18/11/14

Non á Lei de Seguridade Cidadá! Atenta contra as nosas liberdades!

A Asociación Monte Pindo Parque Natural, coma organización integrante da Alianza Social Galega (ASOGA), súmase ás mobilizacións contra a Lei Mordaza, que reforma a lei co único obxectivo de limitar a nosa liberdade de expresarnos e manifestarnos publicamente, que terán lugar este domingo 23 de novembro nas principais cidades galegas. As marchas coruñesas e compostelá partiran ás 12, respectivamente, desde a Praza de Pontevedra e desde a Alameda.

Está en marcha a reforma do Código penal e da Lei de seguridade cidadá, coas que o Goberno español pretende converter o conflito social nun problema de orde pública, camiñando cara a un Estado de carácter policial coa finalidade de impoñer un sistema económico, laboral e social totalmente negativo para as clases populares e os países periféricos. É un paso atrás nos dereitos máis básicos: criminalízanse a protesta social, as liberdades públicas e as vías de participación democrática, o que nos sitúa, en moitos aspectos, na época do franquismo.

O PP e o Goberno de Rajoy actúan con esta dureza contra os movementos sociais, a clase traballadora e a realidade plurinacional do Estado, pero manteñen unha actitude de moita permisividade canto aos delitos económicos que cometen os seus amigos e o capital financeiro.

1. Estas reformas normativas teñen como obxectivo reprimir a contestación social fronte ás actuacións inxustas do Goberno do PP: as reformas laborais e sociais coas súas políticas económicas, un recorte de dereitos e unha crecente precariedade das condicións de traballo (rebaixa salarial, privatización…), a redución dos servizos e prestacións públicas, a fiscalidade regresiva, etc.

2. Con estas reformas, tipifícanse como delito accións sociais que ata o de agora non tiñan esa consideración. Atacan frontalmente dereitos sobre os que asenta a participación democrática: liberdade de reunión, de manifestación e de folga.

3. O PP reforma a Lei de seguridade cidadá:
  • Para actuar de forma inmediata e contundente contra a conflitividade social que xera a súa política; recórtase tamén o dereito á tutela xudicial porque só se pode acudir á Xustiza unha vez as persoas teñan imposta unha sanción, coa agravante de que han afrontar os gastos de ir ao xulgado.
  • Para substituír a infracción penal pola infracción administrativa. Elimínanse garantías xurisdicionais como a presunción de inocencia; a actuación da policía gozará da presunción de veracidade; haberá que pagar taxas xudiciais, etc.
  • Para desalentar a mobilización social, actúase con total discrecionalidade e arbitrariedade, perseguindo todo tipo de mobilizacións e mesmo o exercicio de dereitos fundamentais.
  • Para aumentar as infraccións (a listaxe pasa de 30 a 57 e créanse 36 novos tipos) e a contía das sancións, que serán inmediatamente executivas e se fixarán sen considerar o patrimonio das persoas afectadas: 1.000 € as leves, 30.000 € as graves e 600.000 € as moi graves.
4. Implanta unha censura informativa previa que é contraria á Constitución. Limítase a captación e difusión de imaxes e sons dos axentes de policía nas súas actuacións públicas, minando o dereito da cidadanía a recibir unha información veraz e plural. Imposibilita o traballo xornalístico porque amedrenta os profesionais e tamén promove o abuso policial, xa que impide tomar posibles probas gráficas de actuacións desproporcionadas das forzas de seguridade.

Lugar e hora das distintas mobilizacións contra a Lei Mordaza