07/11/14

A Xunta viola 5 leis ao negarse por segunda vez a informar sobre o Monte Pindo

O Valedor do Pobo vén de admitir a trámite e por tanto actuará novamente contra a Xunta a raíz dunha denuncia por vulneración dun total de 5 leis que a obrigan a facilitar a información medioambiental que lle soliciten.

A denuncia da Asociación Monte Pindo obedece a que o 5 de febreiro de 2014 a entidade veciñal solicitou á Xunta toda a información relativa ao Consorcio polo cal o Concello de Carnota, titular da inmensa maioría deste territorio, lle outorga a xestión do Monte Pindo, e nomeadamente os gastos que a administración autonómica ten desenvolto no espazo natural que lle comprende xestionar en virtude dese convenio. Esta solicitude é compartida polo Concello de Carnota e pola CMVMC de Caldebarcos.

Nove meses despois a solicitude segue sen ningunha resposta, o que vulnera de xeito flagrante as lexislacións galega, española e europea reguladora do dereito de acceso información de carácter mediambiental (Directiva 2003/4/CE, Ley 30/1992, Ley 38/1995, Ley 27/2006 e Lei 1/1995).

A Xunta non só incumpre senón que reincide
Esta é a segunda ocasión en que a Xunta infrinxe a súa obriga de facilitar información relativa ao Monte Pindo, o que xa motivou unha actuación anterior do Valedor do Pobo contra a Xunta, naquela altura por negarse a informar sobre o alcance do incendio que en setembro de 2013 arrasara o Monte Pindo. Aquela actuación rematara cun informe de José Julio Fernández Rodríguez, Valedor do Pobo en funcións, certificando o incumprimento da Xunta, o que porá en coñecemento do Parlamento Galego no seu informe anual mediante un comentario crítico.
Extracto do 1º informe do Valedor do Pobo
O feito de que a Xunta novamente volva infrinxir as mesmas normas demostra que existe unha clara vontade de ocultar e negar información que o pobo ten dereito a coñecer, e por tanto de vulnerar sistematicamente as súas propias leis asi coma as españolas e europeas. A Asociación Monte Pindo entende que esta actitude pode conlevar consecuencias legais.

Dossier de prensa