25/09/14

O Monte Pindo volve ao Parlamento Galego

É a terceira vez que se debate; as dúas ocasións anteriores a Xunta negou expresamente calquera medida de protección

Imaxes do último debate, o 10 de outubro de 2013
Se a Xunta non vai ao Monte Pindo, o Monte Pindo vai á Xunta. A cámara de representantes dos galegos e galegas debaterá novamente o devir do Olimpo Celta, e a Xunta deberá responder a unha batería de preguntas sobre o incendio de 2013 formulada polo grupo parlamentario nacionalista.

Esta vez o debate non se centrará nas posibilidades de protección do Monte Pindo, unha vez que a Xunta xa ten renunciado a desenvolver ningún tipo de protección e conservación neste espazo, senón ao abandono deste lugar despois do gravísimo incendio, máis aínda -se cabe- que o que historicamente o Olimpo Celta tiña sufrido.

A impunidade do autor material, a falta de avaliación das consecuencias desta catástrofe, a carencia total de iniciativas e recursos para a reparación dos danos e a recuperación do espazo mediante un plan de xestión, e por suposto a irrupción de eucalipto que invade xa centos de hectáreas ata ameazar á especie máis valiosa deste espazo, o carballo anano, centrarán deste xeito un debate do que estaremos pendentes para informar a toda a cidadanía galega do que está pasando e, sobre todo, do que tiña que pasar e non pasa.

Agardamos que a diferencia das dúas ocasións anteriores (1, 2) esta vez a Xunta se molle e poña na mesa cifras e propostas firmes para con este espazo. En canto coñezamos o día e a hora do debate actualizaremos esta noticia.
Á Mesa do Parlamento

Ana Belén Pontón Mondelo, María Tereixa Paz Franco e Francisco Xesús Jorquera Caselas, deputadas e deputado do Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), ao abeiro do disposto no Regulamento da Cámara, formulan a seguinte Pregunta para a súa resposta oral en Comisión, relativa á valoración que fai a Xunta de Galiza sobre a situación do Monte Pindo.

Cumprido un ano do inicio do incendio que arrrasou 2.000 hectáreas no Monte Pindo, a veciñanza deste concello denuncia o abandono da Xunta e ausencia de medidas tanto para a restauración deste espazo, como para evitar que unha catástrofe similar poida repetirse. De feito mesmo segundo denuncia a asociación Monte Pindo Parque Natural, existe unha nova ameaza para o monte coa substitución da vexetación autóctona polo eucalipto. Esta asociación, denuncia ademais que non lles consta que se estas actuacións estean autorizadas nin polo concello, nin pola Xunta de Galiza, nin pola comunidade de montes de Caldebarcos.

É evidente que esta actuación constitúe unha degradación dunha zona declarada LIC dentro da Rede Natura e que ven a sumarse ao desleixo e desfeita producido neste espazo. A pesar de ter requirido actuacións de recuperación deste espazo tanto o goberno galego, como o Grupo do PP no Parlamento de Galiza fixeron oídos xordos as razoábeis e lóxicas demandas realizadas.

Coa finalidade de avaliar esta situación formulamos as seguintes preguntas para a súa resposta oral en comisión:

  • Que resultados se obtiveron da investigación das causas do incendio acontecido hai un ano no concello de Carnota?
  • Que informes científicos se teñen realizado para avaliar o impacto deste incendio?
  • Ten previsto a Xunta de Galiza abandonar o seu desleixo e poñer en marcha medidas para reparar os danos producidos polo incendio do Monte Pindo?
  • Ten previsto a Xunta de Galiza a posta en marcha dun plan de recuperación deste espazo e de un plan de xestión específico? En caso afirmativo, en que prazo Que recursos se van destinar ao mesmo?
  • Que valoración ten a Xunta de Galiza do facto de estaren substituíndo vexetación autóctona por eucalipto nas zonas queimadas polo incendio producido hai un ano no Monte Pindo?

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2014

Asdo.: Ana Belén Pontón Mondelo
María Tereixa Paz Franco
Deputadas do G.P. do BNG
Francisco Xesús Jorquera Caselas
Portavoz do G.P. do BNG

OFICINA PARLAMENTAR
Parlamento de Galiza
Rúa do Hórreo, s/n. Tel. 0034 981 551 545
Fax. 0034 981 551 420. Fax prensa: 0034 981 551 421
gp-bng@parlamentodegalicia.es
15702 Santiago de Compostela
Galiza

15/09/14

A praga de eucalipto no Monte Pindo xa non se pode eliminar de forma manual

Éxito do roteiro ao Monte Pindo coa asistencia de máis de 200 persoas que disfrutaron dunha xornada fantástica

Parte da comitiva na Laxe da Moa. Imaxe: AMPPN
A Asociación Monte Pindo Parque Natural celebra o impresionante interese que segue a espertar o Olimpo Celta mesmo despois de verse arrasado, e a curiosidade por coñecer o estado actual do macizo carnotán converteu nun auténtico éxito o roteiro co que a entidade veciñal pretendía reivindicar o cabodano da traxedia, reunindo a máis de 200 persoas de toda idade e procedencia, e espertando unha gran espectación mediática, con presenza de equipos da TVG, Antena 3, Telecinco, Sexta e Cuatro. A todos eles temos que agradecer o seu respaldo.

Imaxe: AMPPN
A serpe multicor partiu de Caldebarcos cara o Chan das Lamas por un sendeiro inédito para a nosa Asociación, e descubriu as monumentais calzadas que os nosos antergos prepararon para habilitar o acceso de animais e carros ata o Monte. Rodeada a chaira, ascendeu ata o Castelo de San Xurxo, tumba da mítica Raíña Lupa e dos seus tesouros. Logo, despois da visita de rigor ao Xigante da Mina, a comitiva atravesou as murallas do castelo Pindo Central para rematar a andaina na Laxe da Moa coas vistas máis espectaculares do sur da Costa da Morte, tras o que xantamos no Campo das Cortes e tomou un merecido descanso. O retorno, pola mesma ruta, concluiu arredor das 17:30h no fermoso lugar de Caldebarcos.

Brotes de eucalipto de varios metros de altura ameazan o único hábitat do carballo anano
Imaxe: AMPPN
Ao longo da mañá, unha delegación da Asociación Monte Pindo Parque Natural achegouse, acompañada por varios medios de comunicación interesados, ao único hábitat do carballo anano no Monte Pindo e tamén en Galiza. Nesa zona puidermos constatar a invasión total de Eucalyptus globulus, que rebrotou por doquier ameazando a supervivencia do carballo autóctono. As novas plantas xa superan en menos dun ano os dous metros de altura, polo cal, tal e como puido precisar o enxeñeiro de montes e directivo de Monte Pindo Parque Natural, Xurxo Pérez, a súa extracción manual xa non é posíbel. Tamén comprobamos as cortas de arborado queimado nas zonas baixas do monte, lugares hoxe tamén colonizados por eucaliptos.

Imaxe: AMPPN
Isto contradi por completo as últimas declaracións de Tomás Fernández-Couto, secretario xeral do Medio Rural e Montes, quen se amosou totalmente despreocupado pola situación no espazo natural protexido e mesmo asegurou que a Xunta non faría nada antes da primavera do 2015, en aras dunha suposta recuperación natural, excusa incríbel para unha desafección e un abandono deliberados que abriu as cancelas á profusión do eucalipto, que se hoxe xa non se poden retirar de forma manual, no prazo dun ou dous anos conformará unha masa forestal consolidada nun lugar de imposíbel acceso a maquinaria. E se por parte da Consellería de Medio Rural todo o que podemos saber son estas declaracións improvisadas, inconcretas, inexactas e lanzadas, sen dúbida, debidas exclusivamente ao interese mediático que xerou a nosa última denuncia, por parte da Consellería de Medio Ambiente, responsábel da conservación da natureza, non sabemos nada en absoluto. 

Ignorou todos os avisos da situación de abandono, e o Monte Pindo rematou destruído. Ignorou a alerta de escorrentías, e remataron enterrando os bancos marisqueiros. Incluso vetou as iniciativas do propio movemento veciñal que buscaban reemprazar a inacción administrativa. Agora ignora todas as alertas sobre a emerxencia ecolóxica que vivimos. Co seu silencio e abandono premeditado do Monte Pindo, a Xunta sentenza a súa biodiversidade, e nomeadamente, un dos seus maiores valores que no seu día xustificou a súa protección, o carballo anano. Neste contexto o Concello de Carnota, as Comunidades de Montes e o tecido asociativo de Carnota acordamos traballar para liquidar o Consorcio que deixa en mans da Xunta a competencia súa xestión e, polo tanto, reverter a xestión do Monte Pindo nos seus propietarios e nos movementos sociais que si están dispostos a traballar polo futuro deste espazo natural único, para acabar dunha vez co abandono ao que parecen telo condenado.

11/09/14

O eucalipto come o Monte Pindo por acción das pasteiras e omisión da Xunta

Hoxe cúmprese un ano do incendio, en que Xunta e industria pasteira aliáronse para cambiar a vexetación autóctona por eucaliptos

Cartel do roteiro deste sábado
Un ano despois, o Monte Pindo comeza a recuperarse de xeito natural a pesar da gran afectación do lume, a brutal erosión do terreo, e a ausencia da Xunta; a vexetación baixa volve ás turbeiras, e algunhas especies en perigo coma o lirio de monte ou o carballo anano lograron sobrevivir. A día de hoxe, os camiños xa están bastante practicábeis, e de feito imos lembrar este cabodano da traxedia cun roteiro o vindeiro sábado 13 de setembro, con saída ás 10:00h de Caldebarcos.

Poren, temos malas noticias para este espazo. A Asociación Monte Pindo Parque Natural denuncia que, un ano despois do incendio, o abandono da Xunta e os intereses empresariais aliáronse na substitución da vexetación autóctona polo eucalipto, especie que lle interesa especialmente á industria pasteira.

Esta organización tivo coñecemento de que testaferros das ditas corporacións están visitando a veciños e propietarios particulares nas saias do Monte Pindo, para xenerosamente retirarlles a madeira queimada das súas propiedades e unha posterior repoboación. Pero logo esas repoboacións fanse sempre con eucalipto, independentemente da especie que houbera antes. Por outra parte, temos recibido queixas de que cando estas corporacións reciben permiso para plantar, mesmo actúan en terreos colindantes para os que non teñen ningún tipo de acordo cos propietarios. Non nos consta que para as súas actuacións pediran tampouco permiso nin da administración local e a Comunidade de Montes de Caldebarcos, propietarios do monte, nin da propia Xunta, responsábel da súa xestión, nin moito menos que ninguén da administración, como a Xefa do Distrito Forestal Sara Romero, a mesma que nos prohibiu ao voluntariado plantar carballos e castiñeiros recollidos na zona despois do lume pois "non tíñamos permiso", alzara a voz porque se esté suplantando a vexetación autóctona por eucaliptos, indiscriminadamente, en pleno Lugar de Interese Comunitario - Rede Natura 2000.

Lirio de monte, en risco crítico de extinción a nivel mundial,
logrou sobrevivir ao lume. (Imaxe: Roi Carballal)
Deste xeito, a presenza do eucalipto, que antes do lume era anecdótica na superficie do futuro Parque Natural, hoxe mesmo ameaza o hábitat do carballo anano (Quercus lusitanica Lam), escpecie vulnerábel e xoia da coroa do Monte Pindo pois non se pode ver en ningún outro lugar do noso País. Esta especie, que despois do incendio rebrotara con forza, agora ve o seu territorio ameazado por eucaliptos que crecen moito máis rápido e prívano do espazo, a luz e a auga que precisa para desenvolverse.

Non esquecemos nin perdoamos: O pirómano, sen a inacción da Xunta, non o tería logrado
Hoxe cúmprense 365 días do incendio declarado en Cima da Arca (Cornes) que en menos dunha semana tería devorado sen oposición o Olimpo Celta, espazo mítico e natural para o que os veciños levaban 3 anos alertando á Xunta do risco grave de abandono en que se atopaba, e pedindo unha declaración de Parque Natural con cuxas dotacións económicas e humanas puidera atinxirse as súas problemáticas. Sen embargo todas esas voces, asi coma a de 169 institucións, asociacións veciñais, partidos políticos ou organizacións empresariais, ecoloxistas, turísticas, deportivas... foron deliberadamente ignoradas, dando como resultado a desaparición de toda a vida natural nas preto de 2.500 hectáreas no maior incendio declarado no 2013 no noso País, suceso vergonzoso para todos os galegos que hoxe a Xunta se empeña en ignorar nas súas avaliacións e comunicados.

Agochados ou en Colombia
Tampouco a raíz do incendio ningún dos responsábeis daquela Consellería de Medio Ambiente, boa parte deles imputados por atentados contra o medio natural, mudou un ápice a súa negativa a absolutamente nada que tivera que ver con actuar, destinar recursos, ou sequera permitir aos veciños traballar por este espazo. Aínda que en consecuencia esta área da Xunta foi progresivamente decapitada mediante xubilacións forzosas ou cambios de departamento, o certo é que sobre o terreo a Xunta brillou pola súa ausencia, só aparecendo na zona uns días despois da gran Manifestación celebrada en Compostela, para desenvolver unha serie de ridículas, custosas e cosméticas iniciativas destinadas a calmar o clamor e a rabia popular non só polo incendio, senón pola espantada xeral dos responsábeis de coidar o noso Olimpo Celta, algún ata se foi de vacacións a Colombia en pleno incendio.

Tampouco tivemos máis noticias da investigación policial sobre a autoría material do incendio. As pescudas do SEPRONA ou foron infructuosas ou quedaron directamente no caixón unha vez que rematou o verán e, por tanto, o interese público en materia de incendios. A nós citáronnos no acartelamento de Lonzas (Coruña) para ver se tiñamos algunha pista sobre quen fóra. Nós dixémoslles que non, que non tiñamos nin idea do autor material, pero si do seu cómplice: a Xunta de Galicia, en grao de colaborador necesario.

01/09/14

Roteiro polo Monte Pindo: O ano despois do desastre

Cartel do evento. Foto: Román Nóvoa ©
Cúmprese un ano do incendio que devastou o Olimpo Celta, e queremos que nos acompañedes nun roteiro pola zona arrasada o sábado 13 de setembro para comprobar o seu estado un ano despois, e pedirlle á Xunta que dunha vez dispoña dos recursos necesarios para recuperar e protexer o Monte Pindo.

Sairemos do restaurante O Feitizo en Caldebarcos (Carnota) a iso das 10:00h da mañá, polo que o primeiro tramo desenvolverase por un percorrido inédito no historial de visitas organizadas pola nosa Asociación. O retorno -ao mesmo lugar- está previsto a iso das 18:00h, polo que deberedes levar auga e xantar. Ah, coma sempre lembrade traer roupa e calzado cómodos, seguros e axeitados ás condicións meteorolóxicas do día. O custe da actividade é gratuito. Para máis información, consúltanos en info@montepindo.org.

Monte Pindo, Parque Natural!

En detalle
  • Trazado: Caldebarcos-Chan das Lamas-San Xurxo-Laxe da Moa (volta polo mesmo camiño)
  • Distancia: Arredor de 10 quilómetros
  • Duración: 4 horas (sen contar paradas), 6 horas totais
  • Dificultade: Media
  • Traer xantar e roupa e calzado seguros, cómodos e axeitados ás condicións do día
  • Máis información: www.montepindo.org ou escribenos a info@montepindo.org