A destrución do Monte Pindo vista desde o satélite |
O antes e despois da traxedia 1ª imaxe: Xurxo Dorrego. Resto: Santi Llecha |
Durante este pesadelo que cada vez parece máis real, a sociedade civil deu mostra dun inmenso afecto pola natureza estreitamente unida ao desafecto pola decisión administrativa de negarlle deliberadamente á cidadanía a protección e a prevención que durante 3 anos lle viña esixindo por activa e pasiva á Xunta, principalmente mediante a declaración dun Parque Natural que foi reclamado por moitísimas entidades de todo tipo, investigadores, científicos e milleiros de apoios a título individual.
A Xunta enrócase nunha fuxida cara adiante para non recoñecer o grave erro que cometeu ao ignorar a sociedade
No mítico Penafiel que embelesou ao Padre Sarmiento houbo un castelo medieval e atopáronse restos romanos |
O lume ameaza fogares do Pindo |
Sen embargo agora a Xunta non di que vén repartindo entre os 6 parques naturais galegos arredor de entre 2 e 2,2 millóns de euros anuais, aparte das axudas e subvencións puntuais a proxectos de particulares, empresas, entidades e institucións radicadas na área de influencia dos parques naturais. O último programa de axudas, publicado hai só un mes, contempla unha dotación do 100% ata un máximo de 12.000 euros por proxecto, 70.000 no caso dos concellos. Calquera suma, en comparación co cero rotundo de investimentos e proxectos que recibiu o monte ata a actualidade, deixaríao en mellores condicións para afrontar un lume.
Canto se gastou en extinción?
Só os medios aéreos son realmente efectivos no macizo granítico |
Fonte: Aula de Silvicultura da Uvigo |
Na Asociación Monte Pindo Parque Natural estamos convencidos de que a prevención que levamos 3 anos esixindo da administración, e que se nos negou coa excusa de que era demasiado custoso, custaría infinitamente menos do que custaron unhas labores de extinción que, insistimos, non serviron para controlar o lume a tempo.
A área de Medio Ambiente da Xunta atópase descabezada
Chamou a atención de todos que Agustín Hernández, conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras, e responsábel máximo da declaración do Monte Pindo como parque natural, non compareceu desde que as 21:36 horas do 11 de setembro se declarara un terríbel incendio forestal nun espazo natural que personalmente se comprometera a defender e protexer só un ano antes. Nin sequera se deixou caer por Carnota para facerse a clásica foto oficial a carón dos afectados.
Pero peor aínda andan as cousas pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza. O ata agosto director xeral, Ricardo García-Borregón, marchou pola porta de atrás alegando motivos personais, aínda que fontes do seu departamento admitiron que non daba lidiado coa conflitividade desatada na súa área, froito da súa polémica xestión. Desde aquela a persoa designada para substituila, Verónica Tellado Barcia, atópase de baixa, polo que a efectos prácticos ninguén dirixe hoxe a área da Xunta dedicada en exclusiva á ordenación dos espazos naturais galegos. Esta desarticulación práctica da área explica que a nosa entidade leve desde decembro de 2012 agardando data para unha cita coa persoa responsábel desta área, precisamente para avanzar no compromiso verbal da Xunta de declarar o Monte Pindo como Parque Natural.
Medra o apoio social á declaración do Parque Natural
No medio deste contexto convulso, o tecido social galego e estatal non fica quedo e reforza o seu compromiso co noso medio natural. Nos últimos días temos recibido miles de mensaxes de apoio e incluso de postas a disposición para colaborar voluntariamente coa recuperación do monte, ademais de multitude de novos apoios que reforzan a loita do Monte Pindo e anímanos a traballar con máis enerxías aínda pola súa recuperación e por un cambio radical das políticas forestais e da xestión dos espazos naturais galegos. A estes numerosos apoios colectivos temos agora que sumar o Centro Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) - Instituto de Investigaciones Agrobiológicas, a Sociedade Antropolóxica Galega, a Mancomunidade de Montes de Vigo, o Comité de Defensa do Monte Galego, a plataforma deportiva SurfGZ.com, o Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía da Universidade de Vigo, a Fundación Alexandre Bóveda, a Asociación de Veciños Oza - Gaiteira - Os Castros da Coruña, o Ilustre Colexio de Veterinarios da Provincia da Coruña, a Fundación para o Avance Científico da Veterinaria en Galicia, a Plataforma en Defensa de Cabana de Bergantiños, o Club de Montaña Ratos Libres (Arzúa), a Asociación de afectados polo parque eólico Outes - Mazaricos (APEOM) ou a Red de Montañas, entre outras.
Veciñas do Pindo ante un cartel da marcha verde do 28 de setembro |