20/01/14

O Monte Pindo ten máis hábitats prioritarios a protexer que calquera parque natural galego

A Xunta insiste en que esta flor (en risco crítico
de extinción) desapareceu do Monte Pindo para evitar
que supoña un valor engadido a este espazo,
a pesar de que a atopamos o verán pasado.
O absurdo da negativa da Xunta para negarse a converter o Olimpo Celta en Parque Natural, e sobre todo o seu total menosprezo polos valores naturais que na nosa opinión xustifican esa declaración quedan totalmente en evidencia á vista do dato de que o Lugar de Interese Comunitario Carnota - Monte Pindo conta con máis hábitats prioritarios recollidos na Directiva 92/43/CEE da Unión Europea que calquera dos parques naturais existentes, que calquera dos outros candidatos a facerse con esa figura, e incluso que único Parque Nacional da nosa comunidade, o arquicoñecido das Illas Cies.

Asi, a área de influencia do macizo carnotán inclúe un total de 40 espazos que cumplen esas características, dos cales 17 (relacionados ao final deste artigo) están dentro da delimitación do espazo virxe do Monte Pindo proposto para esa figura, que lembramos inclúe só o territorio público do Concello de Carnota e da Comunidade de Montes de Caldebarcos, ambas entidades favorábeis a esta declaración, aínda que a proposta tamén se abrirá a outros espazos circundantes e aos particulares que queiran incluír as súas propiedades colindantes no Parque Natural para aproveitarse dos grandes beneficios desa figura de protección.

Asi, a clasificación dos parques naturais galegos (incluíndo os candidatos máis firmes a selo no futuro próximo) en función do número de hábitats prioritarios por cada LIC queda como segue:
  1. LIC Carnota - Monte Pindo (Candidato a Parque Natural) 40
  2. LIC Os Ancares - O Courel (Candidato a Parque Natural) 37
  3. LIC Corrubedo (Parque Natural) 35
  4. LIC Macizo Central (inclúe o Parque Natural do Invernadeiro) 30
  5. LIC Baixa Limia (Parque Natural) 26
  6. LIC Illas Cíes (Parque Nacional) 23
  7. LIC Fragas do Eume (Parque Natural) 22
  8. LIC As Catedrais (Candidato a Parque Natural) 21
  9. LIC Serra da Enciña da Lastra (Parque Natural) 18
  10. LIC Monte Aloia (Parque Natural) 11
Este dato aínda cobra máis relevancia se atendemos á relación de hábitats prioritarios coa superficie de cada un deses espazos LIC, pois o macizo carnotán ten máis hábitats protexidos por hectárea que catro dos parques naturais que xa existen na nosa comunidade.

Esta é a realidade dun espazo natural que para a Xunta non é prioritario, aínda ignorando o dato de que no ano 1917 foi proposto xa non a ser Parque Natural, senón a ser Parque Nacional.

A superficie tampouco é un inconvinte
A pesar que en determinadas etapas deste conflito a Xunta aludiu á "escasa" superficie para declarar un parque natural en Carnota, non existe nin un só vericueto da lexislación actual que sirva para negarlle a ningún espazo natural determinada catalogación en función da súa superficie. Pero aínda que existise, en que situación quedaría o Olimpo Celta?

Tirando a grosso modo unha delimitación que collera as aproximadamente 2.000 hectáreas que podemos considerar completamente virxes (sen incluir as marismas de Carnota polo sur, nada alén do río Xallas polo norte, ningún núcleo poboado, actividade industrial e sen sequera atravesar ningunha pista asfaltada) o Monte Pindo situaríase no top 5 dos parques naturais galegos, superando tamén ao Parque Nacional das Illas Atlánticas.
  1. Parque Natural Baixa Limia - Serra do Xurés 20.920,00 hectáreas
  2. Parque Natural Fragas do Eume 9.125,65 hectáreas
  3. Parque Natural O Invernadeiro 5.722,00 hectáreas
  4. Parque Natural Serra da Enciña da Lastra 3.151,67 hectáreas
  5. Parque Natural Monte Pindo 2.000,00  hectáreas
  6. Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia 1.194,80 hectáreas
  7. Parque Natural Corrubedo 996,25 hectáreas
  8. Parque Natural Monte Aloia 746,29 hectáreas

Carnota, concello costeiro con máis superficie protexida
Outro dato que incluso a Xunta recoñece é que Carnota é o concello costeiro galego con máis porcentaxe da superficie municipal protexida con algunha figura ambiental. Sen embargo, actualmente a súa veciñanza non está sendo compensada económica nin socialmente por esta figura, co cal entre a poboación cunde a lóxica sensación de que este tipo de medidas de protección se deciden desde fóra e para que xente de fóra veña a explorar as nosas paisaxes nas vacacións, mentras a xente de aqui vese obrigada a coller a maleta por falta de oportunidades. O parque natural suporía para Carnota entrar no reparto duns 2,2 millóns de euros anuais con outros seis espazos do noso País, incrementaría a prioridade presupostaria de toda a zona e permitiría desenvolver numerosas iniciativas de emprendemento na zona para aproveitar a atraínte marca do Parque Natural.

Non sería iso facer xustiza con quen no seu día resistiu a presión urbanística e dos macroproxectos industriais e fixo o correcto para coidar e protexer a súa natureza e territorio? Para a Xunta non, á vista de como discrimina precisamente a un deses concellos mentras inviste inxentes sumas de cartos en proxectos que exterminan literalmente o medio ambiente.

A vella excusa dos problemas económicos desmorónase á vista dos datos reais
Cando todo o anterior queda en entredito, a mítica excusa do mal momento económico é o cravo ardendo que lle queda á Xunta de Galicia para negarse a declarar o Parque Natural do Monte Pindo. Pero que pode haber de certo niso?

A resposta é contundente: Nada. A Xunta nunca deu ningún dato do que lle custaría protexer o Olimpo Celta, pero si sabemos que os parques naturais de todo o estado español levan de media cada ano 26 euros por hectárea. Isto permitiu a creación dunha media de 11 postos de traballo por cada Parque Natural.

Pero de canto estaríamos falando no Monte Pindo? Respectando escrupulosamente a media española de gasto por hectárea, o Parque Natural do Monte Pindo suporíalle á Xunta un investimento total de... 39.000€ anuais!

En serio a Xunta trata de convencernos de que non ten 6,5 millóns das antigas pesetas para dedicarllo a un dos espazos naturais máis valiosos do País que lle corresponde xestionar, contribuir ao relanzamento da economía local e satisfacer unha vella demanda cidadá, pero si pode ter dispoñibilizar de inmediato case un millón de euros para encargar un informe técnico do que custará restaurar o recentemente destruido santuario da Barca en Muxía, propiedade e xestionada pola Igrexa católica? Non podemos aspirar a lograr da Xunta un investimento anual semellante ao gasto que supoñen algúns asesores, pero si poden permitirse dilapidar en menos dunha semana varios millóns de euros nun operativo de extinción de incendios que non serviu para salvar nin un metro cadrado do espazo natural?

Por certo, a Xunta non contestou aínda ás nosas preguntas sobre canto gastou no Monte Pindo desde o ano 2010 (en que nace a reivindicación veciñal polo Parque Natural) nin tampouco revelou canto custou apagar o lume que o pasado verán rematou destruindo o Monte Pindo. Está claro que algo teñen que agochar, e que saben que a calculadora pode ser tremendamente cruel nestes casos con quen presumía de politica de xestión de incendios baseada unicamente na súa extinción. Tanto lles vai en ocultar estes datos que están dispostos a incurrir no delito que supón negar información de carácter ambiental solicitada ao amparo da lexislación europea (Directiva 2003/4/CE), española (Lei 38/1995 e Lei 27/2006) e galega (Lei 1/1995), circunstancias que esta semana van ser postas en coñecemento do Valedor do Pobo.

Temos máis hábitats prioritarios que ninguén e máis superficie municipal protexida que ninguén, pero recibimos menos investimentos que ninguén. Algo cheira a podre na xestión ambiental deste país e a Asociación Monte Pindo Parque Natural está disposta a airealo.

Hábitats protexidos pola Directiva 92/43/CEE no Olimpo Celta
  1. 4020* Brezais húmidos atlánticos de Erica ciliaris 
  2. 4030 Brezais secos europeos
  3. 7140 Mires de transición (Tremedales)
  4. 8230 Rochedos silíceos con vexetación pioneira do Sedo-Scleranthion ou do Sedo albi-Veronicion dillenii
  5. 9230 Carballeiras galaico-portuguesas con Quercus robur y Quercus pyrenaica
  6. 3260 Ríos, de pisos de planicie a montano con vexetación de Ranunculion fluitantis e de Callitricho-Batrachión
  7. 6220* Zonas subestépicas de gramíneas e anuais do Thero-Brachypodietea
  8. 6410 Prados-xunqueiras con Molinia caerulea sobre chans húmidos gran parte do ano
  9. 6430 Megaforbios eutrofos higrófilos das orlas de chaira e dos pisos montano a alpino
  10. 6510 Prados de sega de montaña (Arrhenatherion)
  11. 7110* Turbeiras elevadas activas (*)
  12. 7150 Depresións en substratos turbosos do Rhynchosporium
  13. 8130 Desprendementos rochosos occidentais e termófilos
  14. 8220 Pendentes rochosas silíceas con vexetación casmofítica
  15. 8310 Covas non explotadas polo turismo
  16. 91E0* Bosques aluviais arbóreos e arborescentes de cursos xeralmente altos e medios, dominados ou codominados por ameneiros (Alnus glutinosa), freixos de montaña (Fraxinus excelsior), bidueiros (Betula alba o B. pendula), abeleiras (Corylus avellana) o chopos negros (Populus nigra) (*)
  17. 5230* Matogueiras arborescentes de Laurus nobilis