24/10/14

A Xunta non ve eucaliptos no Monte Pindo e culpa agora ao Nordés do incendio

Non lles importa se desaparece o carballo anano porque "hai en Portugal"
Ana Pontón defendeu o Parque Natural (imaxe: BNG)
O Parlamento Galego debatiu, por cuarta ocasión, os devires do Olimpo Celta, tal e como estaba anunciado desde setembro. E por cuarta ocasión, demostrou o seu absoluto desinterese para con este espazo natural protexido e o seu entorno.

A batería de preguntas da parlamentaria nacionalista Ana Pontón buscou as conclusións da investigación policial sobre o incendio de setembro de 2013, dado que nunca máis nada se soubo. Preguntou pola ausencia de informes do impacto do lume, e dos plans que debería ter deseñado para reparar os danos, recuperar e xestionar o espazo natural que por Consorcio á Xunta corresponde protexer. Ana Pontón tamén trasladou á Comisión Parlamentaria a alarma veciñal pola profusión de eucaliptos no Monte Pindo despois do lume ata ameazar o único hábitat do carballo anano en Galiza, e cales son as medidas que a Xunta ten previsto poñer a andar para evitar a degradación acelerada á que se está vendo sometido o Olimpo Celta, unha vez que a Xunta bloqueou sen solución de continuidade o voluntariado veciñal, e reclamou  novamente que a Xunta fixera caso da demanda veciñal de declarar o Monte Pindo Parque Natural.

Fernández Couto é o único que non ve os eucaliptos
Tomás Fernández Couto
A parede coa que charlou Ana Pontón nesta ocasión chamouse Tomás Fernández Couto, Director Xeral de Montes da Xunta. E se ben aos seus antecesores notábaselle moito o desinterese no asunto, Fernández-Couto ademais tamén demostrou o completo descoñecemento da realidade do Monte Pindo, ao asegurar que a Xunta non vía os eucaliptos. Incluso chegou a acusar a Pontón de demagoxia por dicir o contrario. Esta especie rebrotou por doquier por procesos naturais ou pola eucaliptización deliberada que temos denunciado, xa supera os dous metros e xa non se pode eliminar de forma manual. Isto exactamente foi o que denunciamos publicamente veciños e entidades diante de media ducia de medios de comunicación de todo o estado español, e por tanto millóns de persoas si puideron ver o eucalipto desde o sofá das súas casas, pero non esta Xunta cega, xorda e muda.

Non lles importa se desaparece o carballo anano porque "hai en Portugal"
Altura actual dos
novos eucaliptos
Tampouco ten desperdicio a valoración do grao de ameaza que vive a única poboación galega do Quercus lusitanica. Segundo a Xunta, non existe tal ameaza porque -atención- o carballo anano tamén existe en Portugal. A Xunta recoñece asi que non fará absolutamente nada pola súa única poboación de Quercus lusitanica, aquela que hai só tres anos protexiu expresamente mediante a súa inclusión en grao de vulnerable no Catálogo Galego de Especies Ameazadas. Imaxinádesvos a repercusión destas afirmacións se en vez de chamarse carballo anano, se chamase lince ibérico ou oso pardo?

A culpa foi do vento
A Xunta tamén sorprende ao cambiar por terceira vez a súa hipótese sobre a autoría do incendio. A pesar de non poder facilitar un só dato do resultado das pesquisas policiais, agora Tomás Fernández Couto culpa do incendio ao vento do Nordés. Se durante o incendio culpara en exclusiva ao pirómano, e despois do mesmo culparara aos veciños, agora a culpa é do vento que case perpetuamente azouta a nosa bisbarra. Supoñemos que este cambio de postura obedece a que o vento é a única compoñente do incendio que non pode defenderse da aldraxe coma os veciños de Carnota tivemos que facer.

A Xunta non tomará ningunha medida
No tocante ás medidas específicas que se lle solicitan neste espazo natural (plan de recuperación, plan rector de uso e xestión, declaración de parque natural...) aí a Xunta si que non varía un ápice a súa postura inicial: Non facer absolutamente nada, só sentarse a ver como pasa o tempo, a ver que tal vai a recuperación natural. Non se nos ocurre peor excusa para un goberno que explicar a súa inacción ante determinada problemática con que hai que deixar pasar o tempo, sen precipitarse, sen facer previsión, sen investir cartos nin esforzos en resolver nada. Todo está ben, queimadiño como está.

O debate vén a reforzar a sensación xeralizada de que mentras a Xunta continúe en mans do PP o medio ambiente galego en xeral e o Monte Pindo en particular ocupa a última das prioridades dun goberno para o que os nosos montes naturais só interesan para criar eucaliptos destinados a incrementar a facturación dunha empresa.
Videos (4) do debate no Parlamento (cortesía do BNG)