro de referencia multidisciplinar sobre o Olimpo Celta, logrando congregar a varios dos expertos que máis viñeron traballando nos últimos anos neste espazo. Malia que as pésimas condicións meteorolóxicas lastraron a asistencia, non o fixeron coa ilusión, os proxectos e a sensación cada vez máis xeralizada de que o apoio á declaración do Monte Pindo Parque Natural é cada vez máis unánime, como recentemente certificou
unha enquisa de Sondaxe publicada pola Voz.
Martiño-Fiz López pediu transformar o apoio en oportunidades
|
Martiño-Fiz López Lindoso
|
Precisamente esta
enquisa centrou parte da intervención do primeiro poñente, Martiño Fiz López Lindoso, biólogo e representante ecoloxista de
ADEGA no Observatorio Galego da Biodiversidade, e relator orixinal da Iniciativa Monte Pindo Parque Natural. Interesándose polos diferentes aspectos que revelan os datos estadísticos publicados, Martiño confirmou que na súa opinión confirman un apoio practicamente unánime non só da poboación local ao Parque Natural, senón o máis sorprendente é que o fixo en toda a provincia da Coruña, situando ademais o Olimpo Celta nun nivel de coñecemento máximo, só lixeiramente por detrás dos parques naturais que xa existen. Martiño felicitou á causa social polo éxito dunha reivindicación que considera imparábel, e dedicou a segunda metade da ponencia a facer propostas para converter ese gran apoio en oportunidades reais para o Olimpo Celta, que será Parque Natural a máis tardar en dous anos, segundo asegurou, cando o partido que actualmente detenta o goberno da Xunta perda o poder.
Por poñer varios exemplos, subscitou o debate de lanzar unha campaña de recadación de microdoazóns que destinar ao Monte Pindo e poder asi comezar a actuar directamente no territorio ante a falta da vontade da Xunta que facelo, dado que Monte Pindo Parque Natural conta tamén co apoio dos propietarios maioritarios: Concello de Carnota e Comunidades de Montes.
Vidal Romaní presentou os resultados das súas investigacións nas covas
|
Xoán Ramón Vidal Romaní |
Xoán Ramón Vidal Romaní, xeólogo e director do
Instituto Universitario de Xeoloxía Parga Pondal (
UDC), anunciou as incríbeis diferentes estructuras microbiolóxicas ata agora descoñecidas que veñen estudando desde hai varios anos nas covas graníticas de espazos coma o Monte Louro e o Monte Pindo. Ata agora pensábase que estas covas presentaban unhas condicións tan hostís que era imposíbel que albergaran vida. O traballo de campo de xente coma o propio Vidal Romaní e do
Clube Espeleolóxico A Trapa demostran o contrario: estas covas albergan un complexo hábitat microbiótico de especies que logran sobrevivir por diferentes procesos, as interaccións entre elas e tamén que son capaces de permanecer nunha especie de letargo cando as condicións non son propicias, para logo volver a vida cando volve a habelas.
A palestra de Romaní deixou unha sorpresa case casual. Cando enumeraba os tipos de organismos que está atopando nos depósitos de ópalo das covas do Monte Pindo, ao referirse ao pólen comezou a recitar partículas pertencentes a especies ausentes do Monte Pindo, coma o arando silvestre ou o freixo. A sorpresa dos aficionados á flora presentes foi maiúscula pois estaban a asistir sen querelo a unha verdadeira lección de arqueoloxía botánica. Á proposta de se poderíamos radiografiar o pasado ecolóxico do Monte Pindo a través deste tipo de
fósiles, Vidal Romaní dixo que estaba disposto a colaborar coa comunidade científica e as Universidades se estas se deciden involucrar.
Mar Llinares expresou a súa preocupación pola ruptura da cadea de creación e transmisión do noso sistema lendario
|
Mar Llinares |
Mar Llinares García, natural de San Mamede (Carnota), é profesora de Prehistoria da
USC, e unha das maiores expertas na tradición oral deste espazo e de toda Galiza, autora de publicacións de referencia coma
Mouros, Ánimas, Demos. O imaxinario popular galego. Nunha linguaxe evidentemente próxima, a veciña debullou o sistema lendario deste entorno e sobre todo a idiosincrasia que o produciu, pois interésanlle máis os procesos que derivan no nacemento nunha lenda ou conto, que o contido destas en si mesmo.
Neste aspecto, Llinares expresou a súa preocupación porque as lendas se están a converter en rexistros bibliográficos, pero que o seu medio natural, a transmisión oral e familiar, está desaparecendo. Nos tempos en que a tecnoloxía domina todo pero que xa case ninguén se senta a contar o que aprenderan de pais e avós, nin tampouco a crear novos contos adaptados aos tempos que vivimos. Iso supón na opinión desta experta un verdadeiro perigo de que se corte para sempre esta cadea de creación e transmisión das lendas, pois estas só teñen sentido se están vivas, circulando de boca a boca de xente que as sabe contar e enriquecela con novos detalles. A charla convidaba, desde logo, a que cada familia debe recuperar ese momento do día, ante a lareira ou ao atardecer, en que se reunía e contaba aos pequenos as vivencias, reais ou ficcionadas, que o día presentara.
Antón Malde anunciou a hipótese inédita da presenza en Carnota dun gran santuario ritual da Idade do Ferro
|
Antón Malde |
Antón Fernández Malde, arqueólogo, non é un descoñecido no noso concello. Dirixiu os proxectos de arqueoloxía popular
Torre dos Mouros e
Castro de Mallou, en Lira e Mallou respectivamente, excavados mediante unha fórmula de voluntariado civil que busca integrar aos habitantes da contorna no descubrimento do seu propio patrimonio. Isto que pode parecer de caixón sacudiu os cimentos da arqueoloxía tradicional, estase a poñer coma exemplo dun novo xeito de facer as cousas no mundo, a
Public Archaeology, e xa se ten referido como
modelo Carnota nos novos lugares onde se está a reproducir (
Croa de Niñóns,
Castro de Remonde...). Aínda que sendo máis xustos deberíase chamar
modelo Malde-Gago, polos dous impulsores orixinais.
A pesar de que a súa presencia foi confirmada só un día antes, e que acaba de superar unha etapa de convalecencia duns problemas de saúde, a Confraría de Pescadores de Lira encheuse para escoitalo. E non decepcionou. Malde non adoita vir a Carnota a deixarnos indiferentes, pero nada facía presaxiar que aproveitara esta oportunidade para enunciar unha hipótese que permite afirmar nada menos que Carnota albergaba un gran santuario ritual da Idade do Ferro. A teoría asegura que en Galiza existen grandes "espazos baleiros", é dicir, zonas deshabitadas deliberadamente, que tiñan importancia ritual. En efecto, no enorme situado entre os castros de Miñarzo e Mallou e o Monte Pindo, e que inclúe toda a fouce de Carnota, non hai evidencias de ningún asentamento prerromano. Porén, aquí atópase un dos conxuntos de petroglifos máis grandes do sur de Europa, con máis de 200 catalogados nunha área relativamente moi pequena. Isto pode evidenciar que os nosos antergos decidiron non poboar certos espazos importantes desde o punto de vista simbólico ou tradicional, co gallo de deixalos como lugares rituais. Esta hipótese aínda precisa de evidencias arqueolóxicas que a avalen, e Malde aspira a poder desenvolver en 2015, ao fío da segunda edición do proxecto Castro de Mallou que poderá retomarse no verán, varias catas arqueolóxicas que o confirmen.
O anuncio pode contribuír a seguir transformando a historia que coñecíamos, e ampliar asi mesmo o noso coñecemento dos procesos que levaron hai miles de anos aos nosos antepasados a inzar os montes de Carnota de gravados únicos, ou a proxectar castros de xeito aparentemente caprichoso, mais que tiñan moita da ciencia da arquitectura do século XXI. Malde prometeu unha nova visita na que debullará, precisamente, toda a información obtida no proxecto do Castro de Mallou, que estaba por presentar.
O Simposium demostrou que o Olimpo Celta aínda está cheo de oportunidades, e que o Parque Natural é unha solución unánime para explotalas
|
Parte dos poñentes no debate aberto |
Tanto nas preguntas directas aos poñentes como no Debate Aberto que clausurou o
III Simposium Monte Pindo quedou claro que o Monte Pindo precisa apoio e medidas concretas, é que o Parque Natural non só é a mellor das medidas posíbeis, senón que conta cun respaldo social indiscutido a día de hoxe, con propietarios, veciñanza, cidadanía, concello, comunidades de montes, e un amplo abano de
169 entidades de todo tipo, o que constitúe case unha unanimidade social entorno a un proxecto común: algo inaudito. Ademais, será o único Parque Natural nacido por e para a sociedade, toda vez que os demais se deseñaron e proclamaron desde os despachos, este nace con boa parte do traballo feito. Isto permite asegurar que non só se pode facer na situación actual, senón cun custo moi inferior ao dun espazo natural que debe protexerse desde cero.
A conslusión, compartida por poñentes e asistentes, é clara: o Monte Pindo ten que ser e vai ser Parque Natural, tarde días, meses ou anos. E todos coincidiron en que ao tratarse dunha negativa de carácter exclusivamente político do goberno actual, a negativa durará como máximo tanto tempo como dure este goberno, o único que catro anos despois aínda non entendiu nada.
Monte Pindo anuncia que se cumpre unha semana que lle solicitou á Conselleira de Medio Ambiente, Ethel Vázquez, unha reunión para pedirlle que publique antes de final de ano no DOG o decreto polo que se crea o Parque Natural do Monte Pindo.