Éxito do roteiro ao Monte Pindo coa asistencia de máis de 200 persoas que disfrutaron dunha xornada fantástica
|
Parte da comitiva na Laxe da Moa. Imaxe: AMPPN |
A Asociación Monte Pindo Parque Natural celebra o impresionante interese que segue a espertar o Olimpo Celta mesmo despois de verse arrasado, e a curiosidade por coñecer o estado actual do macizo carnotán converteu nun auténtico éxito o roteiro co que a entidade veciñal pretendía reivindicar o cabodano da traxedia, reunindo a máis de 200 persoas de toda idade e procedencia, e espertando unha gran espectación mediática, con presenza de equipos da TVG, Antena 3, Telecinco, Sexta e Cuatro. A todos eles temos que agradecer o seu respaldo.
|
Imaxe: AMPPN |
A serpe multicor partiu de Caldebarcos cara o Chan das Lamas por un sendeiro inédito para a nosa Asociación, e descubriu as monumentais calzadas que os nosos antergos prepararon para habilitar o acceso de animais e carros ata o Monte. Rodeada a chaira, ascendeu ata o Castelo de San Xurxo, tumba da mítica Raíña Lupa e dos seus tesouros. Logo, despois da visita de rigor ao Xigante da Mina, a comitiva atravesou as murallas do castelo Pindo Central para rematar a andaina na Laxe da Moa coas vistas máis espectaculares do sur da Costa da Morte, tras o que xantamos no Campo das Cortes e tomou un merecido descanso. O retorno, pola mesma ruta, concluiu arredor das 17:30h no fermoso lugar de Caldebarcos.
Brotes de eucalipto de varios metros de altura ameazan o único hábitat do carballo anano
|
Imaxe: AMPPN |
Ao longo da mañá, unha delegación da Asociación Monte Pindo Parque Natural achegouse, acompañada por varios medios de comunicación interesados, ao único hábitat do carballo anano no Monte Pindo e tamén en Galiza. Nesa zona puidermos constatar a invasión total de
Eucalyptus globulus, que rebrotou por doquier ameazando a supervivencia do carballo autóctono. As novas plantas xa superan en menos dun ano os dous metros de altura, polo cal, tal e como puido precisar o enxeñeiro de montes e directivo de Monte Pindo Parque Natural, Xurxo Pérez, a súa extracción manual xa non é posíbel. Tamén comprobamos as cortas de arborado queimado nas zonas baixas do monte, lugares hoxe tamén colonizados por eucaliptos.
|
Imaxe: AMPPN |
Isto contradi por completo as últimas declaracións de Tomás Fernández-Couto, secretario xeral do Medio Rural e Montes, quen se amosou totalmente despreocupado pola situación no espazo natural protexido e mesmo asegurou que a Xunta non faría nada antes da primavera do 2015, en aras dunha suposta recuperación natural, excusa incríbel para unha desafección e un abandono deliberados que abriu as cancelas á profusión do eucalipto, que se hoxe xa non se poden retirar de forma manual, no prazo dun ou dous anos conformará unha masa forestal consolidada nun lugar de imposíbel acceso a maquinaria. E se por parte da Consellería de Medio Rural todo o que podemos saber son estas declaracións improvisadas, inconcretas, inexactas e lanzadas, sen dúbida, debidas exclusivamente ao interese mediático que xerou
a nosa última denuncia, por parte da Consellería de Medio Ambiente, responsábel da conservación da natureza, non sabemos nada en absoluto.
Ignorou
todos os avisos da situación de abandono, e o Monte Pindo
rematou destruído. Ignorou
a alerta de escorrentías, e
remataron enterrando os bancos marisqueiros. Incluso
vetou as iniciativas do propio movemento veciñal que buscaban reemprazar a inacción administrativa. Agora ignora
todas as alertas sobre a emerxencia ecolóxica que vivimos. Co seu silencio e abandono premeditado do Monte Pindo, a Xunta sentenza a súa biodiversidade, e nomeadamente, un dos seus maiores valores que no seu día xustificou a súa protección, o carballo anano. Neste contexto o Concello de Carnota, as Comunidades de Montes e o tecido asociativo de Carnota acordamos traballar para liquidar o Consorcio que deixa en mans da Xunta a competencia súa xestión e, polo tanto, reverter a xestión do Monte Pindo nos seus propietarios e nos movementos sociais que si están dispostos a traballar polo futuro deste espazo natural único, para acabar dunha vez co abandono ao que parecen telo condenado.