13/01/14

A revista Interviú denuncia a destrución do Monte Pindo e a corrupción xeralizada na CMATI

O monte sacro que para a Xunta de Galicia non é prioritario, cada vez axita máis conciencias a nivel nacional e internacional. A coñecida revista Interviú ofrece esta semana na súa edición nº 1.968 unha extensa reportaxe central a 6 páxinas (páxinas 44 a 49) titulada "La rebelión del Monte Pindo" sobre a catástrofe que vimos de vivir no Olimpo Celta, da que ofreceu un breve anticipo na súa páxina web. A edición en papel estará nos quioscos toda a semana.

As páxinas centrais da revista ofrecen un "póster" da Marcha Verde
A reportaxe asinada pola xornalista Rebeca Hortigüela, (e que conta con numerosas fotografías do noso socio e veciño Juan Louro), ademais de explicar ao detalle o tortuoso proceso desde que en 2010 naceu a reivindicación veciñal pedindo atención para o macizo ata que en setembro do 2013 viuse destruido ante a absoluta falta de protección, a reportaxe ameaza tamén con causar un verdadeiro terremoto na Xunta ao relacionar a inacción da administración neste gravísimo episodio coa corrupción presente na Consellería de Medio Ambiente, e onde ata o incendio a cadea de responsábeis directos sobre a xestión do Monte Pindo, desde o xefe de servizo ata o mesmísimo Conselleiro, están ou estiveron imputados por gravísimos delitos relacionados co medio ambiente.

O subdirector xeral desertou a Colombia durante o lume
A Xunta elude explicar esta foto do
Subdirector en Bogotá con EOSA
Capítulo aparte merece a actuación de Rogelio Fernández, subdirector xeral de Espazos Naturais. Este señor, responsábel directo sobre ese espazo, decidiu abandonar o seu posto e emprender unha polémica viaxe "vacacional" a Bogotá en pleno incendio do Monte Pindo, ou iso contestou a Xunta ante as sospeitas do ecoloxismo. Sen embargo, ao longo desa viaxe Rogelio Fernández apareceu en Colombia pronunciando unha conferencia sobre os espazos naturais españois (parte dos cales nese momento seguían ardendo, entre eles o Monte Pindo), cousa que nunca fixera antes en Galiza.

Aínda é máis grave: Rogelio Fernández aparece nunha das fotos dese acto acompañado por directivos da empresa EOSA, que resulta ser unha contrata da propia Consellería de Medio Ambiente. Esa relación mercantil tamén está salpicada de sospeitas de ilegalidade, pois EOSA desenvolve a súa actividade dentro da propia Consellería, atende un teléfono oficial da mesma e os contratos que a Xunta alega que mantén con dita sociedade son totalmente insuficientes para manter esta actividade durante os como mínimo tres anos que leva traballando nas dependencias da Consellería en San Lázaro. Todo isto pode insinuar que en realidade Rogelio Fernández abandonou o seu posto nun momento crítico para participar nos negocios dunha empresa privada.

O voluntariado civil choca coa mafia forestal
A instrución do Caso Maceiras mantén
20 imputacións, varias delas na Xunta
Asi mesmo Interviu sinalou un posíbel vencello entre a paralización forzosa do proxecto SOS Monte Pindo e outro episodio lamentábel da xestión forestal galega: o caso Maceiras (ou Operación Forest) destapado por FRUGA no que unha empresa privada vimiancesa (Medioambiente Maceiras SA) recibía subvencións multimillonarias por repoboacións forestais que non se facían ou facíanse sen coñecemento dos propietarios das terras e ata falecidos. Por este expediente foron imputados varios funcionarios da Xunta por certificar en falso esas operacións, entre eles precisamente a persoa que mandou parar o voluntariado civil do Monte Pindo coa ameaza de sancións.

A Asociación Monte Pindo Parque Natural está a estudar o alcance das informacións recén publicadas e non descarta poñelas en coñecemento da Fiscalía por se puideran ser constitutivas de delitos económicos e contra o medio ambiente.