24/10/14

A Xunta non ve eucaliptos no Monte Pindo e culpa agora ao Nordés do incendio

Non lles importa se desaparece o carballo anano porque "hai en Portugal"
Ana Pontón defendeu o Parque Natural (imaxe: BNG)
O Parlamento Galego debatiu, por cuarta ocasión, os devires do Olimpo Celta, tal e como estaba anunciado desde setembro. E por cuarta ocasión, demostrou o seu absoluto desinterese para con este espazo natural protexido e o seu entorno.

A batería de preguntas da parlamentaria nacionalista Ana Pontón buscou as conclusións da investigación policial sobre o incendio de setembro de 2013, dado que nunca máis nada se soubo. Preguntou pola ausencia de informes do impacto do lume, e dos plans que debería ter deseñado para reparar os danos, recuperar e xestionar o espazo natural que por Consorcio á Xunta corresponde protexer. Ana Pontón tamén trasladou á Comisión Parlamentaria a alarma veciñal pola profusión de eucaliptos no Monte Pindo despois do lume ata ameazar o único hábitat do carballo anano en Galiza, e cales son as medidas que a Xunta ten previsto poñer a andar para evitar a degradación acelerada á que se está vendo sometido o Olimpo Celta, unha vez que a Xunta bloqueou sen solución de continuidade o voluntariado veciñal, e reclamou  novamente que a Xunta fixera caso da demanda veciñal de declarar o Monte Pindo Parque Natural.

Fernández Couto é o único que non ve os eucaliptos
Tomás Fernández Couto
A parede coa que charlou Ana Pontón nesta ocasión chamouse Tomás Fernández Couto, Director Xeral de Montes da Xunta. E se ben aos seus antecesores notábaselle moito o desinterese no asunto, Fernández-Couto ademais tamén demostrou o completo descoñecemento da realidade do Monte Pindo, ao asegurar que a Xunta non vía os eucaliptos. Incluso chegou a acusar a Pontón de demagoxia por dicir o contrario. Esta especie rebrotou por doquier por procesos naturais ou pola eucaliptización deliberada que temos denunciado, xa supera os dous metros e xa non se pode eliminar de forma manual. Isto exactamente foi o que denunciamos publicamente veciños e entidades diante de media ducia de medios de comunicación de todo o estado español, e por tanto millóns de persoas si puideron ver o eucalipto desde o sofá das súas casas, pero non esta Xunta cega, xorda e muda.

Non lles importa se desaparece o carballo anano porque "hai en Portugal"
Altura actual dos
novos eucaliptos
Tampouco ten desperdicio a valoración do grao de ameaza que vive a única poboación galega do Quercus lusitanica. Segundo a Xunta, non existe tal ameaza porque -atención- o carballo anano tamén existe en Portugal. A Xunta recoñece asi que non fará absolutamente nada pola súa única poboación de Quercus lusitanica, aquela que hai só tres anos protexiu expresamente mediante a súa inclusión en grao de vulnerable no Catálogo Galego de Especies Ameazadas. Imaxinádesvos a repercusión destas afirmacións se en vez de chamarse carballo anano, se chamase lince ibérico ou oso pardo?

A culpa foi do vento
A Xunta tamén sorprende ao cambiar por terceira vez a súa hipótese sobre a autoría do incendio. A pesar de non poder facilitar un só dato do resultado das pesquisas policiais, agora Tomás Fernández Couto culpa do incendio ao vento do Nordés. Se durante o incendio culpara en exclusiva ao pirómano, e despois do mesmo culparara aos veciños, agora a culpa é do vento que case perpetuamente azouta a nosa bisbarra. Supoñemos que este cambio de postura obedece a que o vento é a única compoñente do incendio que non pode defenderse da aldraxe coma os veciños de Carnota tivemos que facer.

A Xunta non tomará ningunha medida
No tocante ás medidas específicas que se lle solicitan neste espazo natural (plan de recuperación, plan rector de uso e xestión, declaración de parque natural...) aí a Xunta si que non varía un ápice a súa postura inicial: Non facer absolutamente nada, só sentarse a ver como pasa o tempo, a ver que tal vai a recuperación natural. Non se nos ocurre peor excusa para un goberno que explicar a súa inacción ante determinada problemática con que hai que deixar pasar o tempo, sen precipitarse, sen facer previsión, sen investir cartos nin esforzos en resolver nada. Todo está ben, queimadiño como está.

O debate vén a reforzar a sensación xeralizada de que mentras a Xunta continúe en mans do PP o medio ambiente galego en xeral e o Monte Pindo en particular ocupa a última das prioridades dun goberno para o que os nosos montes naturais só interesan para criar eucaliptos destinados a incrementar a facturación dunha empresa.
Videos (4) do debate no Parlamento (cortesía do BNG)



17/10/14

O 65% de todo o patrimonio arqueolóxico coñecido no Monte Pindo descubriuse nos últimos 4 anos

A Asociación Monte Pindo cumpre 4 anos cheos de ilusión

O 17 de outubro de 2010 reuníanse no Pindo un grupo de veciños de todas as localidades de Carnota para, por fin, comezar a traballar polo desenvolvemento do Olimpo Celta, un macizo granítico carnotán que daquela pouco máis interese xeraba que entre algúns eruditos e bastantes máis veciños e visitantes que se retaban a subilo de cando en cando. O obxectivo daquela reunión era, nin mais nin menos, crear un movemento social co obxectivo de facer deste lugar o primeiro Parque Natural da Costa da Morte, proposta que lanzara ADEGA unhas semanas antes e que acababa de ser rexeitada pola Xunta.

Catro anos despois, o Monte Pindo é moito máis coñecido en todo o mundo. Escribiuse, narrouse, filmouse máis nestes catro anos sobre os seus valores paisaxísticos, xeolóxicos, arqueolóxicos, naturais, patrimoniais e deportivos que durante os seus 350 millóns de anos de existencia. E deste inaudito interese temos que felicitarnos, modestias aparte, os centos de persoas que vos afiliástedes, as 169 entidades e empresas que nos apoiástedes, e os milleiros e milleiros de persoas que acudides, seguides e mesmo financiades as nosas actividades, sen máis contrapartida que a de facer o Monte Pindo un pouco máis grande cada día.

Ademais, estes catro anos tamén marcaron un antes e un despois no coñecemento deste espazo natural. Non só se publicou máis que nunca, senón que o 65,79% de todo o patrimonio arqueolóxico que se coñece no Monte Pindo foi descuberto nestes 4 anos por membros e colaboradores desta entidade, dando asi continuidade fluída á labor feita antes por referentes coma Xosé Barreiro Barral, Pedro Marfany, Fernando Alonso Romero, Moncho Vidal Romaní... Entre os novos achados destacan desde cerámicas, petroglifos, covas de fuxidos da Guerra Civil, lapislázuli, moedas e outros elementos medievais... unha inmensidade de patrimonio que sacamos da sombra para multiplicar o valor do Olimpo Celta, e que nos permiten hoxe confirmar a súa ocupación practicamente continuada desde o Paleolítico ata o abandono do pastoreo na última metade do pasado século.

Todo este traballo de investigación, divulgación e promoción non foi doado, interviron moitísimas persoas de xeito absolutamente altruista, dedicando o seu tempo libre e os seus recursos, por pura amizade e vocación de ir descubrindo o que este macizo aínda nos agocha, que é moito. E todo isto se fixo sen ter recibido un só euro das arcas públicas.

Cando sen cartos puidemos facer todo isto, imaxinádevos se a Xunta cumprise cos criterios de conservación que se ten marcado en materia ambiental, investise o que tería que ter investido neste espazo, e en lugar de dar a espalda aos movementos veciñais valorase, por un momento, colaborar con eles, declarar o Parque Natural do Monte Pindo para que este espazo natural e o seu contorno participe no reparto dos máis de dous millóns de euros que a Xunta destina anualmente aos parques naturais, o dotase dunha dirección e dun Plan Rector de Uso e Xestión, financiar investigacións e publicacións, excavar o Castelo de San Xurxo e a ermida de Campo de Cortes, retirar os eucaliptos e traballar pola recuperación da vexetación autóctona, mellorar e sinalizar as rutas para que nunca máis ninguén se perda, apoiar a creación de empresas ou cooperativas de turismo rural, actividades deportivas e aproveitamento substentábel dos recursos do monte para xerar quen sabe se ducias de postos de traballo, vixilar as subidas de motos e de pirómanos e, en definitiva, axudarnos a sacar o Monte Pindo do seu actual abandono, que é o menos que debe esperarse de quen ten por lei a xestión deste Olimpo Celta. Quen sabe se o incendio do pasado mes de setembro sería hoxe tan só un pesadelo.

06/10/14

Descuberto un novo petroglifo no Monte Pindo

O símbolo parece orientarse hacia o camiño de subida
 Na mañá de onte os veciños Jordi Tato e Iván Franco, directivo da AMPPN e concelleiro de Cultura de Carnota, atoparon durante unha visita ao Olimpo Celta un petroglifo que non estaba catalogado, preto do camiño que sube desde o Fieiro.

Trátase dunha cruz extraordinariamente semellante ás presentes no propio cumio da Laxe da Moa, aínda que moito menos erosionada que aquelas probablemente pola súa orientación, e que poderían estar relacionados cos intentos de cristianización dos cultos pagáns que ata hai tempos moi recentes tiñan lugar no Olimpo Celta.

Este descubrimento ten unha gran importancia pois é a primeira vez que se encontra un símbolo destas características nun dos accesos en vez de nun lugar de culto consolidado, como é o caso da Laxe da Moa, pico Penafiel ou Cova da Xoana.

Hoxe a Asociación Monte Pindo Parque Natural notificiará ás autoridades a ubicación deste achádego para proceder á súa catalogación, incrementando asi o múltiple patrimonio arqueolóxico do Monte Pindo.

Radio Nordés entrevista a Iván Franco