19/07/13

Nace o Grupo de Bioloxía e o Catálogo de Especies do Monte Pindo

Cordulegaster boltoni.
Foto: Quino de Pais
O tremendo éxito e interese que subscitou a historia da águia real Xoana reabriu esta semana o debate sobre a fauna e flora presente no Monte Pindo, e fixo agromar historias doutras especies que nin se coñecían neste Olimpo que, contrariamente á súa fama de deserto de pedra, bule cheo de vida... difícil de observar, iso si, sen ferramentas apropiadas.

Un café con Manuel Alvariñas para falar dos últimos detalles do seu libro deriva no sorprendente dato de que un mazarico real (en perigo de extinción) estivérao observando na súa última visita ao Olimpo Celta. Unha subida á Laxe da Moa acaba cunha socia confirmando a presenza dunha especie en perigo crítico, e dun fento, e de excrementos de lobo. A visita a un curioso fenómeno xeolóxico remata co descubrimento do corpo atropelado dun lirón careto (Eliomys quercinus, especie vulnerábel), e hai que recoñecer que non tiñamos nin idea de que somos veciños deste auténtico sobrevivinte que honra a súa fama hibernando boa parte do ano, malia que algúns expertos xa sabían que estaba aquí. Só faltaba que alguén se puxera a reunir nun mesmo documento todo este legado..

Lirón careto (Fonte: Propia)
Pois iso é o que acaba de facer Monte Pindo Parque Natural, e este pequeno animal xa está con outras moitas especies no Catálogo de Especies do Monte Pindo (CEMP) que estamos a elaborar da man dunha trintena de voluntarios e expertos que conforman o novo Grupo de Bioloxía da nosa Asociación que está aberto a novas incorporacións. Quen teña formación sobre calquera dos campos da bioloxía, ou simplemente queira colaborar con nós, só ten que enviarnos un correo a info@montepindo.org co asunto "BIOLOXIA MPPN" para ser incorporado no grupo de correos.

O CEMP, en permanente revisión, xa se pode consultar na rede e suma polo momento 153 especies, das cales hai 6 en perigo de extinción, vulnerábeis son 31, en perigo de extinción temos 8, e outra en risco crítico (lirio de monte). Ademais, unha especie (cabra do Pindo) considérase extinta e outras 5 teñen un interese especial. Esta mesma semana o Grupo de Bioloxía permitiu identificar e por tanto confirmar a presenza de varias especies no Monte Pindo: unha libeliña, o mazarico real, o lirio de monte (en perigo crítico), o Isoetes fluitans (en perigo de extinción) no río Xallas e, por suposto, o lirón careto. Velaquí un documental do gran Felix Rodríguez de la Fuente sobre este roedor nocturno.

El Hombre y la Tierra: El Lirón Careto - Parte 1


El Hombre y la Tierra: El Lirón Careto - Parte 2

17/07/13

Espazos protexidos de reclamación social

"A sociedade galega actual é consciente da necesidade de preservar o medio natural e reclama a súa protección"
O Xigante. Foto: Alfredo López
Hai tan só uns anos falar de conservación do medio natural era pouco menos que imposible, un diálogo sobre o tema non ía máis aló de cinco minutos e de seguida remataba con aquilo de: e quen nos protexe a nós, á humanidade?, con tanta fame que hai no mundo!, e aí remataba a historia.

Pouco a pouco, despois da declaración das áreas protexidas terrestres e mariñas, sobre todo ao comprobar o contraste entre as que están protexidas e as que non o están, unha parte importante da sociedade foi tomando consciencia da necesidade de preservar. Aínda queda moito por andar e moito por investir tamén en educación ambiental, mais resulta evidente que neste momento son amplos sectores da sociedade os que reclaman a protección ambiental.

Velaquí dous casos de actualidade: a Serra do Galiñeiro e o Monte Pindo. Non son os únicos, O Courel é tamén tarefa pendente, mais hoxe falaremos do Galiñeiro e do Pindo, aínda que cada un deles precise dun comentario máis demorado pois dispoñen de características ambientais, culturais, e tamén socioeconómicas, diferentes.

O Galiñeiro e O Pindo representan formacións xeolóxicas montañosas peculiares á beira do mar, se O Pindo podería dicirse que é un cantil que cae ao mar dende os 627 metros de altura, o Galiñeiro está a uns poucos quilómetros da costa. Ambas as áreas sufriron múltiples agresións nas últimas décadas, como lumes, talas abusivas ou canteiras, foron escenario de campo de tiro militar, etc. Coinciden, por tanto, no interese xeomorfolóxico que, xa de por si, sería un importante motivo para a súa protección.

O continuo asentamento humano de Galiza deulle ademais valor etnográfico e arqueolóxico a estas áreas. No Galiñeiro podemos atopar o orixinal e único petróglifo que representa un panel de armas, Auga da Laxe, e os campos de mámoas dos Bromús ou do Monte das Moutas, que suman máis de dez entre ambas as zonas. Todos estes elementos indícannos que esta área está habitada desde hai uns 5000 anos de antigüidade. Tamén hai evidencia de edificacións posteriores como muros e castelos. No caso do Pindo atopamos tamén petróglifos e inscricións máis modernas, unha muralla alto medieval, a igrexa da Moa, o castelo de San Xurxo. As dúas zonas presentan unha boa cantidade de topónimos e lendas que nos falan do uso do territorio traéndonos historias que se perden no tempo e que foron transmitidas oralmente ata os nosos días.

Os valores ambientais, tan minguados polas agresións das últimas décadas, aínda poden apreciarse nestes hábitats de altura: brañas, turbeiras, endemismos e rarezas vexetais como o carballo anano (Quercus lusitanica), o lirio de monte (Xiphion boisseri), a cabriña (Davallia canariensis) ou a Centhaurea corcubionensis no Pindo. Asó como as especies de mato atlántico e de solos rochosos, ou a Viola lactea no Galiñeiro. Dende o punto de vista faunístico, anfibios, réptiles e aves fan uso da superficie das dúas áreas.

Diversas personalidades históricas describiron nos seus escritos estas áreas, mais sobre todo O Pindo, por ser considerado xa no século X como monte sacro, e posteriormente como o Olimpo Celta, o que centrou a atención sobre a lenda e o mito en que asenta a súa Moa. Xa Sarmiento recollía as lendas da fertilidade, “oín que nalgúns tempos acostumaban ir ao Pindo os casados estériles e infecundos co gallo de ter sucesión” (Sarmiento, Viaxe a Galicia, 1745) ou sinalaba o seu interese botánico deixando constancia de especies que hoxe xa non podemos atopar: “Con esta ocasión informeime que ese vexetal caramiña era moi común nas costas de Galicia, desde Baiona ata Fisterra, e en especial en Escarabote, Agoeiros, illas de Baiona, illas de Ons (que teño á vista), nas abas do monte Pindo, etc.,” (Sarmiento, Carta sobre a orixe e formación da lingua galega, 1755).

O mellor xeito de sensibilizarse e coincidir na reivindicación da súa protección é ir, visitar a zona e coñecer de primeira man os seus valores. A Asociación monte Pindo Parque Natural e a Plataforma pola defensa da Serra do Galiñeiro son os referentes que aglutinan o interese social na difusión dos valores e da reclamación da súa protección.

Alfredo López Fernández, "Tokio" (Vigo, 1964) é biólogo e doutor en Bioloxía Animal e ilustrador. Investigador sobre as especies mariñas ameazadas de Galicia no CSIC entre os anos 1998-2002. Fundador, coordinador de proxectos, e presidente, da organización ambiental CEMMA dende 1990. Director dos programas de educación ambiental mariña para a xuventude AUGA+MAR, O MAR DENDE A CUBERTA e ENTRE ILLAS entre 2006 e 2009. Actualmente é director das accións para o Norte Peninsular da CEMMA no proxecto LIFE+INDEMARES 2009-2011.
Artigo publicado orixinalmente en Terra e Tempo.

16/07/13

Historia da águia real do Monte Pindo: Queremos que volva Xoana!

Águia real (Aquila chrysaetos). Fonte.
Esta semana chegounos un correo desde Alemania dun home interesado na lenda da águila Xoana. A súa inquedanza, a efeméride da súa morte e o curioso feito de que algúns consideren lenda o que foi unha realidade, lévanos a escribir hoxe sobre Xoana, a última águia real que aniñou no Monte Pindo, e que deixou de ser hai arredor de medio século. Naqueles tempos a águia real (Aquila chrysaetos), entre outras especies de aves, mamíferos e réptiles eran consideradas alimañas incluso a nivel oficial, pois críase que ameazaban á caza e á gandeiría. Por iso o réxime franquista abriría contra elas unha veda cruel que remataría con moitas desas especies en perigo de extinción, e cunha desmerecida fama de animais malignos e superpoboados que aínda chega ata os nosos días en casos coma o do lobo, o porco bravo ou o raposo.

Cova Casa da Xoana. Fonte propia.
O fogar elixido para aniñar por esta especie fermosa, de porte rexio, fora o máis alto dunha fabulosa cova que atravesa de lado a lado un dos outeiros do Monte Pindo máis difíciles de gabear, tamén chamada Revertedemos polos cultos máxicos que ali din que se celebraban; de feito, este lugar considerábase o punto de reunión das bruxas do entorno, que logo de desenvolver os seus ritos e invocar os seus demos arredor da fogueira arrincaban voando nas súas vasoiras por enriba do Chan das Lamas para atemorizar a bisbarra. De feito dise que o nome de Xoana, que tamén acabou bautizando a súa cova, puido ser posto en referencia ás xanas ou xianas, fadas de auga doce da mitoloxía asturleonesa. Pero isto xa é lenda.

Xoana aniñara alí arriba, lonxe da ameaza de especies que poderían ameazar a súa futura prole. O que Xoana non previra é que acabaría enfrontada cun inimigo inesperado, que condearía a súa existencia para sempre: as leis dun estado de homes convertidos en alimañas para a natureza e para si mesmos. O 11 de agosto de 1953, Franco aprobou un decreto que pasou á historia co nome de "Lei de Alimañas", pola que constituiu as Juntas Provinciales de Extinción de Animales Dañinos y Protección a la Caza, ou alimañeros, un auténtico corpo de exterminio da vida salvaxe dos nosos montes, que recibían importantes recompensas económicas en función do número e especime abatidos. Naqueles tempos de miseria xa podedes imaxinar o que pasou.

Axiña os alimañeros proliferaron en todo o estado, tamén na Galiza, ávidos de presentar ao réxime calquera resto dun animal considerado depredador para gañar cartos. As águias reais só eran unha das especies a aniquilar. Tamén estaban no punto de mira aguias, aguiachos, falcóns, miñatos, bufos, voitres, corvos, grallas, gabiáns, pegas (e os seus ovos), lobos, raposos, denociñas, fuíñas, gatos monteses, xenetas, linces, londras, teixugos, touróns, cobras, lagartos, víboras... En definitiva, a cabeza de toda especie que non caera en graza ao réxime tiña recompensa. Os premios ascenderon a un total de 4 millóns de pesetas, unha cantidade estratosférica se temos en conta que o orzamento do Ministerio de Agricultura no mesmo período foi de 726 mil pesetas.

A lei saldouse con preto de 700.000 animais mortos, sobre todo aves, unha cifra que debeu ser moito maior pois non se contabilizaron os animais cuxa morte non tivo recompensa por non poderse demostrar a caza con anacos do corpo. No que toca á nosa Xoana, en só sete anos os alimañeros conseguiron acabar con 1207 exemplares de Aquila chrysaetos, e malia que fracasaron no seu empeño de erradicar definitivamente a especie, entrou en perigo de extinción e nalgúns lugares conseguiron o seu macabro obxectivo. Asi, a cobiza dos homes matou a Xoana, e con ela morría o último exemplar da súa especie no Monte Pindo. O aviso debeu ser tan claro que nunca máis esta especie volveu a planear maxestuosamente sobre o Olimpo Celta, deixándonos só para o recordo unha cova co seu nome, a Cova Casa da Xoana.

Pero nós, ilusos soñadores, queremos que Xoana retorne. Estamos a preparar un ambicioso proxecto que busca a restauración da cadea trófica e da cuberta vexetal do Monte Pindo cercenadas por décadas de incendios, abandono e exterminio, para que se den as condicións naturais necesarias para que Xoana, este símbolo do que non se debe volver a repetir nunca, por fin poida volver á súa casa. Queremos a águia real no Monte Pindo e queda moitísimo por facer. Axudádenos!

03/07/13

A Xunta recupera o interese polos parques naturais pero segue sen confirmar que tramitará a declaración do Monte Pindo

A AMPPN co máximo responsábel da declaración,
despois da satisfactoria xuntanza mantida no 2012
Despois de 6 meses agardando pola reunión que a Consellería nos ten comprometido para falar da declaración do Monte Pindo como Parque Natural, a Xunta move ficha a favor dos parques naturais existentes, coa asignación doutros 2,2 millóns de euros (un total de 4,2 millóns de euros en dous anos) a repartir entre os 6 parques naturais existentes. O anuncio foi feito polo propio Alberto Núñez Feijóo nunha visita a Corrubedo no pasado Día Mundial dos Parques Naturais. O presidente da Xunta asegurou que "a pesares da crise, temos que coidar o noso contorno, a nosa paisaxe, e seguir apostando por manter a calidade das augas, das praias e dos parques naturais que temos en Galicia", e que a Xunta "sempre entendeu que protexer os sinais de identidade de Galicia é protexer os seus parques naturais". Paradoxalmente malia qe nesta alocución gabou abertamente os beneficios desta figura e o efecto chamada que representa, en ningún caso aludiu a extender esta figura de protección, tan beneficiosa na súa opinión, a novos espazos da nosa xeografía coma o caso do propio Monte Pindo.

Ademais este anuncio coincidiu coa presentación de Parques naturais de Galicia, unha aplicación para móbiles que pretende servir de guía dos parques naturais galegos, que xa se pode descargar tanto para dispositivos Android como para iPhone.

Peza de arte audiovisual "Brétema no Pedragal"

Os acontecementos fan pensar que a Xunta ten recuperado un certo interese nesta figura de protección despois de dez anos sen declarar ningún novo parque natural e potenciando unha figura alternativa coma a Rede Natura 2000, que non dispuxo de ferramentas reais para atallar os problemas do medio natural nin aproveitar as súas potencialidades. Asi o ten reiterado o propio alcalde de Carnota, Ramón Noceda Caamaño, que na súa acción institucional a Rede Natura percibe bastantes máis trabas para desenvolver eses espazos que vantaxes, coma foi o caso dun proxecto municipal para por a producir mediante agricultura tradicional a agra abandonada ou unha ecoconcentración parcelaria que o seu executivo propoñía para ese espazo, agora paralisada. Sen embargo, a figura do Parque Natural obriga a dotar tanto de liñas estratéxicas coma dunha partida económica os espazos naturais e os municipios que o rodean, ademais de constituir organismos de dirección nos que poden participar institucións, sectores e veciñanza interesada.

Porén, este aparente cambio de rumbo do executivo autonómico non se manifesta polo momento nun achegamento aos colectivos sociais que demandamos novos parques naturais na nosa Comunidade, ou cando menos a aqueles que non subscitaron discrepancias nin conflitividade. A reunión coa nosa Asociación, solicitada o 5 de decembro de 2012 e reiterada en marzo deste ano, segue sen data xa entrado o verán, tempo no cal si se produciron feitos moi preocupantes, coma unha agresión ecolóxica brutal nun dos seus principais sendeiros, o incremento de actividades ilegais na zona e a constatación da presenza dunha especie en perigo de extinción que se cría desaparecida.

Seis meses poden ser moito tempo para un espazo natural aos que todos e todas, incluso a Xunta, recoñecen os seus inmensos valores e potencialidades, mais que non recibe reciprocramente a atención que merece.

02/07/13

"Versos no Olimpo" colleita unha calurosa benvida nas súas presentacións públicas

A obra poética colectiva "Versos no Olimpo. O monte Pindo na poesía galega", microfinanciada e editada grazas á nosa rede de colaboradores, non puido recibir unha benvida máis calurosa nas súas primeiras presentacións en sociedade por parte non só da xente que comprometera as súas achegas para ver este soño literario feito realidade, senón tamén por parte de quen, non tendo formado inicialmente parte do proxecto, desexa facerse con esta xoia literaria nacida da suma de sinerxias de moitísimas persoas boas e xenerosas.

A poesía do Olimpo Celta triunfa en Compostela
O pasado martes 25 de xuño á tardiña, "Versos no Olimpo" foi recibido na capital galega por todo o alto. No escenario inmellorábel da libraría Couceiro os seus dous coordinadores, Miro Villar e Francisco Xosé Fernández Naval, asi como Merche Díaz e Xil Caamaño en nome da nosa Asociación, foron debullando tanto os seus aspectos literarios coma os técnicos que levaron a materializar a antoloxía. A cita foi cuberta informativamente pola TVG.


As abas do Monte Pindo recibiron o seu novo fillo
O sábado 29 ás 19:00 horas, xusto cando arribaban ao Pindo os participantes da celebrada subida ao Olimpo Celta que nos deixou unha nova marabillosa, producíase outra boa noticia co cheo rexistrado na Confraría de Pescadores do Pindo para participar na presentación do libro no marco das VIII Xornadas de Pesca, a cargo de Chisco Fernández Naval, Merche Díaz, Xil Caamaño e Mario Maceiras, acompañados dalgúns dos 56 autores e das autoras dos 79 textos que de agora en sempre engalanarán as follas de "Versos no Olimpo": Marta Dacosta, Estevo e David Creus, Paco Souto ou Nieves García Centeno, entre outros, foron algúns dos encargados de facer voar os versos do Olimpo no recital poético "O Monte Pindo, vixía do mar".
A Confraría de Pescadores do Pindo recibe os "Versos no Olimpo "de Marta Dacosta
Novas citas e posibilidades para adquirir exemplares
Estamos a preparar unha nova presentación para a cidade da Coruña, e quen o desexe -sexa subscritor ou simplemente queira ter un exemplar- tamén pode achegarse personalmente a recollelo no local da nosa Asociación no Pindo. Tamén podedes reservalo por correo a info@montepindo.org. ou chamando ao 655 56 43 72.

01/07/13

Atopamos o lirio de monte no Olimpo Celta

A nova xoia da coroa do Monte Pindo
Case dous anos despois esta pregunta atopou resposta: A Asociación Monte Pindo Parque Natural pode confirmar publicamente que o lirio de monte ou do Xurés (Iris boisseri Henriq.) existe no Monte Pindo e que polo tanto non está extinta. A sorte non puido ser maior pois a época de floración desta fermosisima especie xa está a piques de rematar e iso aprézase perfectamente nos seus belos e característicos pétalos.

Esta noticia, que nos enche de ledicia e esperanza, podémola dar grazas ao grupo de persoas que nos acompañaron na visita guiada polo Monte Pindo, no marco das VIII Xornadas de Pesca organizadas pola Confraría de Pescadores da localidade. Concretamente trátase dos socios da AMPPN María Lago Cambeiro, Amadeo Castro Lago, Xiana Castro Lago, Inés e Pedro Vázquez Santos e Cristian Ronquete, que foron os que deron cos exemplares avistados, identificarona coa especie en perigo de extinción que levábamos dous anos buscando e llo comunicaron inmediatamente ao presidente da Asociación Monte Pindo Parque Natural que os guiaba.

Asi é como, do xeito máis casual posíbel, podemos hoxe anunciar que o lirio de monte existe no noso Olimpo Celta, confirmando as sospeitas de Javier Amigo, profesor de botánica da USC que foi o que catalogou esta especie no Monte Pindo, malia que levaba máis de media década sen poder constatar a súa presenza. Este amosouse moi satisfeito cando lle comunicamos por teléfono un achado que vén a confirmar a súa hipótese de que esta especie da cal só existen (máis ben resisten) exemplares en apenas 10 quilómetros cadrados da Serra do Xurés, e unha parella nos Ancares, debe ver agora ampliada a súa área de distribución nada menos que ata a Costa da Morte.

Dase a circunstancia de que este lirio apareceu xunta outra das especies escasas que temos no monte, a Centaurea corcubionensis, un fermoso endemismo desta zona da costa cuxa supervivencia se da por garantida polo bo número de exemplares presentes no Monte Pindo.

Tamén descubrimos un novo fento protexido
Davallia canariensis (Fonte)
A presenza durante a mesma visita do presidente de CEMMA e bo amigo da nosa entidade, Alfredo López, permitiunos situar tamén no Monte Pindo a outra especie protexida, a Davallia canariensis, un fento moi escaso denominado tamén cabriña ou fento do carballo. A súa existencia neste monte descoñecíase ata agora.

Parque Natural XA!
Por se non sobraran xa os motivos, a presenza de especies en perigo de extinción ou protexidas no Olimpo Celta obrigan a adoptar medidas que garantan a súa conservación e supervivencia, e entendemos que unha das poucas figuras de protección con efectos reais é a declaración de Parque Natural que a Asociación Monte Pindo Parque Natural, ADEGA e un gran número de expertos e entidades levamos case 3 anos reclamando da Xunta de Galicia.
Exisimos á Consellería de Medio Ambiente e ao seu máximo responsábel Agustín Hernández que se deixen de dilacións e inicien dunha vez a tramitación do que será o sétimo Parque Natural galego e o primeiro da Costa da Morte.Non pararemos ata que vexamos o noso obxectivo cumprido.

Actualización: 03 de xullo de 2013
Recibimos de varios especialistas diversas informacións cuxa publicación cremos que ten moito interese:

  • O nome científico actual do lirio de monte é Xiphion boissieri (Henriq.) Rodion.
  • A súa presenza no Monte Pindo xa se catalogou no ano 1994 no herbario SANT: "R.I.Louzán (1994) A Coruña: Carnota; Montes do Pindo, arredores da Moa"
  • Ademais de na Serra do Xurés e a Serra dos Ancares, tamén se detectou recentemente a presenza do lirio de monte na Serra do Careón (A Coruña)
  • A Davallia canariensis se ben se considera unha especie rara non está protexida en Galiza nestes momentos.