12/08/13

Os versos do Olimpo chegan á Feira do Libro de Cee

Portada do libro
Co seu pregón Xosé Neira Vilas inaugurou onte a semana grande do libro da nosa bisbarra, que se desenvolverá ininterrumpidamente ata o domingo 18 en Cee, cunha programación moi completa organizada polo Concello de Cee e polo noso benquerido colaborador Manuel Alvariñas, da libraría Trazos.
Este ano a organización quixo gardar un oco moi especial para a presentación de "Versos no Olimpo. O Monte Pindo na poesía galega", a obra colaborativa coordinada por Francisco Xosé Fernández Naval e Miro Villar que conseguimos editar mediante a fórmula da subscrición popular.
A presentación terá lugar mañá martes 13 ás 22.30 h, no contexto da "Noite de terraza literaria" na rúa da Pena (zona dos bares Marigel e Recunquiño).
Do acto ocuparanse o propio Miro Villar e Xilberto Caamaño, presidente da nosa Asociación, e o punto álxido será sen dúbida (como xa aconteceu no Pindo e en Compostela) o recital poético a cargo dos e das poetas que cederon deinteresadamente ás súas creacións á obra colectiva, boa parte deles membros do xa mítico Batallón Literario da Costa da Morte.
Animámosvos a acompañarnos nesta cita, e lembramos que ademais de poderdes mercar exemplares asinados poderedes recoller gratuitamente as obras que teñades reservado mediante subscrición popular.