A nova xoia da coroa do Monte Pindo |
Esta noticia, que nos enche de ledicia e esperanza, podémola dar grazas ao grupo de persoas que nos acompañaron na visita guiada polo Monte Pindo, no marco das VIII Xornadas de Pesca organizadas pola Confraría de Pescadores da localidade. Concretamente trátase dos socios da AMPPN María Lago Cambeiro, Amadeo Castro Lago, Xiana Castro Lago, Inés e Pedro Vázquez Santos e Cristian Ronquete, que foron os que deron cos exemplares avistados, identificarona coa especie en perigo de extinción que levábamos dous anos buscando e llo comunicaron inmediatamente ao presidente da Asociación Monte Pindo Parque Natural que os guiaba.
Asi é como, do xeito máis casual posíbel, podemos hoxe anunciar que o lirio de monte existe no noso Olimpo Celta, confirmando as sospeitas de Javier Amigo, profesor de botánica da USC que foi o que catalogou esta especie no Monte Pindo, malia que levaba máis de media década sen poder constatar a súa presenza. Este amosouse moi satisfeito cando lle comunicamos por teléfono un achado que vén a confirmar a súa hipótese de que esta especie da cal só existen (máis ben resisten) exemplares en apenas 10 quilómetros cadrados da Serra do Xurés, e unha parella nos Ancares, debe ver agora ampliada a súa área de distribución nada menos que ata a Costa da Morte.
Dase a circunstancia de que este lirio apareceu xunta outra das especies escasas que temos no monte, a Centaurea corcubionensis, un fermoso endemismo desta zona da costa cuxa supervivencia se da por garantida polo bo número de exemplares presentes no Monte Pindo.
Tamén descubrimos un novo fento protexido
Davallia canariensis (Fonte) |
Parque Natural XA!
Por se non sobraran xa os motivos, a presenza de especies en perigo de extinción ou protexidas no Olimpo Celta obrigan a adoptar medidas que garantan a súa conservación e supervivencia, e entendemos que unha das poucas figuras de protección con efectos reais é a declaración de Parque Natural que a Asociación Monte Pindo Parque Natural, ADEGA e un gran número de expertos e entidades levamos case 3 anos reclamando da Xunta de Galicia.
Exisimos á Consellería de Medio Ambiente e ao seu máximo responsábel Agustín Hernández que se deixen de dilacións e inicien dunha vez a tramitación do que será o sétimo Parque Natural galego e o primeiro da Costa da Morte.Non pararemos ata que vexamos o noso obxectivo cumprido.
Actualización: 03 de xullo de 2013
Recibimos de varios especialistas diversas informacións cuxa publicación cremos que ten moito interese:
- O nome científico actual do lirio de monte é Xiphion boissieri (Henriq.) Rodion.
- A súa presenza no Monte Pindo xa se catalogou no ano 1994 no herbario SANT: "R.I.Louzán (1994) A Coruña: Carnota; Montes do Pindo, arredores da Moa"
- Ademais de na Serra do Xurés e a Serra dos Ancares, tamén se detectou recentemente a presenza do lirio de monte na Serra do Careón (A Coruña)
- A Davallia canariensis se ben se considera unha especie rara non está protexida en Galiza nestes momentos.