07/10/13

Clamor popular en Compostela contra o lume e as políticas que o alimentan

Imaxe da Quintana este domingo (Fonte)
O chamamento desesperado lanzado o pasado 12 de setembro pola Asociación Monte Pindo Parque Natural para un cambio radical das políticas forestais que free a praga dos lumes que devastan cada ano os nosos espazos naturais e fomentan o abandono do rural atopou resposta en preto de dous mil galegos e galegas e arredor de 90 colectivos sociais de todo o País que subscribiron o manifesto "Por unha Galiza sen lumes. Por un rural con futuro".

"Collage" das pancartas presentes
Ese era tamén o lema da pancarta principal que, portada por representantes dos colectivos sociais, partía ao mediodía da Alameda compostelana seguida por unha verdadeira multitude que berraron consignas como "Monte Pindo Parque Natural", "Na Galiza non máis lumes", "Basta xa de queimar" ou "Goberno solución, senón dimisión". A protesta tamén foi secundada por caras coñecidas da nosa cultura, e por representantes de todas as organizacións políticas galegas, a excepción do Partido Popular que segue enrocado na súa fuxida cara adiante para obviar que de ter atendido esta demanda cidadá vixente desde hai tres anos hoxe non teríamos que lamentar a perda ecolóxica do Monte Pindo nin os millóns de euros gastados inutilmente en extinción.

Pancarta principal portada por
representantes dos colectivos
As letras incisivas dedicadas á lacra dos incendios do rapeiro de Brens (Cee) Leö KCh recibiron xa na Quintana á maré humana que ía pouco a pouco enchendo a praza, e que algunhas estimacións elevan ata as 3.000 persoas, que en calquera caso atoparon cobertura incluso a nivel estatal, confirmando que o Monte Pindo cada vez é menos unha inquedanza da veciñanza de Carnota senón unha cuestiíon de estado, á vista do éxito da que xa se considera a maior cita do ano neste País en defensa do medio ambiente e rural, precisamente en resposta á maior catástrofe do ano, a destrución do Olimpo Celta e monte sacro dos nosos antergos

O amplísimo número de colectivos que secundaron a convocatoria, e o doutros moitos que non podendo comprometer a súa adhesión colexiada por falta de tempo para facelo, xustificou que o secretario da Asociación Monte Pindo Parque Natural, Mario Maceiras, tomase a palabra para afirmar que "Esta protesta xa non é nosa", senón de todos os galegos e galegas que ven como o medio rural que deben legar aos seus descendentes está sendo progresivamente destruido, sexa pola lacra dos incendios ou pola substitución das actividades tradicionais por outras industriais que buscan un lucro rápido deixando contaminación e pobreza para a súa veciñanza, o que provoca o abandono do rural que é urxente atallar mediante o cambio radical das políticas que levan a isto.

Xil Caamaño, presidente da AMPPN,
concluiu a lectura do Manifesto
A continuación, correspondeu a lectura compartida  do manifesto por representantes de cada sector implicado no noso medio natural. Pola parte do mundo da política e as institucións, Ramón Noceda Caamaño, alcalde de Carnota, abriu o manifesto. Seguiu en representación do ecoloxismo Mada Meléndez, voceira da Federación Ecoloxista Galega, que aglutina unha vintena de entidades medioambientais. Logo representando o mundo da cultura galega, o coñecido actor e "embaixador carnotán no mundo", Miguel de Lira. Seguiu en nome do sector dos profesionais da prevención e a extinción, colectivo numeroso na Manifestación, Tania Amado, brigadista de Ponteceso. En nome do medio rural liu Alfredo Pereira, presidente da Organización Galega de Montes Veciñais en Man Común. Logo unha das lecturas máis aplaudidas foi a de Lucía Ferreira en nome do sector agrogandeiro, pois posúe unha explotación de agricultura ecolóxica gravemente afectada pola catástrofe do Monte Pindo. Xa por último, rematou o manifesto en nome do tecido asociativo local, o presidente de Monte Pindo Parque Natural, Xilberto Caamaño, que esixiu a dimisión fulminante dos conselleiros de Medio Ambiente e Medio Rural, Agustín Hernández e Rosa Quintana, unha petición que foi secundada a berros por toda a praza.

Cunha nova peza de Leö KCh, e coa interpretación a viva voz do Himno Galego, concluiu este acto reivindicativo, a máis recente pero que sen dúbida non será a última mostra de rabia e dignidade colectiva do pobo galego que non se resigna a ver o patrimonio herdado dos seus devanceiros impunemente entregados á praga dos lumes e aos intereses espúreos das industrias contaminantes, pois contrariamente ao que cre este goberno, o mundo rural si ten futuro e se a Xunta non o fai teremos que ser nós os que estemos aí dispostos a defendelo, pese a quen lle pese e caia quen caia.

Manifesto "Por unha Galiza sen lumes. Por un rural con futuro"
O día 11 de setembro declarouse un incendio intencionado que destruiu por completo o Monte Pindo, o Olimpo Celta e monte sacro dos nosos antergos, puxo en perigo vidas e fogares, acabou con explotacións agrogandeiras, e fixo inútil o inxente esforzo de extinción. Este é o paradigma de que os incendios non só teñen a súa orixe no misto que o prende senón en anos e anos de desleixo e políticas desenfocadas, pois non só estamos ante a perda ecolóxica dun dos montes máis emblemáticos do País, senón ante o silencio cómplice dunha administración que desouvíu o berro dos milleiros de galegas e galegos que levamos anos esixíndolle á Xunta medidas efectivas de prevención mediante a declaración do Monte Pindo coma Parque Natural. É esta a única figura de protección que permite a participación directa da sociedade na xestión do espazo e compromete un orzamento anual para protexelo e poñelo en valor. Esta decisión que dependía da vontade do conselleiro, Agustín Hernández, foi sistematicamente ignorada, provocando que todo polo que levamos tres anos loitando e traballando sexa hoxe un inmenso deserto de cinsa de case 2.500 hectáreas, co gasto inútil de millóns de euros públicos na extinción que nunha mínima parte terían permitido atallar a traxedia.

A catástrofe do Monte Pindo certificou o absoluto fracaso dunha política ambiental e de montes que desatendeu por completo a prevención dos lumes nos espazos naturais, rexeitou avances en materia de ordenación, multifuncionalidade, fomento de actividades tradicionais e especies autóctonas, para centrarse en entregar o noso territorio a intereses especulativos e empresas contaminantes, sen esquecer á gran industria pasteiro-enerxética que inzou os nosos montes de pirófitas coma o eucalipto e de paso estragou a Ría de Pontevedra, impedindo o desenvolvemento forestal e marisqueiro substentábel. Vítimas destas políticas caeron xa o Monte Pindo, as Fragas do Eume, o Xistral, o Macizo Central, Xurés, Courel, A Limia, Corcoesto..., e ducias de espazos naturais valiosísimos que foron estragados impunemente causando ademais moitos problemas á veciñanza desde espazos porque os intereses do goberno galego son distintos aos intereses dos galegos e galegas.

Dase ademais a circunstancia de que o actual executivo decidiu agrupar na mesma área as competencias en infraestruturas, urbanismo e medio ambiente, co que dende o primeiro momento a natureza ficou supeditada aos proxectos mal chamados estratéxicos e aos intereses espúreos e coloniais de quenes só lles interesa o lucro e non a terra e os seus habitantes.

Unha Xunta que se parapeta agora detrás dos pirómanos, para agochar as súas miserias e negar que unha neglixente xestión do monte ten grande parte da culpa de que o lume se convirta nun perpetuo elemento da nosa paisaxe xeográfica e vital. Unha Xunta que ten a desvergoña de afirmar que un espazo natural arde con protección ou sen ela, mentras desmantela os servizos públicos de prevención e extinción de incendios. Unha Xunta que ignora deliberadamente que o monte que arde é aquel improdutivo para a súa veciñanza, o que leva irremediabelmente ao abandono das actividades tradicionais e a picar no engado envelenado dos especuladores sen escrúpulos que chegan cos seus proxectos enerxéticos, mineiros, urbanísticos... buscando un rápido lucro e deixando contaminación e pobreza.

A cidadanía galega e as entidades abaixo asinantes, confluiremos o 6 de outubro en Compostela para amosar o noso rexeitamento frontal a esta xestión suicida que ameaza con incendiar o País e reducir a cinsas o futuro dos nosos fillos e fillas. Portanto, ESIXIMOS:

  1. Que a Xunta comprometa a protección efectiva dos espazos naturais galegos mediante a dotación dos recursos precisos para a súa conservación e o seu desenvolvemento sustentábel, de xeito que a protección incida na mellora das condicións de vida da súa veciñanza e que a sociedade valore ese patrimonio como unha oportunidade de futuro e non como un atranco.
  2. Que a Xunta dispoña as medidas e realice os esforzos precisos para coidar dos nosos montes durante todo o ano, primando a prevención sobre a extinción e sobre todo, apoiando as explotacións agrogandeiras existentes, promovendo a creación de novas, e investindo en iniciativas sustentábeis que permitan fixar poboación e recuperar os vencellos dos habitantes co seu medio natural.
  3. Que a Xunta modifique radicalmente as súas políticas de xestión do monte, nomeadamente a Lei de Montes e o Plano Forestal, para abandonar os monocultivos de especies pirófitas e substituilos por especies autóctonas e outros aproveitamentos que visen a multifuncionalidade de usos e o respecto á función ecolóxica, cultural e social do monte.
  4. Que a Xunta remate coas políticas agresivas no eido ambiental, económico e social (Lei de Montes, Lei de Industria, Plano da Minaría, Plano Acuícola, Decreto da Biomasa...) que están a provocar o abandono do mundo rural e das actividades tradicionais no medio natural, entregándoo a especuladores e contaminadores.
  5. Que a Xunta recupere e dé pulo a aquelas iniciativas que visaban unha participación activa da sociedade na xestión sustentábel do seu territorio e dos seus montes, como as Unidades de Xestión Forestal (UXFOR), o Banco de Terras (BANTEGAL) ou Voluntariado Galego en Defensa do Monte, entre outros proxectos que Núñez Feijóo desmontou nada máis chegar ao goberno, cando cambiou a mangueira de xardín polas tesoiras de podar.
  6. Que a Xunta tome dunha vez en serio ao noso medio natural, prestándolle a atención que merece, e que deixe de ser un mero apéndice para a especulación e a desfeita do cemento e o asfalto. Porque contrariamente ao dito por Samuel Juárez, ex-conselleiro de Medio Rural e actual delegado do goberno, o mundo rural sí ten futuro. Esiximos tamén a inmediata demisión dos titulares de Medio Ambiente, Agustín Hernández e de Medio Rural, Rosa Quintana, por seren os irresponsábeis máximos do exterminio do medio natural e rural, e amosaren a súa absoluta incompetencia para xestionar un patrimonio do que se avergoñan e nen seguera son dignos.
Este día o pobo galego está a falar, e dixo ben claro que non nos resignamos a ver como este goberno fica impasíbel cando non é directamente cómplice da destrución dun territorio que deberían coidar como unha nai, a nosa Matria que nos fixo ser tal e como somos hoxe

CONVOCA: ASOCIACIÓN MONTE PINDO PARQUE NATURAL

Entidades que se adheriron ao Manifesto
  • A RÍA NON SE VENDE
  • ADEGA - ASOCIACIÓN POLA DEFENSA ECOLÓXICA DE GALIZA
  • ALTERNATIVA GALEGA DE ESQUERDA
  • AMIGOS DA TERRA
  • ANOVA
  • ASEMBLEA CULTURAL GALEGA DE BARCELONA
  • ASEMBLEA NACIONAL DA GALIZA CONTRA OS INCENDIOS
  • ASOCIACIÓN A COVA DA TERRA DE LUGO
  • ASOCIACIÓN ANIMALISTA LIBERA
  • ASOCIACIÓN CULTURAL ALMUINHA
  • ASOCIACION CULTURAL AS SAGHIEIRAS DE LARIÑO
  • ASOCIACIÓN CULTURAL MAR DE MUROS
  • ASOCIACIÓN CULTURAL O GALO
  • ASOCIACIÓN CULTURAL ROXIN ROXAL
  • ASOCIACIÓN CULTURAL VAGALUMES
  • ASOCIACIÓN DE EDUCACIÓN AMBIENTAL PAPAVENTOS
  • ASOCIACIÓN DE EMPRESARIOS DE CAMARIÑAS
  • ASOCIACIÓN DE ESCRITORES EN LINGUA GALEGA
  • ASOCIACION DE MEDIOS EN GALEGO
  • ASOCIACIÓN ECOLOXISTA A GROBA
  • ASOCIACIÓN ECOLOXISTA ARCO IRIS
  • ASOCIACIÓN ECOLOXISTA COTO DO FRADE
  • ASOCIACIÓN ECOLOXISTA NATURVIVA
  • ASOCIACIÓN MONTE DA ESTRELA
  • ASOCIACIÓN PARA O DESENVOLVEMENTO RURAL SOSTIBLE O GRELO VERDE
  • ASOCIACION POLA DEFENSA DA RIA DE PONTEVEDRA
  • ASOCIACIÓN PROFESIONAL DO PERSOAL LABORAL DO S.P.D.C.I.F.
  • ASOCIACIÓN SOCIOCULTURAL O IRIBIO
  • ASOCIACIÓN TREZE CATORZE
  • ASOCIACIÓN VECIÑAL ATOCHAS MONTEALTO A TORRE
  • ASOCIACION VECIÑAL DO SAVIÑAO
  • ASOCIACIÓN VECIÑAL OZA GAITEIRA OS CASTROS
  • ASOCIACIÓN VÉSPERA DE NADA
  • ASOCIACIÓN XUVENIL PARA O ESTUDO DA NATUREZA
  • ASOCIAICÓN ECOLOXISTA E CULTURAL VERBO XIDO
  • BAÍA EDICIÓNS
  • BLOQUE NACIONALISTA GALEGO
  • CHARANGA TABERNÍCOLAS DO LEIRADAL
  • CLUB DE SENDEIRISMO VIA LACTEA
  • COLECTIVO NACIONALISTA DE MARÍN
  • COMITÉ DE DEFENSA DO MONTE GALEGO
  • COMITÉS ABERTOS
  • COMPROMISO POR GALICIA
  • COMUNIDADE DE MONTES DE CALDEBARCOS
  • CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA
  • CONTRAMINATE
  • COOPERATIVA DE AGRICULTURA ECOLÓXICA RAINHA LUPA DE QUILMAS
  • EQUO GALICIA
  • ESCOLA DE VELA CATAVENTOS
  • ESQUERDA UNIDA
  • FEDERACIÓN ECOLOXISTA GALEGA
  • FEDERACIÓN RURAL GALEGA
  • FORO GALEGO DE INMIGRACIÓN
  • FUNDACIÓN GONZALO LÓPEZ ABENTE
  • FUNDACIÓN MANUEL MARÍA DE ESTUDOS GALEGOS
  • GALIZA NON SE VENDE
  • GALIZA NOVA
  • GENTALHA DO PICHEL
  • GREENPEACE GALICIA
  • GRUPO DE ESTUDO DOS ANIMAIS SALVAXES
  • GRUPO ECOLOXISTA XEVALE
  • INMOCHALET
  • MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES
  • ORGANIZACIÓN GALEGA DE COMUNIDADES DE MONTES VECIÑAIS EN MAN COMUN
  • PALAVEA BRAVU
  • PARTIDO DA TERRA
  • PARTIDO DOS SOCIALISTAS DE GALICIA
  • PLATAFORMA EN DEFENSA DO SERVIZO PÚBLICO DE PREVENCIÓN DE INCENDIOS
  • PLATAFORMA EN DEFENSA DOS MONTES DO MORRAZO
  • PLATAFORMA NAVARRA EN DEFENSA DE LOS RÍOS
  • PLATAFORMA PARA A DEFENSA DAS FRAGAS DO EUME
  • PLATAFORMA POLA DEFENSA DE CORCOESTO E BERGANTIÑOS
  • PLATAFORMA POLA PROTECCIÓN DA SERRA DO GALIÑEIRO
  • QUEREMOS GALEGO
  • QUINCE EME DA RÍA
  • REDE CONTRAMINACCIÓN
  • SALVEMOS MONTEFERRO
  • SINDICATO LABREGO GALEGO - COMISIÓNS LABREGAS
  • SOCIEDADE COOPERATIVA GALEGA MONTE CABALAR (PRESIDENCIA)
  • SOCIEDADE DE MONTAÑA ÁRTABROS
  • SOCIEDADE GALEGA DE ORNITOLOXIA
  • SOS COUREL
  • TOMA LA TIERRA
  • UNIVERSIDADE CROMATICA DAS VIRTUDES
  • UNIVERSIDADE POPULAR DE CORCUBION
  • VERDEGAIA
  • XUVENTUDES COMUNISTAS DE GALICIA
  • XUVENTUDES SOCIALISTAS