07/04/14

Descúbrense no Monte Pindo unhas formacións líticas descoñecidas ata agora

Foto: Laura Caamaño
O lume que matou a vida do Olimpo Celta hai xa 200 días deixou á vista algunhas formacións líticas que, á falta da análise dos expertos que permitan estudar as estruturas, podería pasar a agrandar o patrimonio arqueolóxico do Monte Pindo.

Trátase dunhas cabanas circulares atopadas pola socia da AMPPN e veciña de Caldebarcos Laura Caamaño, aproveitando que o monte está tan pelado que permite observar seccións do parque natural que antigamente eran case inaccesíbeis ás persoas.

O colectivo está a aproveitar as súas visitas ocasionais para obter valiosa información sobre antigos camiños e muros que xa estaban esquecidos, e non descarta poder lograr descubrimentos importantes.

200 días sen noticias da Xunta
O Olimpo Celta segue sen ter ningunha noticia da administración responsábel de xestionalo cando veñen de cumprirse douscentos días do fatídico incendio que aniquiliu a súa vida natural. A última noticia foi a reincidente negativa a tramitar dunha vez a súa declaración oficial como parque natural, a suspensión indefinida do proxecto civil de voluntariado SOS Monte Pindo, e o esquecemento ao que parecen querer condenarnos. Se os autores por omisión seguen impunes, tampouco houbo ningunha detención pola autoría material do lume, que segue sen esclarecerse e non por falta de liñas de investigación senón de interese.

O territorio segue gravemente afectado polos episodios de arrastre e desertificación, apenas salpicado polas notas de cor que compoñen unhas poucas herbas e flores ventureiras e algunhas bolboretas. As pozas que deixa a choiva atraen aos poucos lagartos sobrevivintes da traxedia que destruiu un espazo natural único no sur de Europa por culpa da pasividade (cando non obstaculización) dos encargados de protexelo.

Pola súa parte o Valedor do Pobo decidiu -despois da denuncia da Asociación Monte Pindo Parque Natural- emprender actuacións contra a Xunta por negarse a facilitar aos colectivos veciñais información sobre as consecuencias do incendio e o custe do operativo de extinción. De feito xa lle leva requerido en dúas ocasións ao PP para que deixe de ocultar eses datos á opinión pública, pois a Lei obrígalles a informar con luz e taquígrafos sobre calquera cuestión medioambiental da súa competencia, como é o caso.