11/10/13

O PP abandona definitivamente a veciñanza de Carnota á súa sorte mentras a Xunta fai o paripé na zona arrasada

Marisol Piñeiro, verdugo das actuacións concretas e compensacións aos afectados que se pedían na zona
Piñeiro atacou con furia os proxectos que
se piden para Carnota, onde é a nº 2 do PP
As ansiadas solucións para que a catástrofe do Monte Pindo non volva repetirse e para recuperalo terán que agardar a que o PP abandone o goberno galego. Asi de claras son as conclusións que podemos tirar do debate parlamentario que se produciu onte a raíz dunha iniciativa apoiada por todo o hemiciclo con excepción do PP, que usou a súa maioría absoluta para esmagala negándolle aos veciños de Carnota compensacións económicas polas perdas derivadas do incendio mediante a declaración de zona catastrófica, bloqueando a adopción de medidas urxentes que se pediron para recuperar o Monte Pindo mediante un plan integral que por un lado minimizase o risco de escorrentías de lodos contaminantes que puideran supoñer unha nova catástrofe para veciñanza e sectores produtivos coma o pesqueiro e marisqueiro, e por outra parte marcase os pasos para comezar desde xa a traballar pola restauración ecolóxica do Monte Pindo. Ademais, o PP volveu a amosar a súa absoluta intranxisencia negándose a aceptar a declaración do Parque Natural que solicitamos preto de douscentos colectivos, nesta ocasión co recén inventado argumento de que os veciños non o queren.

Para colmo, a encargada de desestimar a iniciativa foi unha deputada do PP natural do Pindo, Marisol Piñeiro, unha política de terceira fila convertida para a ocasión nunha furibunda negadora de investimentos e actuacións que son positivas para o seu propio pobo, e nunha digna representante da miseria que existe actualmente na nosa política, onde os intereses puramente partidistas levan a que se use un cargo -e soldo- público gañado grazas aos seus propios veciños para negarlles ata o pan e a sal, e isto non merece outra consideración que a de miserable.

Programa electoral do PP de Carnota no 2007 prometendo o
Parque Natural do Monte Pindo. Marisol Piñeiro era nº 2.
Só os intereses espúreos poden xustificar que unha persoa que durante varios días tivo o lume á porta da súa propia casa e viu arrasar o monte e as propiedades da súa veciñanza, impida que se recupere ese espazo resarcindo os danos, e incluso que teña a desvergonza de atreverse a dicir que a veciñanza non quere que o macizo carnotán sexa declarado Parque Natural cando miles de persoas e centos de entidades de todo tipo de Carnota, da bisbarra e do país o levan pedindo tres anos sen terse alzado unha soa voz autorizada ou entidade en contra. Incluso ela mesma quería e prometía a declaración do Monte Pindo como Parque Natural, cando menos desde o 2003 ata o nacemento da Asociación Monte Pindo Parque Natural o 17 de outubro de 2010... no Pindo.

Afortunadamente non todos son iguais, e entre toda a podremia que existe na casta gobernante deste país debemos agradecer e aplaudir que as demais forzas do arco parlamentario (PSOE, AGE e BNG) si se puxeran dacordo para apoiar aos veciños de Carnota e pedir que se fixera algo para paliar a catástrofe que destruiu en días un dos espazos naturais galegos máis valiosos, o Monte Pindo, patrimonio universal de todos os galegos e das galegas.
Video-resumo da sesión (axiña, o debate completo)

A Xunta busca converter os seus paripés en titulares mediáticos para acalar as críticas e non ter que facer nada
Non imos andar con rodeos: Todo canto a Xunta fixo desde que o Monte Pindo ficou reducido a cinzas foi un auténtico despropósito, un verdadeiro paripé que sostera con pinzas o argumento de que esas 2.500 hectáreas fumeantes estaban sobradamente protexidas. Asi, mentira tras mentira, a administración galega foi agazapándose detrás dun bombardeo de titulares mediáticos co cal desviar as súas responsabilidades e acalar o clamor popular pola desfeita.

O despropósito xa lles empezou na casa. Durante o incendio que arrasou o Olimpo celta para o que levaban 3 anos esixíndolle protección, Agustín Hernández estivo agochado sen facer unha soa aparición ou declaración pública. O seu nº 2 e Director Xeral de Conservación da Natureza, Ricardo García-Borregón, acababa de dimitir por outro escándalo da súa xestión. A súa substituta, Verónica Tellado Barcia, xa asumiu o relevo estando de baixa por maternidade, situación na que segue. O Subdirector Xeral optou por irse de vacacións a América en pleno lume.

Coa Consellería de Medio Ambiente decapitada a todos os niveis, foron o propio Feijóo e Rueda, nº 1 e 2 do PP, os que tiveron que saír ao paso a tratar de coller o touro polos cornos para acalar as inxentes críticas á súa xestión dos lumes e do medio rural, pero sairon literalmente corneados, pois lonxe de amosar ningunha sensibilidade coa catástrofe ou ánimo de recoñecer e rectificar os erros cometidos, dedicaronse a atacar o mensaxeiro, repetir que non farían nada na zona e moito menos declarala zona catastrófica ou Parque Natural, que para eles os montes arden igualmente con ou sen protección, recoñecendo implicitamente que teñen abandonados incluso os parques naturais existentes. Ademais todos os galegos asistiron coa boca aberta a como o seu presidente, o mesmo señor que hai uns anos dicía que os lumes tiñan responsables políticos, agora insistía en que non, que a culpa era exclusivamente dos pirómanos.

Nada máis acabar de arder o Monte, e xusto cando esta Asociación denunciou publicamente que os únicos técnicos que se viran pola zona eran os que nos acompañaban, a Xunta comezou a repetir nos medios que os seus técnicos xa estaban a traballar no terreo. En realidade o que fixeron foi mandar aparecer pola zona a técnicos de Augas de Galicia, aproveitando que xa estaban na zona desde antes do lume, concretamente limpando regos de Lariño (Carnota), traballos que por orde expresa deixaron a medias para facer unha aparición moi mediática polos ríos do lugar do Pindo, e sacarse a correspondente foto apartando catro ramas.

Pouco despois, a nosa Asociación solicitou unha reunión urxente coa Consellería para pedirlle un paquete de actuacións urxentes e concretas para paliar a posibilidade de escorrentías de lodos cinzentos que puideran erosionar o terreo e acabar nos lugares e na ría, monte abaixo, constituindo unha nova catástrofe para o medio e para a veciñanza. Esta reunión segue agardando resposta, pero unha desas actuacións que solicitábamos, a distribución de capas de palla, converteuse nun gran espectáculo aéreo de helicópteros descargando 3,5 toneladas de palla durante tres tardes, aínda que vista desde fóra parecía un operativo épico e asi trascendeu nos medios. Outro paripé: A nosa Asociación cuantifica en preto de 4 hectáreas a zona "tratada", o que supón o 0,16% das 2.500 hectáreas arrasadas segundo as cifras oficiais da Xunta (medicións nas que tampouco confiamos xa, polo que a nosa entidade encargou os servizos dun perito independente).
Para colmo, deste improvisado operativo circense non se lle informou a ninguén (nin tan sequera ao Concello de Carnota), provocando riscos innecesarios á vida e seguridade dos veciños pois as zonas de carga e descarga empregadas pola aeronave privada estiveron en todo momento sen balizar nin sinalizar de ningún xeito, e por tanto abertas ao libre tránsito. Tampouco apareceu polo lugar ninguén para extender a palla, tal como caeu ali quedou.
Zona sobre a que se "actuou" en relación co total arrasado
Por outra parte, xusto cando publicamos que a Asociación Monte Pindo e as nosas entidades colaboradoras imos lanzar unha iniciativa de voluntariado no Monte Pindo a gran escala coordinada con científicos das universidades galegas e Concello de Carnota, a Xunta contraatacou cun "programa de voluntariado" para recuperar o Monte Pindo que tamén venderon con moito fume. Anda, por fin fan algo? Non! Outro escandaloso paripé, pois nos dous meses e medio que durará esa iniciativa, só se desenvolverán no Monte Pindo 5 xornadas. Iso si, no anuncio empregaron exclusivamente o marchamo publicitario do Olimpo Celta. Tampouco nese caso Concello, técnicos nin entidades sociais saben nada do que se vai facer, quen nin como.

Hoxe a Xunta amenceu empeñada en dicir que "decenas" de carballos ananos salvaronse da queima. Por que? Entroulles de repente preocupación polo estado das nosas especies protexidas? Desgrazadamente non. Novamente buscan transmitir á opinión pública que a afectación do lume sobre a ecoloxía do Monte Pindo non foi tanta, contradecindo o que toda a veciñanza pode ver e os biólogos confirman: a destrución ecolóxica case completa deste espazo natural valiosisimo e das preto de 650 especies (cen delas protexidas) que xa tiñamos catalogado no CEMP, unha delas o carballo anano. Sobre esta especie, "casualmente", dixéramos uns días antes que o 99% das súas prantas foran destruidas, despois dunha visita sobre o terreo cos mesmos biólogos que catalogaron e conseguiron que esta especie se protexese hai uns anos, e que por  tanto son os máximos coñecedores do estado desta poboación. Pero ata isto mereceu un contraataque mediático por parte da Xunta.

Unha mentira detrás doutra, un paripé detrás doutro, o PP mete a quinta na estratexia suicida desta fuxida cara adiante, unicamente pensada para rematar xustificando o inxustificable: este goberno da Xunta nunca vai recoñecer o erro fatal que supuxo ignorar durante tres anos a quen lle avisaba unha e outra vez do estado abandonado dun Monte Pindo que hoxe xace reducido a cinzas. Tamén confirma o presaxio que hai días se lle escapou a Alfonso Rueda: que a Xunta non pensa facer absolutamente nada por recuperar un dos espazos naturais galegos máis valiosos que ten a encomenda de xestionar, nin tampouco por aliviar o sufrimento que padeceron e seguen padecendo os veciños que viron como o lume afectaba ás súas propiedades e medio de vida. E o máis triste de todo é pensar que se non chega a ser porque existe unha Asociación dedicada ao Monte Pindo desde hai 3 anos que acaparou un notábel protagonismo reivindicativo e mediático, a Xunta non faría nin tan sequera o paripé: non faría absolutamente nada de nada.

Neste contexto a única saída que nos deixan é a ruptura. A partir de agora a sociedade herda pola forza a encomenda de sumar esforzos para facer o que ten que facer: suplantar a unha Xunta incompetente, indolente e de facto inexistente, para poñer os primeiros pasos da recuperación do seu monte, medio natural e rural, protexelo e poñelo en valor para a mellora da calidade de vida de todas as galegas e os galegos. De seguro non nos han faltar apoios -nin silveiras administrativas- neste duro pero ilusionante camiño de construir nós mesmos o futuro que queremos para as nosas fillas e os nosos fillos. E eles que se aparten do camiño.