27/11/14

O III Simposium Monte Pindo deixa propostas, debate e o descubrimento de especies extintas no Pindo e dun novo santuario ritual

O Simposium Monte Pindo consolidouse en Lira como encontro de referencia multidisciplinar sobre o Olimpo Celta, logrando congregar a varios dos expertos que máis viñeron traballando nos últimos anos neste espazo. Malia que as pésimas condicións meteorolóxicas lastraron a asistencia, non o fixeron coa ilusión, os proxectos e a sensación cada vez máis xeralizada de que o apoio á declaración do Monte Pindo Parque Natural é cada vez máis unánime, como recentemente certificou unha enquisa de Sondaxe publicada pola Voz.

Martiño-Fiz López pediu transformar o apoio en oportunidades
Martiño-Fiz López Lindoso

Precisamente esta enquisa centrou parte da intervención do primeiro poñente, Martiño Fiz López Lindoso, biólogo e representante ecoloxista de ADEGA no Observatorio Galego da Biodiversidade, e relator orixinal da Iniciativa Monte Pindo Parque Natural. Interesándose polos diferentes aspectos que revelan os datos estadísticos publicados, Martiño confirmou que na súa opinión confirman  un apoio practicamente unánime non só da poboación local ao Parque Natural, senón o máis sorprendente é que o fixo en toda a provincia da Coruña, situando ademais o Olimpo Celta nun nivel de coñecemento máximo, só lixeiramente por detrás dos parques naturais que xa existen. Martiño felicitou á causa social polo éxito dunha reivindicación que considera imparábel, e dedicou a segunda metade da ponencia a facer propostas para converter ese gran apoio en oportunidades reais para o Olimpo Celta, que será Parque Natural a máis tardar en dous anos, segundo asegurou, cando o partido que actualmente detenta o goberno da Xunta perda o poder.

Por poñer varios exemplos, subscitou o debate de lanzar unha campaña de recadación de microdoazóns que destinar ao Monte Pindo e poder asi comezar a actuar directamente no territorio ante a falta da vontade da Xunta que facelo, dado que Monte Pindo Parque Natural conta tamén co apoio dos propietarios maioritarios: Concello de Carnota e Comunidades de Montes.

Vidal Romaní presentou os resultados das súas investigacións nas covas
Xoán Ramón Vidal Romaní
Xoán Ramón Vidal Romaní, xeólogo e director do Instituto Universitario de Xeoloxía Parga Pondal (UDC), anunciou as incríbeis diferentes estructuras microbiolóxicas ata agora descoñecidas que veñen estudando desde hai varios anos nas covas graníticas de espazos coma o Monte Louro e o Monte Pindo. Ata agora pensábase que estas covas presentaban unhas condicións tan hostís que era imposíbel que albergaran vida. O traballo de campo de xente coma o propio Vidal Romaní e do Clube Espeleolóxico A Trapa demostran o contrario: estas covas albergan un complexo hábitat microbiótico de especies que logran sobrevivir por diferentes procesos, as interaccións entre elas e tamén que son capaces de permanecer nunha especie de letargo cando as condicións non son propicias, para logo volver a vida cando volve a habelas.

A palestra de Romaní deixou unha sorpresa case casual. Cando enumeraba os tipos de organismos que está atopando nos depósitos de ópalo das covas do Monte Pindo, ao referirse ao pólen comezou a recitar partículas pertencentes a especies ausentes do Monte Pindo, coma o arando silvestre ou o freixo. A sorpresa dos aficionados á flora presentes foi maiúscula pois estaban a asistir sen querelo a unha verdadeira lección de arqueoloxía botánica. Á proposta de se poderíamos radiografiar o pasado ecolóxico do Monte Pindo a través deste tipo de fósiles, Vidal Romaní dixo que estaba disposto a colaborar coa comunidade científica e as Universidades se estas se deciden involucrar.

Mar Llinares expresou a súa preocupación pola ruptura da cadea de creación e transmisión do noso sistema lendario
Mar Llinares
Mar Llinares García, natural de San Mamede (Carnota), é profesora de Prehistoria da USC, e unha das maiores expertas na tradición oral deste espazo e de toda Galiza, autora de publicacións de referencia coma Mouros, Ánimas, Demos. O imaxinario popular galego. Nunha linguaxe evidentemente próxima, a veciña debullou o sistema lendario deste entorno e sobre todo a idiosincrasia que o produciu, pois interésanlle máis os procesos que derivan no nacemento nunha lenda ou conto, que o contido destas en si mesmo.

Neste aspecto, Llinares expresou a súa preocupación porque as lendas se están a converter en rexistros bibliográficos, pero que o seu medio natural, a transmisión oral e familiar, está desaparecendo. Nos tempos en que a tecnoloxía domina todo pero que xa case ninguén se senta a contar o que aprenderan de pais e avós, nin tampouco a crear novos contos adaptados aos tempos que vivimos. Iso supón na opinión desta experta un verdadeiro perigo de que se corte para sempre esta cadea de creación e transmisión das lendas, pois estas só teñen sentido se están vivas, circulando de boca a boca de xente que as sabe contar e enriquecela con novos detalles. A charla convidaba, desde logo, a que cada familia debe recuperar ese momento do día, ante a lareira ou ao atardecer, en que se reunía e contaba aos pequenos as vivencias, reais ou ficcionadas, que o día presentara.

Antón Malde anunciou a hipótese inédita da presenza en Carnota dun gran santuario ritual da Idade do Ferro
Antón Malde
Antón Fernández Malde, arqueólogo, non é un descoñecido no noso concello. Dirixiu os proxectos de arqueoloxía popular Torre dos Mouros e Castro de Mallou, en Lira e Mallou respectivamente, excavados mediante unha fórmula de voluntariado civil que busca integrar aos habitantes da contorna no descubrimento do seu propio patrimonio. Isto que pode parecer de caixón sacudiu os cimentos da arqueoloxía tradicional, estase a poñer coma exemplo dun novo xeito de facer as cousas no mundo, a Public Archaeology, e xa se ten referido como modelo Carnota nos novos lugares onde se está a reproducir (Croa de Niñóns, Castro de Remonde...). Aínda que sendo máis xustos deberíase chamar modelo Malde-Gago, polos dous impulsores orixinais.

A pesar de que a súa presencia foi confirmada só un día antes, e que acaba de superar unha etapa de convalecencia duns problemas de saúde, a Confraría de Pescadores de Lira encheuse para escoitalo. E non decepcionou. Malde non adoita vir a Carnota a deixarnos indiferentes, pero nada facía presaxiar que aproveitara esta oportunidade para enunciar unha hipótese que permite afirmar nada menos que Carnota albergaba un gran santuario ritual da Idade do Ferro. A teoría asegura que en Galiza existen grandes "espazos baleiros", é dicir, zonas deshabitadas deliberadamente, que tiñan importancia ritual. En efecto, no enorme situado entre os castros de Miñarzo e Mallou e o Monte Pindo, e que inclúe toda a fouce de Carnota, non hai evidencias de ningún asentamento prerromano. Porén, aquí atópase un dos conxuntos de petroglifos máis grandes do sur de Europa, con máis de 200 catalogados nunha área relativamente moi pequena. Isto pode evidenciar que os nosos antergos decidiron non poboar certos espazos importantes desde o punto de vista simbólico ou tradicional, co gallo de deixalos como lugares rituais. Esta hipótese aínda precisa de evidencias arqueolóxicas que a avalen, e Malde aspira a poder desenvolver en 2015, ao fío da segunda edición do proxecto Castro de Mallou que poderá retomarse no verán, varias catas arqueolóxicas que o confirmen.

O anuncio pode contribuír a seguir transformando a historia que coñecíamos, e ampliar asi mesmo o noso coñecemento dos procesos que levaron hai miles de anos aos nosos antepasados a inzar os montes de Carnota de gravados únicos, ou a proxectar castros de xeito aparentemente caprichoso, mais que tiñan moita da ciencia da arquitectura do século XXI. Malde prometeu unha nova visita na que debullará, precisamente, toda a información obtida no proxecto do Castro de Mallou, que estaba por presentar.

O Simposium demostrou que o Olimpo Celta aínda está cheo de oportunidades, e que o Parque Natural é unha solución unánime para explotalas
Parte dos poñentes no debate aberto
Tanto nas preguntas directas aos poñentes como no Debate Aberto que clausurou o III Simposium Monte Pindo quedou claro que o Monte Pindo precisa apoio e medidas concretas, é que o Parque Natural non só é a mellor das medidas posíbeis, senón que conta cun respaldo social indiscutido a día de hoxe, con propietarios, veciñanza, cidadanía, concello, comunidades de montes, e un amplo abano de 169 entidades de todo tipo, o que constitúe case unha unanimidade social entorno a un proxecto común: algo inaudito. Ademais, será o único Parque Natural nacido por e para a sociedade, toda vez que os demais se deseñaron e proclamaron desde os despachos, este nace con boa parte do traballo feito. Isto permite asegurar que non só se pode facer na situación actual, senón cun custo moi inferior ao dun espazo natural que debe protexerse desde cero.

A conslusión, compartida por poñentes e asistentes, é clara: o Monte Pindo ten que ser e vai ser Parque Natural, tarde días, meses ou anos. E todos coincidiron en que ao tratarse dunha negativa de carácter exclusivamente político do goberno actual, a negativa durará como máximo tanto tempo como dure este goberno, o único que catro anos despois aínda non entendiu nada.

Monte Pindo anuncia que se cumpre unha semana que lle solicitou á Conselleira de Medio Ambiente, Ethel Vázquez, unha reunión para pedirlle que publique antes de final de ano no DOG o decreto polo que se crea o Parque Natural do Monte Pindo.

18/11/14

Este sábado 22 en Lira, III Simposium Monte Pindo: O Olimpo Celta a debate

Cartel definitivo
Despois do parón provocado polo incendio de 2013, retomamos esta pioneira xornada de divulgación científica e debate que aspira a converterse nunha cita imprescindible para a actualidade do Monte Pindo, e ao mesmo tempo ofrecerlle a toda a veciñanza e axentes sociais a posibilidade de pronunciarse libremente sobre o seu pasado, presente e futuro.

Lembrade: Sábado 22 de novembro a partir das 11:00 horas na Confraría de Pescadores de Lira.
Programa definitivo
  • 11:00h. Presentación. Asociación Monte Pindo Parque Natural.
  • 12:00h. Martiño-Fiz López Lindoso. Representante de ADEGA no Observatorio Galego da Biodiversidade. Relator da Iniciativa Monte Pindo Parque Natural
  • 13:00h. Xoán Ramón Vidal Romaní. Catedrático de Xeoloxía da UDC e director do Instituto Universitario de Xeoloxía Parga Pondal
  • 14:00h. Xantar
  • 16:30h. Mar Llinares García (Carnota). Profesora titular de Prehistoria na USC
  • 17:30h. Antón Malde Fernández. Director arqueolóxico dos Proxectos Torre dos Mouros e Castro de Mallou.
  • 18:30. DEBATE ABERTO.
  • 19:00h. Acto de clausura.
Organiza: Asociación Monte Pindo Parque Natural
Colaboran: Confraría de pescadores de Lira e Concello de Carnota

Non á Lei de Seguridade Cidadá! Atenta contra as nosas liberdades!

A Asociación Monte Pindo Parque Natural, coma organización integrante da Alianza Social Galega (ASOGA), súmase ás mobilizacións contra a Lei Mordaza, que reforma a lei co único obxectivo de limitar a nosa liberdade de expresarnos e manifestarnos publicamente, que terán lugar este domingo 23 de novembro nas principais cidades galegas. As marchas coruñesas e compostelá partiran ás 12, respectivamente, desde a Praza de Pontevedra e desde a Alameda.

Está en marcha a reforma do Código penal e da Lei de seguridade cidadá, coas que o Goberno español pretende converter o conflito social nun problema de orde pública, camiñando cara a un Estado de carácter policial coa finalidade de impoñer un sistema económico, laboral e social totalmente negativo para as clases populares e os países periféricos. É un paso atrás nos dereitos máis básicos: criminalízanse a protesta social, as liberdades públicas e as vías de participación democrática, o que nos sitúa, en moitos aspectos, na época do franquismo.

O PP e o Goberno de Rajoy actúan con esta dureza contra os movementos sociais, a clase traballadora e a realidade plurinacional do Estado, pero manteñen unha actitude de moita permisividade canto aos delitos económicos que cometen os seus amigos e o capital financeiro.

1. Estas reformas normativas teñen como obxectivo reprimir a contestación social fronte ás actuacións inxustas do Goberno do PP: as reformas laborais e sociais coas súas políticas económicas, un recorte de dereitos e unha crecente precariedade das condicións de traballo (rebaixa salarial, privatización…), a redución dos servizos e prestacións públicas, a fiscalidade regresiva, etc.

2. Con estas reformas, tipifícanse como delito accións sociais que ata o de agora non tiñan esa consideración. Atacan frontalmente dereitos sobre os que asenta a participación democrática: liberdade de reunión, de manifestación e de folga.

3. O PP reforma a Lei de seguridade cidadá:
  • Para actuar de forma inmediata e contundente contra a conflitividade social que xera a súa política; recórtase tamén o dereito á tutela xudicial porque só se pode acudir á Xustiza unha vez as persoas teñan imposta unha sanción, coa agravante de que han afrontar os gastos de ir ao xulgado.
  • Para substituír a infracción penal pola infracción administrativa. Elimínanse garantías xurisdicionais como a presunción de inocencia; a actuación da policía gozará da presunción de veracidade; haberá que pagar taxas xudiciais, etc.
  • Para desalentar a mobilización social, actúase con total discrecionalidade e arbitrariedade, perseguindo todo tipo de mobilizacións e mesmo o exercicio de dereitos fundamentais.
  • Para aumentar as infraccións (a listaxe pasa de 30 a 57 e créanse 36 novos tipos) e a contía das sancións, que serán inmediatamente executivas e se fixarán sen considerar o patrimonio das persoas afectadas: 1.000 € as leves, 30.000 € as graves e 600.000 € as moi graves.
4. Implanta unha censura informativa previa que é contraria á Constitución. Limítase a captación e difusión de imaxes e sons dos axentes de policía nas súas actuacións públicas, minando o dereito da cidadanía a recibir unha información veraz e plural. Imposibilita o traballo xornalístico porque amedrenta os profesionais e tamén promove o abuso policial, xa que impide tomar posibles probas gráficas de actuacións desproporcionadas das forzas de seguridade.

Lugar e hora das distintas mobilizacións contra a Lei Mordaza

17/11/14

Unha enquisa certifica un apoio case unánime a que o Monte Pindo sexa Parque Natural

Enquisa de Sondaxe sobre o apoio ao Parque Natural
O xornal La Voz de Galicia divulgou onte os resultados da enquisa Ómnibus de Sondaxe feita a habitantes na provincia da Coruña na que preguntou específicamente polo apoio da cidadanía á proposta de que a Xunta declare o Parque Natural do Monte Pindo, concluíndo que o apoio é practicamente unánime. Preto do 75% das persoas que participaron no sondeo apoian abertamente a iniciativa, é dicir, 3 de cada 4 están dacordo ou moi dacordo. O resto ou ben amósase indiferente ou ben non contesta, mentras que o 0,0% está expresamente en desacordo.

O estudo ordena os datos estatísticos a nivel das distintas delegacións con que conta a Voz: Carballo, Barbanza e Santiago. O índice de persoas partidarias de declarar o Monte Pindo como Parque Natural é maioritario en cada unha desas divisións territoriais. En canto á estruturación sociolóxica deste apoio, é na xente nova onde se atopa un apoio máis decidido a esta declaración, o que supón que un 85% dos enquisados menores de 45 anos coñecen e valoran positivamente a proposta, porcentaxe que se reduce ao 62% entre a xente maior de 55 anos.

Os resultados constatan que a negativa da Xunta a iniciar dunha vez a tramitación do Parque Natural, tal e como lle veñen pedindo desde hai catro anos Concello de Carnota, comunidades de montes e 169 entidades de todo tipo, obedece exclusivamente a unha falta de vontade política, dado que na sociedade non existe ningunha reticencia a que esta medida se leve a cabo.

O estudo tamén revela que o Olimpo Celta é o espazo natural máis coñecido da comarca, o terceiro na provincia

Outro dos datos sorprendentes da enquisa é cando os enquisados responden sobre os espazos naturais que máis coñecen e valoran. Cun 14,5% o Monte Pindo irrumpe como terceiro espazo natural máis coñecido da nosa provincia, só por detrás dos dous parques naturais que existen a día de hoxe, o de Fragas do Eume (41,4%) e o das Dunas de Corrubedo (18,1%), que sendo o espazo natural con máis visitas do País só é 4 puntos máis coñecido que o macizo carnotán, que se coroa asi o espazo máis coñecido e valorado da comarca, moi por diante de outros sitios tan espectaculares coma os cantís da Costa da Morte e Cabo Fisterra (6,1%), penedos de Pasarela (2,3%), Verdes (2,7%) ou a propia fervenza do Ézaro (4%).

O estudo certifica o éxito da Asociación Monte Pindo Parque Natural no seu obxectivo estatutario de divulgar o Olimpo Celta a toda a sociedade, de tal xeito que a día de hoxe case se situou no nivel de coñecemento e valoración dos parques naturais consolidados que reciben millóns de euros cada ano para, entre outras cousas, dalos a coñecer. Noutras palabras, no Monte Pindo logrouse de balde o que noutros lugares custa centos de miles de euros a todos os galegos e galegas. Isto da boa fe da importancia de que exista sociedade organizada entorno aos nosos espazos naturais.

A sociedade esixe da Xunta que inicie de inmediato a tramitación do Parque Natural

Os contundentes resultados da enquisa de Sondaxe colocan a pelota no tellado da Xunta, que de continuar na súa negativa a abordar a gran demanda social estaría a confrontarse a unha case unánime maioría social que está a agardar que dunha vez inicie a agardada tramitación do Parque Natural do Monte Pindo, despois de doce anos e seis meses sen concederlle esta figura a ningún espazo natural galego, co que contravén o mandato europeo de seguir ampliando a Rede Galega de Espazos Protexidos e ten condenado ao noso País a contar con menos superficie protexida que Asturias ou Madrid, por exemplo.

A Asociación Monte Pindo vai solicitar esta mesma semana unha reunión urxente coa conselleira Ethel Vázquez, para valorar esta enquisa e instala a que publique antes de final de ano no Diario Oficial de Galicia o decreto polo que cree o Parque Natural do Monte Pindo. Despois de catro anos e de tantas promesas frustradas, ese é o único xesto que poderemos celebrar e interpretar como unha vontade inequívoca da Xunta de Galicia de atender por fin unha demanda cidadá que xa tardou demasiado. 

07/11/14

A Xunta viola 5 leis ao negarse por segunda vez a informar sobre o Monte Pindo

O Valedor do Pobo vén de admitir a trámite e por tanto actuará novamente contra a Xunta a raíz dunha denuncia por vulneración dun total de 5 leis que a obrigan a facilitar a información medioambiental que lle soliciten.

A denuncia da Asociación Monte Pindo obedece a que o 5 de febreiro de 2014 a entidade veciñal solicitou á Xunta toda a información relativa ao Consorcio polo cal o Concello de Carnota, titular da inmensa maioría deste territorio, lle outorga a xestión do Monte Pindo, e nomeadamente os gastos que a administración autonómica ten desenvolto no espazo natural que lle comprende xestionar en virtude dese convenio. Esta solicitude é compartida polo Concello de Carnota e pola CMVMC de Caldebarcos.

Nove meses despois a solicitude segue sen ningunha resposta, o que vulnera de xeito flagrante as lexislacións galega, española e europea reguladora do dereito de acceso información de carácter mediambiental (Directiva 2003/4/CE, Ley 30/1992, Ley 38/1995, Ley 27/2006 e Lei 1/1995).

A Xunta non só incumpre senón que reincide
Esta é a segunda ocasión en que a Xunta infrinxe a súa obriga de facilitar información relativa ao Monte Pindo, o que xa motivou unha actuación anterior do Valedor do Pobo contra a Xunta, naquela altura por negarse a informar sobre o alcance do incendio que en setembro de 2013 arrasara o Monte Pindo. Aquela actuación rematara cun informe de José Julio Fernández Rodríguez, Valedor do Pobo en funcións, certificando o incumprimento da Xunta, o que porá en coñecemento do Parlamento Galego no seu informe anual mediante un comentario crítico.
Extracto do 1º informe do Valedor do Pobo
O feito de que a Xunta novamente volva infrinxir as mesmas normas demostra que existe unha clara vontade de ocultar e negar información que o pobo ten dereito a coñecer, e por tanto de vulnerar sistematicamente as súas propias leis asi coma as españolas e europeas. A Asociación Monte Pindo entende que esta actitude pode conlevar consecuencias legais.

Dossier de prensa