Ana Pontón defendeu o Parque Natural (imaxe: BNG) |
A batería de preguntas da parlamentaria nacionalista Ana Pontón buscou as conclusións da investigación policial sobre o incendio de setembro de 2013, dado que nunca máis nada se soubo. Preguntou pola ausencia de informes do impacto do lume, e dos plans que debería ter deseñado para reparar os danos, recuperar e xestionar o espazo natural que por Consorcio á Xunta corresponde protexer. Ana Pontón tamén trasladou á Comisión Parlamentaria a alarma veciñal pola profusión de eucaliptos no Monte Pindo despois do lume ata ameazar o único hábitat do carballo anano en Galiza, e cales son as medidas que a Xunta ten previsto poñer a andar para evitar a degradación acelerada á que se está vendo sometido o Olimpo Celta, unha vez que a Xunta bloqueou sen solución de continuidade o voluntariado veciñal, e reclamou novamente que a Xunta fixera caso da demanda veciñal de declarar o Monte Pindo Parque Natural.
Fernández Couto é o único que non ve os eucaliptos
Tomás Fernández Couto |
Non lles importa se desaparece o carballo anano porque "hai en Portugal"
Altura actual dos novos eucaliptos |
A culpa foi do vento
A Xunta tamén sorprende ao cambiar por terceira vez a súa hipótese sobre a autoría do incendio. A pesar de non poder facilitar un só dato do resultado das pesquisas policiais, agora Tomás Fernández Couto culpa do incendio ao vento do Nordés. Se durante o incendio culpara en exclusiva ao pirómano, e despois do mesmo culparara aos veciños, agora a culpa é do vento que case perpetuamente azouta a nosa bisbarra. Supoñemos que este cambio de postura obedece a que o vento é a única compoñente do incendio que non pode defenderse da aldraxe coma os veciños de Carnota tivemos que facer.
A Xunta non tomará ningunha medida
No tocante ás medidas específicas que se lle solicitan neste espazo natural (plan de recuperación, plan rector de uso e xestión, declaración de parque natural...) aí a Xunta si que non varía un ápice a súa postura inicial: Non facer absolutamente nada, só sentarse a ver como pasa o tempo, a ver que tal vai a recuperación natural. Non se nos ocurre peor excusa para un goberno que explicar a súa inacción ante determinada problemática con que hai que deixar pasar o tempo, sen precipitarse, sen facer previsión, sen investir cartos nin esforzos en resolver nada. Todo está ben, queimadiño como está.
O debate vén a reforzar a sensación xeralizada de que mentras a Xunta continúe en mans do PP o medio ambiente galego en xeral e o Monte Pindo en particular ocupa a última das prioridades dun goberno para o que os nosos montes naturais só interesan para criar eucaliptos destinados a incrementar a facturación dunha empresa.
Videos (4) do debate no Parlamento (cortesía do BNG)