25/09/14

O Monte Pindo volve ao Parlamento Galego

É a terceira vez que se debate; as dúas ocasións anteriores a Xunta negou expresamente calquera medida de protección

Imaxes do último debate, o 10 de outubro de 2013
Se a Xunta non vai ao Monte Pindo, o Monte Pindo vai á Xunta. A cámara de representantes dos galegos e galegas debaterá novamente o devir do Olimpo Celta, e a Xunta deberá responder a unha batería de preguntas sobre o incendio de 2013 formulada polo grupo parlamentario nacionalista.

Esta vez o debate non se centrará nas posibilidades de protección do Monte Pindo, unha vez que a Xunta xa ten renunciado a desenvolver ningún tipo de protección e conservación neste espazo, senón ao abandono deste lugar despois do gravísimo incendio, máis aínda -se cabe- que o que historicamente o Olimpo Celta tiña sufrido.

A impunidade do autor material, a falta de avaliación das consecuencias desta catástrofe, a carencia total de iniciativas e recursos para a reparación dos danos e a recuperación do espazo mediante un plan de xestión, e por suposto a irrupción de eucalipto que invade xa centos de hectáreas ata ameazar á especie máis valiosa deste espazo, o carballo anano, centrarán deste xeito un debate do que estaremos pendentes para informar a toda a cidadanía galega do que está pasando e, sobre todo, do que tiña que pasar e non pasa.

Agardamos que a diferencia das dúas ocasións anteriores (1, 2) esta vez a Xunta se molle e poña na mesa cifras e propostas firmes para con este espazo. En canto coñezamos o día e a hora do debate actualizaremos esta noticia.
Á Mesa do Parlamento

Ana Belén Pontón Mondelo, María Tereixa Paz Franco e Francisco Xesús Jorquera Caselas, deputadas e deputado do Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), ao abeiro do disposto no Regulamento da Cámara, formulan a seguinte Pregunta para a súa resposta oral en Comisión, relativa á valoración que fai a Xunta de Galiza sobre a situación do Monte Pindo.

Cumprido un ano do inicio do incendio que arrrasou 2.000 hectáreas no Monte Pindo, a veciñanza deste concello denuncia o abandono da Xunta e ausencia de medidas tanto para a restauración deste espazo, como para evitar que unha catástrofe similar poida repetirse. De feito mesmo segundo denuncia a asociación Monte Pindo Parque Natural, existe unha nova ameaza para o monte coa substitución da vexetación autóctona polo eucalipto. Esta asociación, denuncia ademais que non lles consta que se estas actuacións estean autorizadas nin polo concello, nin pola Xunta de Galiza, nin pola comunidade de montes de Caldebarcos.

É evidente que esta actuación constitúe unha degradación dunha zona declarada LIC dentro da Rede Natura e que ven a sumarse ao desleixo e desfeita producido neste espazo. A pesar de ter requirido actuacións de recuperación deste espazo tanto o goberno galego, como o Grupo do PP no Parlamento de Galiza fixeron oídos xordos as razoábeis e lóxicas demandas realizadas.

Coa finalidade de avaliar esta situación formulamos as seguintes preguntas para a súa resposta oral en comisión:

  • Que resultados se obtiveron da investigación das causas do incendio acontecido hai un ano no concello de Carnota?
  • Que informes científicos se teñen realizado para avaliar o impacto deste incendio?
  • Ten previsto a Xunta de Galiza abandonar o seu desleixo e poñer en marcha medidas para reparar os danos producidos polo incendio do Monte Pindo?
  • Ten previsto a Xunta de Galiza a posta en marcha dun plan de recuperación deste espazo e de un plan de xestión específico? En caso afirmativo, en que prazo Que recursos se van destinar ao mesmo?
  • Que valoración ten a Xunta de Galiza do facto de estaren substituíndo vexetación autóctona por eucalipto nas zonas queimadas polo incendio producido hai un ano no Monte Pindo?

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2014

Asdo.: Ana Belén Pontón Mondelo
María Tereixa Paz Franco
Deputadas do G.P. do BNG
Francisco Xesús Jorquera Caselas
Portavoz do G.P. do BNG

OFICINA PARLAMENTAR
Parlamento de Galiza
Rúa do Hórreo, s/n. Tel. 0034 981 551 545
Fax. 0034 981 551 420. Fax prensa: 0034 981 551 421
gp-bng@parlamentodegalicia.es
15702 Santiago de Compostela
Galiza