23/09/13

Todo cambiou, incluso nós

A catástrofe do Monte Pindo foi un durísimo revés para todos os veciños e veciñas e para os amantes da natureza en xeral e do Monte Pindo en particular. Pero no caso da organización que desde hai tres anos pula pola súa defensa, o lume cambiouno todo.

Á espera de que a Consellería de Medio Ambiente acepte ou decline a xuntanza que lle solicitou a nosa Asociación e atenda o paquete de medidas urxentes para evitar as escorrentías, unha decisión que sen lugar a dúbidas marcará dun xeito clave a axenda da nosa entidade nas vindeiras semanas e meses, o incendio obrigou a truncar varios proxectos moi avanzados: o III Simposium Monte Pindo e o Catálogo de Especies do Monte Pindo.

Logo do 1º Simposium
O 3º Simposium Monte Pindo (ver crónicas da e edición) é un evento pensado para divulgar durante unha xornada completa os valores do Monte Pindo desde unha óptica multidisciplinar e moi enfocada ao público xeral. Tiña que terse celebrado o pasado sábado 21 en Lira, e xa tiña o seu programa pechado desde uns días antes do fatídico 11 de setembro e contaba coa presenza destacada, entre outros, Francisco X. Fernández Naval e Miro Villar, escritores e coordinadores da obra colectiva "Versos no Olimpo", que se ía presentar no acto; Manuela Costa Casais, xeomorfóloga natural do Pindo; a profesora titular de Prehistoria na Universidade de Santiago de Compostela e tamén natural do Pindo, Mar Llinares; o xeólogo Xoán Ramón Vidal Romaní para defender maxistralmente que o Monte Pindo é un dos fenómenos xeolóxicos máis interesantes do mundo; ou o profesor de Botánica pola USC, Javier Amigo, que ía aproveitar para presentar por primeira vez en sociedade o Catálogo de Especies elaborado polo Grupo de Bioloxía da nosa Asociación do que forma parte. Estes e outros moitos ían disertar sobre os valores do Olimpo Celta durante unha xornada completa, e poñer sobre a mesa distintas iniciativas para lograr para o macizo unha protección que xa nunca chegará a tempo, sobre todo a de declarar o Monte Pindo como Parque Natural que milleiros de persoas e ducias de entidades de Carnota e de todo o país reclaman da Xunta desde hai tres anos.

Logo do Catálogo de Especies
Precisamente tíñamos importantes novidades no que ao Catálogo de Especies se refire, pois a mesma semana do incendio íamos presentar catalogo.montepindo.org, a páxina web propia desta iniciativa que en apenas unhas semanas logrou a inclusión de 646 especies naturais con presenza constatada no Monte Pindo. O obxectivo da web era xustamente desenvolver o frío listado de especies que ata o momento constaba na nosa web, e porlle rostro a cada unha mediante un rexistro de fichas que incluíra, ademais de fotos, información sobre os seus hábitos, nivel de protección e conservación, etc. Ademais calquera podería propoñer a inclusión de novas especies utilizando un sinxelo formulario para tal fin. Por outra parte a iniciativa dirixíase ás novas tecnoloxías: estábase a preparar unha aplicación para móbiles e ata unha páxina en Facebook para manter ao día a todos os nosos amigos e amigas das redes sociais sobre as novas fichas de especies. O lume devastador truncou tamén todo este traballo deixando nunhas horas anticuados todos os contidos, pois xa non podemos saber con certeza cantas desas especies seguen a existir no espazo natural.
A partir de agora unha mensaxe de "Proxecto paralisado" saudará aos visitantes deste proxecto cancelado antes de comezar, pero tamén a xeito de recoñecemento ao traballo altruista dos case 30 voluntarias e voluntarios do Grupo de Bioloxía, e tamén en memoria dos centos e centos de seres vivos que deixaron de vivir pola cobiza humana, que nesta ocasión atopouse co perfecto aliado da máis absoluta das desproteccións dun espazo natural único e emblemático desde hai miles de anos.

O lume cambiouno todo, incluso a nosa Asociación, que xa non será unicamente a que limpe os camiños para o disfrute de veciños e visitantes, revire documentación histórica para averiguar que hai escrito sobre o monte sacro dos nosos antergos, elabore actos para explicar as vantaxes do Parque Natural ou xornadas científicas para espallar os seus valores, ou exerza todo tipo de medidas de presión para esixir -nin máis nin menos- que o goberno cumpra co seu deber. Pero agora é a sociedade quen presiona e presiona para que a Asociación Monte Pindo Parque Natural rache dunha vez e definitivamente con quen durante tres longos anos nos abandonou á nosa sorte. É a xente agora a que lle esixe que ten que pasar á acción tomando a iniciativa, e aglutinando ao seu redor todo un inmenso movemento social xerado a favor do Monte Pindo nun gran proxecto de recuperación do monte que devolva ao Olimpo Celta a vida que nunca deberon arrebatarlle. E en ocasións estanos resultando difícil, verdadeiramente dificil non facelo. Veremos que resposta a Consellería, se é que resposta.