27/01/14

Monte Pindo denuncia á Xunta ante o Valedor do Pobo por negarse a informar sobre o lume do Olimpo Celta e os investimentos nese espazo

A Xunta pode estar vulnerando lexislación europea, española e galega en materia de información sobre o medio ambiente
Rosa Quintana, conselleira de Medio Rural (Fonte)
Cúmprense dous meses desde que Monte Pindo Parque Natural presentou no rexistro xeral da Xunta de Galicia unha solicitude de información á Consellería do Medio Rural e do Mar sobre o custe do operativo de extinción do lume declarado o 11 de setembro no Olimpo Celta, e canto dese diñeiro se entregou a empresas privadas. Ademais preguntouse polos cartos se teñen investido neste espazo nos tres anos anteriores, desde a precisa data en que un colectivo veciñal naceu para esixir protección e investimentos no espazo e, no caso de haber algún, cales foron as actuacións a cargo deses cartos.

Copia do escrito
Nin unha cousa nin a outra: a Xunta da a calada por resposta, incurrindo nunha posíbel vulneración das lexislacións europea (Directiva 2003/4/CE), española (Lei 38/1995 e Lei 27/2006) e galega (Lei 1/1995) que regulan o dereito de acceso á información sobre o medio ambiente, o que xa foi posto en coñecemento do Valedor do Pobo José Julio Fernández Rodríguez para que ampare os dereitos dos veciños no que consideramos unha actuación lesiva por parte da Xunta, obrigando á Xunta a facilitar a información requerida.

Moito nos tememos que á Xunta non lles interesa dar a coñecer estes datos porque resumen o verdadeiro fracaso da xestión forestal e medioambiental do goberno galego, que leva anos substituindo as políticas continuadas de prevención por inxentes gastos en operativos de extinción que recae en empresas privadas, favorecendo o monocultivo de eucaliptos e deixando en todo caso nun último plano a atención das problemáticas propias dos espazos naturais que lle corresponde xestionar.

O Valedor admite a denuncia a trámite (actualización a 4 de febreiro de 2014)
A Asociación Monte Pindo Parque Natural vén de recibir un escrito do Valedor polo cal anuncia a admisión a trámite da denuncia contra Medio Rural e a iniciación inmediata das accións pertinentes por entender que reunía todos os requisitos formais.