25/10/13

As cinzas do Olimpo Celta inundan a Berberecheira mentras a Xunta volve a negarnos axuda

Berberecheira. Fonte: AMPPN
As consecuencias dramáticas do incendio do Monte Pindo seguen dando coletazos. O banco marisqueiro da Berberecheira (Caldebarcos) amenceu cuberto por unha grosa capa de chapapote de monte, que as mariscadoras da Confraría do Pindo xa comezaron a retirar de inmediato por iniciativa propia, para tratar de evitar por todos os medios que a cinza deixe sen osíxeno e acabe con toda a produción marisqueira, como xa aconteceu hai dez anos cando o chapapote era de petróleo vertido por outra catástrofe provocada tamén pola nefasta xestión do PP, a do Prestige.

A falta de análises científicas descoñecemos polo momento se xa se rexistran problemas de contaminación tamén no mar e por tanto nun dos caladoiros de polbo de máis calidade da costa galega, pero o aspecto cada vez máis turbio e enlodado das augas abertas disparan a preocupación porque a contaminación acabe por danar tamén esta produción. Terra adentro, o lodo xa asulaga casas, parcelas agrarias e está a causar problemas en ríos e pontes.

Area e cinza. Fonte: AMPPN
Neste panorama, a Xunta de Galicia (novamente na voz da súa deputada local Marisol Piñeiro) volveu a negarse a aceptar unha iniciativa parlamentar, esta vez de AGE, para dotar de investimentos e actuacións urxentes a zona, e declarar a zona catastrófica para indemnizar e resarcir a veciños que viron danados os seus fogares e o seu medio de vida a consecuencia do incendio, e tamén que declare dunha vez o Parque Natural.

Ao igual que a presentada 15 días antes polo BNG, a Xunta volveuna tumbar usando para iso a unha deputada local de terceira fila, Marisol Piñeiro, reafirmada en furibunda negadora de investimentos para o seu pobo, insistindo novamente na estratexia de repetir unha e outra vez a mesma mentira coa esperanza de que se convirta en verdade. Por exemplo, que os veciños non queren proxectos nin investimentos da Xunta porque xa son maiores de idade e tamén incrementou noutro 5% a cifra dos veciños que segundo ela non quere o parque natural, ata o 95%.

Casa afectada na Curra. AMPPN
A falta de ningún tipo de estudo estadístico, a inventiva desta deputada é digna dun premio de ficción literaria. Temos que lembrar que o PP nunca consultou a veciñanza de Carnota neste sentido, foi a única forza que descendeu en porcentaxe de votos na zona referida, negouse a asistir ás 6 charlas informativas sobre a proposta do Parque Natural que xa se desenvolveron pese a seren convidados expresamente, e dubidamos sinceramente que participen na 7ª convocada para o vindeiro 9 de novembro no Colexio do Pindo. A propia deputada mesmo chega ao esperpento de variar o seu lugar de nacemento en función do argumento que lle interesa defender en cada momento: á hora de autoproclamarse en única portavoz dos veciños do Pindo di que naceu nesta localidade; cando o que quere é erixirse en única defensora do monte di que naceu no mesmísimo Chan das Lamas; en realidade naceu no lugar da Curra.

En definitiva, todas estas excusas de mal pagador servíronlle ao PP para volver a tumbar a petición de facer proxectos nesta zona mentras que nas restantes bancadas do hemiciclo volveu a repetirse a unidade en apoio a estes proxectos positivos para o Monte Pindo e para a veciñanza, o que non nos cansaremos de agradecer cantas veces sexa preciso a PSOE, AGE e BNG.

Cada día está máis claro que son a veciñanza e as persoas sensibles co medio ambiente os que temos que dar resposta á petición desesperada de socorro que nos está a lanzar o Monte Pindo. Estamos convencidos de que en 7 días terá unha resposta masiva mediante o proxecto civil de voluntariado SOS Monte Pindo, cuxo título ten dous significados: SOS é a sinal internacional de socorro, pero tamén é como a Xunta nos deixou ante esta catástrofe.