01/10/13

O berro polo Monte Pindo voa desde terras arrasadas cara a Compostela

Maré humana polo Monte Pindo
Preto de 500 persoas chegadas de todo o País (e sobre todo dos arredores máis afectados, coma do Pindo, Caldebarcos, Quilmas, Ézaro e San Mamede, entre outros) apelaron novamente á épica o pasado sábado para, no medio dun auténtico diluvio que os acompañaba desde a primeira hora sen lograr disuadir a ningún dos que tiñan decidido comparecer ás 11 da mañá no Pindo ou Caldebarcos para, acompañados dos seus panos verdes, pór o pe no Olimpo Celta que nin os deuses dos nosos antergos conseguen zafar unha e outra vez do lume e o abandono.

Desolación, rabia e ata algunha bágoa foi a tónica que se podía aprezar nas caras destes valentes, que en moitos casos comprobaban por primeira vez cos seus ollos a realidade dun Monte Pindo que a Xunta considerou, considera e seguirá considerando un espazo natural sobradamente protexido. E esa visión é de morte, un vasto deserto negro ata onde a mesta néboa permitía observar, un auténtico inferno onde ata hai semanas estaba o Paraíso.

Emotivo encontro das comitivas
do Pindo e de Caldebarcos
Crianzas e maiores, homes, mulleres e ata animais, todos e todas unidos cun único lazo común: o verde que locían na solapa e un infinito amor polo seu Monte, que hoxe está reducido a cinzas. O acto tamén subscitou un impresionante apoio de caras moi coñecidas da nosa cultura coma Miguel de Lira, César Cambeiro, Federico Pérez, Xurxo Souto, Os Tonechos, Tamara Canosa e moitísimos máis que sería difícil de enumerar aqui e aos que pedimos desculpas por adiantado, pois a maré humana medía varios quilómetros. Tamén se notou un grandisimo seguemento mediático, incluso por medios e axencias estatais; un monte que ata hai 3 anos moi poucos saberían situar no mapa, hoxe conmove centos de miles de corazóns e move centos de miles de esperanzas en todo o mundo.

Neste ambiente, saturados polo cheiro das cinzas mesturadas con auga recén caída, mollados e cansos pero cheos de dignidade, medio milleiro de bos e xenerosos rodearon a rotondiña da entrada do lugariño tradicional abandonado -hoxe recuperado como aldea turística- de San Cibrán, para dar unha auténtica lección aos que lle negaban o que os seus ollos estaban vendo neses momentos.

Lectura do Manifesto ao remate
Ao remate, presentouse o manifesto chamando a participar na Manifestación Nacional deste domingo 6 de outubro (ás 12h na Alameda compostelá) e proclamouse que xa bastou de deixar o monte galego ao abandono, pasto do lume, o desleixo e a especulación, pois o rural pode e ten que ter futuro, un futuro que se a Xunta non está disposta a liderar, e prefire seguir sen investir un só euro e sen adoptar unha soa medida concreta para recuperar o monte e atallar o problema de escorrentías que se aveciña, debe apartarse definitivamente do camiño e deixar que sexa a comunidade local coa axuda de voluntariado a que tome a iniciativa. Nese senso traballa xa a Asociación Monte Pindo Parque Natural, o Concello de Carnota e moitísimas entidades e persoas que quixeron porse literalmente ao noso servizo para comezar a actuar en canto sexa posibel.

POR UNHA GALIZA SEN LUMES, POR UN RURAL CON FUTURO
Cartel da Manifestación
PDF (24.29 MB)
PNG (9.46 MB)
JPG Alta res. (5.96 MB)
 
JPG Baixa res. (856.51 KB) BANNER (231.82 KB)
O día 11 de setembro declarouse un incendio intencionado que destruiu por completo o Monte Pindo, o Olimpo Celta e monte sacro dos nosos antergos, puxo en perigo vidas e fogares, acabou con explotacións agrogandeiras, e fixo inútil o inxente esforzo de extinción. Este é o paradigma de que os incendios non só teñen a súa orixe no misto que o prende senón en anos e anos de desleixo e políticas desenfocadas, pois non só estamos ante a perda ecolóxica dun dos montes máis emblemáticos do País, senón ante o silencio cómplice dunha administración que desouvíu o berro dos milleiros de galegas e galegos que levamos anos esixíndolle á Xunta medidas efectivas de prevención mediante a declaración do Monte Pindo coma Parque Natural. É esta a única figura de protección que permite a participación directa da sociedade na xestión do espazo e compromete un orzamento anual para protexelo e poñelo en valor. Esta decisión que dependía da vontade do conselleiro,Agustín Hernández, foi sistematicamente ignorada, provocando que todo polo que levamos tres anos loitando e traballando sexa hoxe un inmenso deserto de cinsa de case 2.500 hectáreas, co gasto inútil de millóns de euros públicos na extinción que nunha mínima parte terían permitido atallar a traxedia.
A catástrofe do Monte Pindo certificou o absoluto fracaso dunha política ambiental e de montes que desatendeu por completo a prevención dos lumes nos espazos naturais, rexeitou avances en materia de ordenación, multifuncionalidade, fomento de actividades tradicionais e especies autóctonas, para centrarse en entregar o noso territorio a intereses especulativos e empresas contaminantes, sen esquecer á gran industria pasteiro-enerxética que inzou os nosos montes de pirófitas coma o eucalipto. Vítimas destas políticas caeron xa o Monte Pindo, as Fragas do Eume, o Xistral, o Macizo Central, Xurés, Courel, A Limia, Corcoesto..., e ducias de espazos naturais valiosísimos que foron estragados impunemente causando ademais moitos problemas á veciñanza desde espazos porque os intereses do goberno galego son distintos aos intereses dos galegos e galegas.
Dase ademais a circunstancia de que o actual executivo decidiu agrupar na mesma área as competencias en infraestruturas, urbanismo e medio ambiente, co que dende o primeiro momento a natureza ficou supeditada aos proxectos mal chamados estratéxicos e aos intereses espúreos e coloniais de quenes só lles interesa o lucro e non a terra e os seus habitantes.
Unha Xunta que se parapeta agora detrás dos pirómanos, para agochar as súas miserias e negar que unha neglixente xestión do monte ten grande parte da culpa de que o lume se convirta nun perpetuo elemento da nosa paisaxe xeográfica e vital. Unha Xunta que ten a desvergoña de afirmar que un espazo natural arde con protección ou sen ela, mentras desmantela os servizos públicos de prevención e extinción de incendios. Unha Xunta que ignora deliberadamente que o monte que arde é aquel improdutivo para a súa veciñanza, o que leva irremediabelmente ao abandono das actividades tradicionais e a picar no engado envelenado dos especuladores sen escrúpulos que chegan cos seus proxectos enerxéticos, mineiros, urbanísticos... buscando un rápido lucro e deixando contaminación e pobreza.
cidadanía galega e as entidades abaixo asinantes, confluiremos o 6 de outubro en Compostela para amosar o noso rexeitamento frontal a esta xestión suicida que ameaza con incendiar o País e reducir a cinsas o futuro dos nosos fillos e fillas. Portanto, ESIXIMOS:
  1. Que a Xunta comprometa a protección efectiva dos espazos naturais galegos mediante a dotación dos recursos precisos para a súa conservación e o seu desenvolvemento sustentábel, de xeito que a protección incida na mellora das condicións de vida da súa veciñanza e que a sociedade valore ese patrimonio como unha oportunidade de futuro e non como un atranco.
  2. Que a Xunta dispoña as medidas e realice os esforzos precisos para coidar dos nosos montes durante todo o ano, primando a prevención sobre a extinción e sobre todo, apoiando as explotacións agrogandeiras existentes, promovendo a creación de novas, e investindo en iniciativas sustentábeis que permitan fixar poboación e recuperar os vencellos dos habitantes co seu medio natural.
  3. Que a Xunta modifique radicalmente as súas políticas de xestión do monte, nomeadamente a Lei de Montes e o Plano Forestal, para abandonar os monocultivos de especies pirófitas e substituilos por especies autóctonas e outros aproveitamentos que visen a multifuncionalidade de usos e o respecto á función ecolóxica, cultural e social do monte.
  4. Que a Xunta remate coas políticas agresivas no eido ambiental, económico e social (Lei de Montes, Lei de Industria, Plano da Minaría, Plano Acuícola, Decreto da Biomasa...) que están a provocar o abandono do mundo rural e das actividades tradicionais no medio natural, entregándoo a especuladores e contaminadores.
  5. Que a Xunta recupere e dé pulo a aquelas iniciativas que visaban unha participación activa da sociedade na xestión sustentábel do seu territorio e dos seus montes, como as Unidades de Xestión Forestal (UXFOR), o Banco de Terras (BANTEGAL) ou Voluntariado Galego en Defensa do Monte, entre outros proxectos que Núñez Feijóo desmontou nada máis chegar ao goberno, cando cambiou a mangueira de xardín polas tesoiras de podar.
  6. Que a Xunta tome dunha vez en serio ao noso medio natural, prestándolle a atención que merece, e que deixe de ser un mero apéndice para a especulación e a desfeita do cemento e o asfalto. Porque contrariamente ao dito por Samuel Juárez, ex-conselleiro de Medio Rural e actual delegado do goberno, o mundo rural sí ten futuro. Esiximos tamén a inmediata demisión dos titulares de Medio Ambiente, Agustín Hernández e de Medio Rural, Rosa Quintana, por seren os irresponsábeis máximos do exterminio do medio natural e rural, e amosaren a súa absoluta incompetencia para xestionar un patrimonio do que se avergoñan e nen seguera son dignos.
Este día o pobo galego está a falar, e di ben claro que non nos resignamos a ver como este goberno fica impasíbel cando non é directamente cómplice da destrución dun territorio que deberían coidar como unha nai, a nosa Matria que nos fixo ser tal e como somos hoxe.
CONVOCA: ASOCIACIÓN MONTE PINDO PARQUE NATURAL
APOIAN: LISTADO DE ENTIDADES ABERTO (mandar adhesión a info@montepindo.org)