15/10/13

Intereses económicos e políticos poderían estar detrás do lume que arrasou o Monte Pindo

O Partido Popular pasou de ser a primeira entidade en pedir a declaración do Parque Natural do Monte Pindo, a ser o seu único freo e a promover proxectos incompatibles que poderían verse favorecidos pola destrución ecolóxica do Olimpo Celta

No 2003 o Parque Natural do Monte Pindo foi a
proposta estrela do PP de Carnota (Fonte: La Voz)
As semanas pasan, e a falta de aparecer o autor material do incendio, comézanse a barallar hipóteses que puideran explicar que levou a alguén a iniciar o lume que acabou co Monte Pindo no solpor do fatídico 11 de setembro de 2013, xusto á hora en que os medios de extinción aéreos -os únicos minimamente efectivos nesa zona- xa non poderían despegar. Neste contexto, a posibilidade que gaña máis peso para explicar esta catástrofe é a de cargarse as condicións que candidataban o Monte Pindo para unha declaración como Parque Natural que parecía cada vez máis inminente.

No 2007 seguía no programa electoral
A pregunta que temos que facernos é clara: quen resultou realmente beneficiado por este incendio? No Monte Pindo non hai actualmente intereses madeireiros ou gandeiros que puideran aproveitarse dun lume, nin moito menos urbanisticos, pois a durisima orografía, a carencia de servizos e as restricións derivadas da Rede Natura impiden o desenvolvemento de proxectos residenciais na zona.

Sen embargo si existen intereses especulativos que poden saír beneficiados da destrución ecolóxica do Olimpo Celta que freara a súa inminente declaración como Parque Natural. Nese sentido, o Partido Popular ten moito que dicir, pois mentras outros pulamos pola declaración o PP pasou de ser o primeiro que pediu esta medida a promover proxectos claramente incompatibles coa protección e o desenvolvemento sostible do Monte Pindo.

Só por lembrar algunhas das propostas que o PP apoiou moi activamente, estaba cercar o Monte Pindo de viraventos mediante a ampliación dos 3 parques eólicos que existen nas inmediacións, a implantación de novas minicentrais hidroeléctricas no río Xallas, ou a pretensión de crear unha canteira. Pero das que máis polémica xerou foi a de crear no Monte Pindo un coto de caza maior. O PP pretendía literalmente valar o Olimpo Celta para pechar dentro especies de caza maior, para permitir só o acceso de cazadores. Calquera das propostas referidas sairían beneficiadas por un lume que frease a creación do Parque Natural.



É moi importante lembrar que a idea de declarar o Monte Pindo coma Parque Natural naceu no propio PP hai xa dez anos. Durante as eleccións municipais do ano 2003 o seu candidato carnotán, José Oreiro, anunciou nunha entrevista en La Voz de Galicia a súa intención de convertir o Monte Pindo en Parque Natural. Na campaña do 2007, refrescou este compromiso no seu programa electoral. Porén, malia acadar a alcaldía, non foi quen de cumprir esta promesa no seu mandato. No 2010 un grupo de veciños decidiu dar un paso adiante a favor desa idea e ofreceulle ao daquela alcalde de Carnota liderar a demanda veciñal. Inexplicabelmente, xusto nese momento o rexedor popular deu un paso atrás e nas eleccións locais do 2011 pasou de ser o único que o pedía a ser o único que o criticaba, resultando derrotado nas urnas.

Porén a bola de neve que el mesmo creara xa se convertera nunha reivindicación de transcendencia galega apoiada por toda a esfera política, por practicamente todas as entidades sociais da bisbarra e sobre todo de Carnota: Confrarías de Pescadores do Pindo e de Lira, Comunidades de Montes de Caldebarcos e Lira, asociacións veciñais coma Canle de Lira, Insua de Lariño, Raiña Lupa de Quilmas, As Areas de Mallou, O Patín de Carnota e Xurde Caldebarcos... Nin unha soa entidade veciñal se posicionou en contra ata hoxe. Na bisbarra a demanda tampouco pasou desapercibida, obtendo axiña o respaldo da Asociación Neria que representa a todos os concellos da Costa da Morte, dos empresarios e dun longuísimo etcétera que a día de hoxe aglutina o apoio de 169 entidades de todo tipo, e medrando.

Poucas veces antes se puxeran dacordo intereses tan dispares nun proxecto común que pasaba por aproveitar un espazo abandonado para o seu desenvolvemento e a mellora das condicións de vida de toda a veciñanza. E poucas veces se produciría o absurdo de que o ideólogo orixinal da idea pasou a combatila cando o conxunto da sociedade a asumiu.

Os argumentos desta negativa son máis absurdos aínda. O PP primeiro dicía que era moi pequeno (malia que sería o 5º parque natural galego en extensión), logo que moi caro, logo que estaba protexido abondo, e agora que ardeu por culpa da súa falta de interese en protexelo aseguran que "o 90% da veciñanza non o quere", o que a falta dun estudo estatístico é tan científico coma se dicimos que a única que non o quere é Marisol Piñeiro. Curiosamente esa maioría silenciosa que nunca se pronuncia nun sentido nin noutro sempre resulta avalar as argumentacións da dereita máis rancia, mentras que aqueles que si se pronuncian e que resultaron estar unanimemente a favor desta iniciativa, ou son poucos ou non son de Carnota ou están equivocados. A trapalleira deputada insiste en que ela é a única voz dos veciños, confundindo o círculo de amizades no que os seus disparates teñen algunha aceptación coa vontade maioritaria do seu pobo, un delirio de grandeza que demostra precisamente a falta de contacto real co pobo que di representar, o mesmo pobo que lle deu as costas enviándoa á oposición.

Mención aparte merecen as súas imaxinativas invencións a respecto das consecuencias negativas dos Parques Naturais para os veciños. Chegan a asegurar que lles van expropiar aos veciños a súa propiedade. Marisol Piñeiro ignora ou non quere saber que o monte proposto para a súa declaración é público, do concello de Carnota e da Comunidade de Montes de Caldebarcos, que apoian abertamente a declaración. Incluso se atreven a dicir que o Parque Natural significaría o peche da piscifactoría de Quilmas, cando o que está a debate é o monte, non a liña de costa.

Esta deputada minte a sabendas de que axitando falsas pantasmas de restricións e perda de postos de traballo, unido ao descoñecemento xeralizado sobre as características desta figura de protección, pode alimentar o medo dunha poboación xa machacada pola falta de traballo e oportunidades na nosa bisbarra, cando precisamente o que se pretende co Parque Natural busca crear novas oportunidades de traballo, desenvolvemento e calidade de vida para a cidadanía aproveitando un monte que hoxe é un espazo absolutamente abandonado no que ninguén ten un interés aló do recreativo, e que esta desafección é a que provoca incendios coma o que vimos de vivir.