17/10/14

O 65% de todo o patrimonio arqueolóxico coñecido no Monte Pindo descubriuse nos últimos 4 anos

A Asociación Monte Pindo cumpre 4 anos cheos de ilusión

O 17 de outubro de 2010 reuníanse no Pindo un grupo de veciños de todas as localidades de Carnota para, por fin, comezar a traballar polo desenvolvemento do Olimpo Celta, un macizo granítico carnotán que daquela pouco máis interese xeraba que entre algúns eruditos e bastantes máis veciños e visitantes que se retaban a subilo de cando en cando. O obxectivo daquela reunión era, nin mais nin menos, crear un movemento social co obxectivo de facer deste lugar o primeiro Parque Natural da Costa da Morte, proposta que lanzara ADEGA unhas semanas antes e que acababa de ser rexeitada pola Xunta.

Catro anos despois, o Monte Pindo é moito máis coñecido en todo o mundo. Escribiuse, narrouse, filmouse máis nestes catro anos sobre os seus valores paisaxísticos, xeolóxicos, arqueolóxicos, naturais, patrimoniais e deportivos que durante os seus 350 millóns de anos de existencia. E deste inaudito interese temos que felicitarnos, modestias aparte, os centos de persoas que vos afiliástedes, as 169 entidades e empresas que nos apoiástedes, e os milleiros e milleiros de persoas que acudides, seguides e mesmo financiades as nosas actividades, sen máis contrapartida que a de facer o Monte Pindo un pouco máis grande cada día.

Ademais, estes catro anos tamén marcaron un antes e un despois no coñecemento deste espazo natural. Non só se publicou máis que nunca, senón que o 65,79% de todo o patrimonio arqueolóxico que se coñece no Monte Pindo foi descuberto nestes 4 anos por membros e colaboradores desta entidade, dando asi continuidade fluída á labor feita antes por referentes coma Xosé Barreiro Barral, Pedro Marfany, Fernando Alonso Romero, Moncho Vidal Romaní... Entre os novos achados destacan desde cerámicas, petroglifos, covas de fuxidos da Guerra Civil, lapislázuli, moedas e outros elementos medievais... unha inmensidade de patrimonio que sacamos da sombra para multiplicar o valor do Olimpo Celta, e que nos permiten hoxe confirmar a súa ocupación practicamente continuada desde o Paleolítico ata o abandono do pastoreo na última metade do pasado século.

Todo este traballo de investigación, divulgación e promoción non foi doado, interviron moitísimas persoas de xeito absolutamente altruista, dedicando o seu tempo libre e os seus recursos, por pura amizade e vocación de ir descubrindo o que este macizo aínda nos agocha, que é moito. E todo isto se fixo sen ter recibido un só euro das arcas públicas.

Cando sen cartos puidemos facer todo isto, imaxinádevos se a Xunta cumprise cos criterios de conservación que se ten marcado en materia ambiental, investise o que tería que ter investido neste espazo, e en lugar de dar a espalda aos movementos veciñais valorase, por un momento, colaborar con eles, declarar o Parque Natural do Monte Pindo para que este espazo natural e o seu contorno participe no reparto dos máis de dous millóns de euros que a Xunta destina anualmente aos parques naturais, o dotase dunha dirección e dun Plan Rector de Uso e Xestión, financiar investigacións e publicacións, excavar o Castelo de San Xurxo e a ermida de Campo de Cortes, retirar os eucaliptos e traballar pola recuperación da vexetación autóctona, mellorar e sinalizar as rutas para que nunca máis ninguén se perda, apoiar a creación de empresas ou cooperativas de turismo rural, actividades deportivas e aproveitamento substentábel dos recursos do monte para xerar quen sabe se ducias de postos de traballo, vixilar as subidas de motos e de pirómanos e, en definitiva, axudarnos a sacar o Monte Pindo do seu actual abandono, que é o menos que debe esperarse de quen ten por lei a xestión deste Olimpo Celta. Quen sabe se o incendio do pasado mes de setembro sería hoxe tan só un pesadelo.