27/06/13

As VIII Xornadas de Pesca suxírennos outro ollar ao mar... tamén desde o alto do Olimpo Celta

O cartel olla ao mar desde a Moa
Un ano máis a prolífica Confraría de Pescadores do Pindo tráenos unha completa programación con moito sabor a salitre, con motivo das Xornadas de Pesca
do Pindo, que xa van pola súa oitava edición, subtitulada nesta ocasión "Outro ollar ao mar".
As Xornadas desenvólvense desde mañá mesmo, venres, ata o domingo 30, e calquera pode inscribirse aínda. A cota de inscrición é de 10 euros, ou de 70 euros incluíndo aloxamento. Velaquí as condicións da inscrición.

O Olimpo Celta tamén olla o mar desde o máis alto
Ademais das actividades relacionadas coa pesca propiamente dita, os bravos membros da Confraría tampouco quixeron perder de vista aquelo que os nosos traballadores do mar deixan habitualmente ás súas costas ao abandonar o porto deste entorno privilexiado: o Monte Pindo, que desde a antigüidade exerce de faro natural para os navegantes que rozaban estas perigosas costas.
É por iso que contaron coa Asociación Monte Pindo Parque Natural para elaborar parte do programa, colaboración que frutificou en 3 actividades, todas elas a desenvolver ao longo do sábado 29, e nas que vos animamos a acompañarnos.

  • Ás 10:30 da mañá partirá do adro da Igrexa do Pindo unha Subida Guiada ao Monte Pindo con remate na Laxe da Moa (cumio granítico de 627 metros que conforma o máis privilexiado mirador con que conta o sur da Costa da Morte) pasando por algúns dos lugares máis míticos e simbólicos do Olimpo Celta: o castelo de San Xurxo, o Chan de Lourenzo, o Chan da Mina co seu xigante pétreo, ou o Campo de Cortes inzado de restos arqueolóxicos. A ruta guiada será de dificultade media e tratará de adaptarse ao ritmo e capacidades dos participantes.
  • Cando volvamos ao pobo, ás 19:00 horas, terá lugar a presentación da obra poética colectiva "Versos no Olimpo", editada pola nosa Asociación mediante a fórmula da subscrición popular (microfinanciamento) por parte dos seus coordinadores Francisco X. Fernández Naval "Chisco" e Miro Villar. Tanto as persoas que desexan adquirir a obra coma as que xa participaron na subscrición e por tanto teñen dereito a exemplares gratuitos poderán recollelo aqui asinado polos seus coordinadores.
  • A continuación, e intimamente relacionado coa actividade anterior, desenvolverase o Recital Poético "O Monte Pindo, vixía do mar", no que intervirán ademáis dos propios Chisco e Miro Villar, nomes da nosa literatura coma Paco Souto, Marta Dacosta, Rafa Villar, Alexandre Nerium, María José Fernández, Xosé Iglesias, Carlos Arias, etc.
Para participar exclusivamente en calquera das actividades nas que colabora a Asociación Monte Pindo Parque Natural non é necesario abonar ningunha cota, mais dado o interese das Xornadas e a espectacular fin de semana que se agarda recomendámoste inscribirte para non te perder nadiña.

Vémonos esta fin de semana no Pindo!

25/06/13

Presentacións e entregas a subscritores do libro "Versos no Olimpo" en Santiago, Carnota e Coruña

Portada da obra
Pola presente informámoste das datas e lugares de presentación da obra poética colectiva "Versos no Olimpo. O Monte Pindo na poesía galega" editada pola nosa Asociación e financiada mediante subscrición popular, onde ademais de podérense adquirir exemplares os nosos subscritores poderán achegarse para recoller personalmente os seus exemplares asinados polos coordinadores Miro Villar e Francisco X. Fernández Naval.

COMPOSTELA
Hoxe martes 25 ás 20:00h presentamos o libro "Versos no Olimpo" na Libraría Couceiro, en Compostela.Ademais se subscribistes algún exemplar e resides na zona podes achegarte a recollelo personalmente asinado polos coordinadores Miro Villar e Francisco X. Fernández Naval

O PINDO - CARNOTA
O próximo sábado 29 de xuño ás 19:00 horas presentamos o libro "Versos no Olimpo" na Confraría de Pescadores do Pindo, no marco das VIII Xornadas de Pesca da localidade, onde desenvolveremos ademais o Recital Poético "O Monte Pindo, vixía do mar" no que intervirán Chisco, Miro Villar, Paco Souto, Marta Dacosta, Rafa Villar, Alexandre Nerium, María José Fernández, Xosé Iglesias, Carlos Arias....
O mesmo día organizamos unha subida guiada ao Monte Pindo que comezará no adro da Igrexa de O Pindo as 10:30. A ruta guiada será de dificultade media e tratará de adaptarse o ritmo e ás capacidades dos participantes.

A CORUÑA
A presentación na cidade herculina está por definir.

NOTA IMPORTANTE
Quen teña participado na subscrición popular desta obra e non poida achegarse a ningún destes puntos de encontro para recoller os seus exemplares, que por favor nolo comunique mediante correo electrónico a info@montepindo.org ou ben nos chame ao 655 56 43 72.

19/06/13

O Medallón das Sete Pitas volve á vida despois dun século

Sen dúbida trátase dun dos enigmas máis importantes que aínda rodean o Olimpo Celta: o Medallón das Sete Pitas (ou Medallón das Pléiades) atopado no Monte Pindo no século XIX e que desapareceu sen deixar rastro durante un coñecido episodio bélico da Guerra Civil. Pois a Asociación Monte Pindo Parque Natural comprácese en anunciar que por primeira vez en case un século, este medallón de bronce volve a ser unha realidade física, tanxíbel, que podemos ver e sentir na palma da nosa man.

A peza de bronce macizo mide 7,7 cm. de diámetro e conta cun grosor algo inferior ao centímetro. Ten un pedúnculo perforado que fai pensar que se puido usar a xeito de medallón, e representa dentro dun fermoso motivo xeométrico as sete galiñas ou pitas que algunhas voces da nosa etnografía identifican coa constelación das Pléyades.

Porén estas sete pitas (a veces de ouro) tamén apareceron recurrentemente na tradición oral vinculado a riqueza e a cursos de auga: numerosas lendas falan de avistamentos dunha galiña de ouro seguida dos seus pitiños que de repente aparecen ou se esvaecen, presaxiando distintos acontecementos.

Esta reprodución é o produto dunha intensa labor de investigación que nos permitiu chegar a unha interpretación gráfica bastante exacta a partir do debuxo orixinal deitado nas follas do Antigüedades de Galicia de Ramón Barros Silvelo en 1875 (á dereita), tomando tamén moi en consideración as descricións da peza achegadas por varios autores ao longo dos tempos.

Simulación volumétrica en 3D
Finalmente os deseños viaxaron ata Madrid para converterse nun molde de aceiro que cumpre unha dobre función: reproducir fidedignamente a peza e permitirnos reproducir da man do artesán galego Pablo Leal o medallón todas as veces que sexa preciso para podermos facer a toda a sociedade partícipe deste traballo.

Aberta a reserva de reproducións
En efecto, en aplicación da filosofía popular que -mesmo estatutariamente- define a nosa entidade quixemos que toda a veciñanza poida facerse cun anaco importante da nosa historia ou facer un regalo único, e por iso, abrimos a posibilidade de que quen o desexe faga reserva do Medallón das Sete Pitas inscribíndose no formulario que xa puxemos á vosa disposición aquí e abonando 30 € por unidade (Prezo especial para socios: 20 €). Opcionalmente habilitaremos o envío a domicilio mediante Paquete Azul de Correos.
Con esta compra estaredes contribuindo coa artesanía galega e sobre todo a financiar novos proxectos de investigación e desenvolvemento para o Monte Pindo. A peza conta co selo de calidade de Artesanía de Galicia, e entregarase xunto cun folleto que ilustra a inverosímil historia desta peza que averiguamos durante a nosa investigación.

    Curiosidade
    Recentemente o noso colaborador Felipe Senén Gómez publicou no Terra e Tempo un artigo monográfico sobre o Monte Pindo, e ao referirse a este bronce desaparecido advertiu que o seu deseño ofrecía similitudes co tímpano da igrexa de Santa María do Castell, no Cubells, nada menos que o Segre de Lleida (Catalunya). En efecto, o parecido do noso medallón co motivo dunha igrexa situada a mil quilómetros do Olimpo Celta non deixa de sorprendernos e abrirnos aínda máis interrogantes que entre todos trataremos de ir respondendo.

    03/06/13

    Fixemos Historia! (Crónica das Xornadas DCAC)

    Este foi o aspecto do Salón de Actos os dous días
    As Xornadas de Historia e Patrimonio "De Castros a Castelos" vertebraron esta fin de semana varios miles de anos da nosa historia, onde agora poderemos inscribir esta iniciativas con letras de ouro despois do éxito absoluto de asistencia e de contidos, tras conseguir reunir en Carnota durante os días 1 e 2 de xuño a preto de 150 asistentes e 24 relatores, do mundo académico ou non. A resposta foi tal que malia que a organización agardaba que os "xornadistas" (divertido alcume acuñado o domingo) chegasen de forma escalonada, ás 09:30 da mañá produciuse un verdadeiro colapso no posto de acreditación que atrasou media hora o inicio do evento. Mentras, nos corredores comentábase que nunca se xuntaran tantas persoas nun acto deste tipo en Carnota.
    150 persoas chegadas de todo o Concello e todo o País, de todas as idades e de todas as dedicacións, demostraron desde moi cedo que a convocatoria tíñase convertido xa nun rotundo éxito, e que o marco das Xornadas ían ser imaxes dun Salón de Actos absolutamente repleto de asistencia, pois chegaban máis e máis cadeiras para acoller aos que seguían acreditándose.
    Foron dous días de explicacións, debate e reflexión sobre todo canto pasou en Galiza desde hai varios miles de anos, na época dos castros, ata o derrocamento dos castelos medievais polas armas irmandiñas, xa en pleno século XV; son precisamente os milenios que máis restos arqueolóxicos deixaron esparcidos polos nosos montes, moitos ben coñecidos pero outros moitos, moitísimos, sen apenas sacar sequera das toxeiras. É precisamente no estudo destas onde consideramos que estas Xornadas nos deixaron citas, datos e aprendizaxes que se poderán escribir nos libros.

    As sorpresas comezaron no minuto cero, na propia presentaciónAdemais do saúdo do presidente de Monte Pindo Parque Natural, Xilberto Caamaño, e da coordinadora das Xornadas Natalia Conde, o concelleiro carnotán de Cultura, Iván Franco Caamaño non quixo desaproveitar a oportunidade e anunciou que o exitoso Proxecto Torre dos Mouros terá continuidade este verán cun novo proxecto de arqueoloxía pública que espera volver aglutinar as sinerxias xurdidas no Monte de Lira para excavar parte do cercano Castro de Mallou.

    Bloque I: Na mañá do sábado percorremos os castros e a romanidade

    Rafael M. Rodríguez Martínez
    O programa comezou co relatorio "Son todo castros? Peculiares xacementos na Idade do Ferro do NO” de Rafael Rodríguez, licenciado en Historia pola USC, que afrontaba a -a priori- ingrata tarefa de ser o primeiro ponente das Xornadas, porén puido disertar ante un auditorio absolutamente abarrotado sobre os recintos da Idade de Ferro que non poden considerarse castros ao uso.

    Xurxo M. Ayán Vila
    Logo, Xurxo Ayán, doutor en Prehistoria e Arqueoloxía pola USC que traballou en numerosos xacementos dentro e fóra de Galiza, incluindo a Torre dos Mouros, desenvolviu o tema "Aquí no hay quien viva: a emerxencia da paisaxe fortificada da Idade do Ferro en Galicia", presentando a sociedade castrexa como un pobo belicoso e conflitivo que precisaba autodefenderse, o que explica certos fenómenos construtivos que aprezamos en moitos castros.

    Luis Cordeiro Maañón
    O novo petroglifo do
    Monte Pindo
    Luis Cordeiro, licenciado en Historia pola USC e responsábel do inventario arqueolóxico do futuro PXOM carnotán, ocupouse da terceira charla coa súa "Aproximación ao estudo dos recintos fortificados do concello de Carnota", un percorrido detido polos diferentes tipos de fortificación que se conservan no propio Concello de Carnota e que son unha digna representación das diferentes etapas dos nosos antepasados: xacementos romanos, Castros de Mallou e Miñarzo, Torre dos Mouros e murallas do Monte Pindo, Castelos de San Xurxo, Penafiel e Canedo...

    Pero ademais, Cordeiro anunciou unha nova sorprendente: a confirmación de que os trazos en pedra que lle amosamos o ano pasado ano se trataban en realidade de petroglifos, os únicos que se coñecen no Monte Pindo obviando as inscricións medievais, e que xa están catalogados como tales.

    Antón F. Malde
    Despois do café e do merecido descanso, sucede na tribuna o noso vello coñecido Antón Malde, director arqueolóxico do proxecto Torre dos Mouros, que relacionou espacialmente este xacemento arqueolóxico neodescuberto e excavado o pasado verán cos conxuntos castrexos do contorno. Asi mesmo, Antón Malde presentou as conclusións da súa comparativa con outros recintos similares de Galiza, o que só lle serviu para encadrar a fortaleza de Lira como un dos poucos casos galegos de fortificación con muralla discontinua, nos que en realidade a fortificación é o medio natural e as mans dos homes e mulleres só reforzaron os seus puntos débiles. Curiosamente, entre os poucos casos que se coñecen -poden contarse cos dedos dunha man- tamén hai outro do Concello de Carnota, as murallas do Monte Pindo.

    Felipe Arias Vilas
    Finalmente un auténtico mestre, Felipe Arias, licenciado en Filosofìa e Letras (sección Xeografía e Historia) pola USC puxo o punto e final da sesión da mañá cun relatorio que versou sobre a romanización, ou mellor dito o que el gusta máis de chamar "Os castros galaico-romanos" onde comezan a aprezarse casos de fusión das dúas tecnoloxías construtivas, cuxo maior expoñente é o caso que el mellor coñece, o Castro de Viladonga que dirixiu durante anos.

    Debate aberto cos relatores
    Tras o oportuno debate aberto e as preguntas a todos os conferenciantes, entre as que destacou a curiosidade polos novos petroglifos do Pindo e os motivos que levan á sociedade a organizarse en castros, visitamos o Castro de Mallou que recibiu antes de xantar a unha verdadeira multitude desexosa por coñecer as características do recinto castrexo que o Concello de Carnota excavará este verán coa axuda dun equipo multidisciplinar e de voluntariado.

    Visita ao Castro de Mallou

    Bloque II: As raras fortalezas tardoantigas ocuparon a sesión da tarde
    José Carlos Sánchez Pardo (esq.)
    Un Salón de Actos novamente abarrotado acolliu a exposición "Explorando os contextos sociopolíticos das fortificacións galegas altomedievais" de José Carlos Sánchez, doutor en Historia Medieval pola USC, coa súa achega ás fortalezas da Alta Idade Media pragada de referencias aos castelos roqueiros coma o propio San Xurxo, recintos que en moitos casos aínda están comezando a estudarse.

    Manuel Gago Mariño
    Outro asiduo a escrutar o noso patrimonio esquecido, Manuel Gago (doutor en Ciencias da Comunicación pola USC, director de Culturagalega.org e autor do blog Capítulo Cero) presentou o relatorio "Castra e/ou castella? Procesos de fortificación e defensa na Antigüidade Tardía de Gallaecia", entrando con forza e valentía no escuro terreo dos recintos amurallados que non son castros nin castelos, demostrando a gran intelixencia e economía construtiva que lles serviu a aquel pobo para converter apenas curutos de montes en auténticas "fortalezas baleiras" case inexpugnables. Gago presentou o alzado cos 14 trazos de muralla de aparello ciclópeo que leva rexistrado no caso paradigmático do Monte Pindo, fortaleza que para os seus traballos denomina "Pindo central", e que conta cunha lonxitude similar á das Murallas de Lugo e cun ancho superior á celebérrima Muralla de Hadrián en Inglaterra.

    Manuel Recuero Astray (dta.)
    O albaceteño Dr. Manuel Recuero Astray, catedrático de Historia Medieval pola UDC e decano da Facultade de Humanidades, asumiu a seguir a voz das Xornadas enunciando o "Carácter e función do Castelo Medieval: fortalezas do Reino de Galicia durante a Alta Idade Media”.

    Mario Maceiras Dosil (dta.)
    O veciño de Lira e secretario da Asociación Monte Pindo, Mario Maceiras, explicou logo o "Cénit e declive do Castelo de San Xurxo", un relatorio no que defendiu que desde esta fortificación desaparecida o conde Rodrigo Pérez de Traba exerciu a capitalidade do Condado de Carnota (actuais concellos de Carnota, Muros, Outes e Mazaricos) entre os séculos IX e XII. Asi mesmo, presentou unha pasaxe da documentación medieval que revela que, contra o que sempre se dixo, San Xurxo nunca caiu baixo as espadas irmandiñas, senón que foi desfeito deliberadamente un século antes por Lope Sánchez de Ulloa, primeiro membro da poderosa liñaxe dos Moscoso, con permiso do rei.

    Finalmente, Antón Malde subiu de novo á tribuna para continuar explicando as conclusións dos seus traballos na "Torre dos Mouros: unha gran fortificación tardoantiga na Costa da Morte", onde sorprendiu aos asistentes cando presentou os resultados da análise feita co gradiómetro do CSIC, que demostra que ademais das atopadas hai outras estruturas soterradas que poden xustificar unha nova intervención para seguir achegando información que permita a súa datación, que pola tamén sorprendente ausencia de materiais (cerámicas, metais...) aínda non se pode asegurar con rotundidade.

    Bloque III: Pensando en castelos medievaisO domingo xa ás 9 da mañá, un bo grupo de asistentes xa agardaba impacientes pola apertura das portas do Concello de Carnota, que axiña estivo novamente cheo aínda que cun ritmo máis escalonado que o día anterior.

    Foi o granadino Carlos J. Galbán, licenciado en Historia pola USC e doutor pola UB ademais de coordinador das Xornadas, o que iniciaría a sesión matutina coa palestra "Castelo, poder e señorío: Concepto e forma da fortificación na Idade Media" que aproveitou para desmontas moitas das ideas e preconceitos que todos temos dos castelos e a visión deles coma un ente meramente defensivo, para presentalos como verdadeiras estruturas de poder e imaxe.

    Julio Vázquez, licenciado, doutor e profesor de Historia da Arte na USC, revolviu nun terreo moi pouco coñecido da nosa historia, o da función militar de moitas edificacións relixiosas, e nomeadamente sobre a fortificación e uso militar da Catedral de Santiago, que deu nome ao seu relatorio.

    Xosé Manuel Sánchez Sánchez
    A continuación era o turno dun relator, Xosé Manuel Sánchez, cuxa presenza achegou por si mesmo a varios veciños do noso concello interesados pola historia e nomeadamente pola documentación antiga. O motivo é que trátase nada máis e nada menos que o arquiveiro da Catedral de Santiago, sendo polo tanto un dos maiores coñecedores do inmenso legado documental que ali está depositado e que describen verdadeiramente o noso territorio ao longo de centos ou miles de anos. O seu relatorio versou sobre "A fortaleza medieval de A Rocha Forte. Preguntas e respostas”, o impresionante castelo situado nas inmediacións de Compostela e excavado recentemente.

    Natalia Conde Cid
    Chegou o turno de Natalia Conde, a última dos tres coordinadores das Xornadas que quedaban por falar, que desenvolviu un relatorio centrado na conformación de Castro Caldelas, unha vila cun impresionante legado histórico que podemos constatar nas características fortificacións que aínda se conservan.

    David Chao Castro
    Detrás dun merecido café neste maratoniano bloque de mañá, David Chao, licenciado en Xeografía e Historia e doutor en Historia da Arte pola USC, interviu cunha amena exposición sobre as "Fortificacións da Ribadavia medieval".

    A David Chao que temos que agradecerlle moitísimo que aceptara ser o responsábel académico destas Xornadas, o que nos permitiu outorgar un crédito de libre configuración da USC aos asistentes

    Anselmo López Carreira
    Por último, clausurou o programa matutino outra das sesións máis agardadas, a que estaría a cargo de Anselmo L. Carreira, licenciado e doutor en Xeografía e Historia na USC cuxa lectura do seu extenso legado bibliográfico de seguro rebasaría os 30 minutos que cada relator tiña asignados. Anselmo disertou sobre “As Irmandades e a destrución das fortalezas”, tema no que é un dos maiores expertos.
    Anselmo centrou a súa participación en desmitificar o carácter popular da Revolta Irmandiña, que en moitos casos identifica máis unha afiliación interesada dos poderosos que dun xenuino alzamento "revolucionario", e explicou como conseguiron derrubar a totalidade dos castelos medievais de Galiza, tanto desde a óptica da organización social previa como da acción fisica do seu sometemento e final abatemento ordeado.

    Un momento do segundo debate
    Despois do correspondente debate, tocoulle a visita ao recinto fortificado da Torre dos Mouros en Lira, sobre a cal se falara en profundidade en distintos momentos da programación.

    Situando outras fortificacións desde o alto de Lira
    Bloque IV de Comunicacións: Tempo de novos valoresA organización abrira convocatoria de Comunicacións para que as persoas que tivesen algo que dicir en calquera materia relacionada cos temas a tocar nestas Xornadas puidesen participar, cun ollo posto en dar a oportunidade para que os nosos novos investigadores puidesen expoñer o seu traballo. E a convocatoria saldouse cun notábel éxito, e malia a alta calidade de todas as achegas houbo que seleccionar oito para que se axustasen ao tempo previsto, que como se verá foron do máis horizontais e multidisciplinares que podíamos agardar.

    Francisco Alonso Toucido
    Comezou Francisco Alonso Toucido, graduando en Historia pola USC, co traballo "Aproximación á cerámica medieval compostelá. Resultados preliminares do xacemento do Franco 31", un campo escasamente traballado aínda en Galiza, e máis cando se queren potenciar unhas épocas sobre outras. Amosou numerosos exemplos de cerámicas compiladas neste xacemento e as posíbeis hipóteses para a súa adscrición cronolóxica e social.

    Olalla López-Costas
    Outro campo moi curioso, o estudo dos restos óseos das necrópoles, serviulle a Olalla López-Costas (antropóloga física e doutora pola Universidade de Granada) para respostar a cuestión "¿Cómo se vivía e cómo se morría na Galiza Romana e Medieval? Unha aproximación á saúde, dieta e vida cotiá dende o estudo dos esqueletes.", unha intervención que deixou datos certamente interesantes sobre a incidencia de enfermidades naquelas sociedades, as carencias alimentarias ou a escasa esperanza de vida. Tamén sorprendiu ao revelar que os casos de esqueletes medievais con trazas dunha morte violenta son anecdóticos.

    Mariña Bermúdez Beloso
    Mariña Bermúdez, licenciada en Historia pola USC, dedicou os seus 20 minutos ao tema "Miña terra galega: outros significados do termo terra e a súa importancia na organización do territorio galego medieval" debullando os interesantes estratos territoriais nos que se configurou a sociedade dos nosos antergos tanto a nivel civil coma relixioso, centrada nunha figura intermedia con entidade propia no Medievo, a terra, o que ilustrou con exemplos coma o da terra de Carnota.

    Antón Malde e Manuel Gago
    Cando Manuel Gago e Antón Malde piden presentar unha comunicación xuntos, podes esperarte calquera cousa. Pois a consigna non fallou, e coa comunicación "A presenza militar romana na Gallaecia occidental: novos datos para a súa investigación" presentaron os avances preliminares dun estudo sobre o proceso de conquista e primeiros momentos de romanización en Gallaecia, amosando un primeiro resultado: a posible existencia dun gran campamento romano en Cornado (Negreira). Ademais atópase nas inmediacións de Brandomil, onde debía estar situada a fronteira oriental do antigo Condado de Carnota, polo que este importante achado ten tamén transcendencia para a historia local.

    Pablo Ordás Díaz 
    Despois do que seguramente sexa a bomba destas Xornadas, subiu á tribuna Pablo Ordás, investigador predoutoral contratado no departamento de Historia da Arte da USC, para disertar sobre "Iglesias del noble, castillos de Dios: una introducción a las iglesias y monasterios fortificados en la Baja Edad Media", afondado nun tema ao que xa nos aproximáramos con anterioridade, que as edificacións relixiosas tamén tiveron unha importante función militar e defensiva.

    Silvia Cernadas Martínez
    Silvia Cernadas, licenciada en Historia pola USC, tomou o testigo para relatar o caso de "O Castelo de Soutomaior. Un exemplo de arquitectura militar e de imaxe de poder"

    Antonio Castro Rozados
    A penúltima comunicación correu a cargo de Antonio Castro, na que analisou os procesos construtivos que configuraron a vila do Lérez durante a exposición “A reocupación do espacio urbano romano na época medieval. O caso de Pontevedra: dunha mansio viaria aberta, a unha vila amurada”.

    Javier Castiñeiras López
    Concluindo este cuarto e último bloque, tocoulle o turno a Javier Castiñeiras coa comunicación "O poder do arcebispo: Arquitectura e urbanismo na Compostela Xelmiriana", volvendo novamente sobre a cuestión da íntima relación entre os intereses relixiosos neste caso do máximo nome da Igrexa galega e os símbolos urbanos de poder de Compostela. De feito, a importancia das fortificacións galegas máis como elemento iconográfico que militar é unha das conclusións máis unánimes que podemos extraer desta fin de semana chea de cultura, historia e patrimonio cun marcado sabor galego.

    Debate cos comunicantes
    O debate, xa un chisco máis longo e relaxado que os demais ao non estar tan submetido ás restriccións do cronómetro, serviu para resolver as últimas cuestións que entre os asistentes non se aclararan suficientemente e incluso para xerarse un pequeno e interesante debate espontáneo entre o conxunto dos e das comunicantes.

    Clausura
    Xa por último, despois de distribuír os correspondentes certificados de asistencia, o nomeado para clausurar as Xornadas foi o alcalde de Carnota Ramón Noceda Caamaño, que asistira a boa parte da programación polo que puido felicitar con coñecemento de causa ao conxunto dos relatores e comunicantes polos interesantes puntos de vista achegados, e aos organizadores por lograr que esta cita fose un gran éxito. Aproveito para convidar a toda a asistencia a seguir atentos aos proxectos que desde o concello de Carnota se están desenvolvendo neste campo, nomeadamente o proxecto que xa está a prepararse para excavar o Castro de Mallou este mesmo verán, e tamén a percorrer a Senda Verde para visitar o fabuloso conxunto de petroglifos da fouce de Carnota, unha das maiores e máis interesantes concentracións de Galiza.

    Conclusión
    A Asociación Monte Pindo Parque Natural non ten palabras para describir a satisfacción que sentimos neste intre pola impresionante resposta a esta convocatoria, unha das máis importantes que se lembren en Carnota, o que entendemos que se debe principalmente ao acerto na fórmula das Xornadas, á gran calidade das temáticas, e ao feito de ter optado por unha filosofía popular baseada en prezos mínimos ou mesmo exencións para persoas desempregadas e sen recursos, combinado cunha oferta de servizos de xantar e aloxamento para os asistentes a uns prezos pactados máis que asumíbeis. Desde logo e aínda que non estaba previsto que houbese unha segunda edición o indiscutíbel éxito da fórmula chama a volver a repetir as Xornadas de Historia e Patrimonio en vindeiros anos, e asi no-lo pediron reiteradamente moitísimas persoas durante estes días.

    Todo isto non sería posíbel sen a implicación de moita xente. É por iso, que no apartado de agradecementos, a Asociación Monte Pindo Parque Natural quere agradecerlle aos coordinadores das Xornadas Natalia Conde Cid, Carlos J. Galbán Malagón e Mario Maceiras Dosil o seu empeño en sacar adiante esta idea con cero euros de presuposto, e conseguir que acadaran tal nivel de participación, proveito e satisfacción polos asistentes; aos relatores a súa participación completamente interesada e sobre todo a calidade das súas exposicións; aos comunicantes que complementaran de xeito impecábel a programación prevista e animalos a seguir traballando para facerse un oco nun mundo que precisa de sangue novo e desexarlle novos éxitos; á Universidade de Santiago de Compostela (USC) e ao Grupo de Estudios de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo polo seu apoio académico. Tamén temos que saudar unha vez máis a total colaboración do Concello de Carnota e o apoio loxístico ao cedernos desinteresadamente o espazo e os equipamentos necesarios.

    Ademais, queremos facer que se sinta partícipe deste éxito á formidábel hostalería que temos no noso concello, por permitirnos ofrecerlle aos asistentes uns prezos moi populares: o restaurante Casa Fandiño (Carnota), a Casa Rural Xanela da Lúa (Lira) e a Pensión Sol e Mar (O Pindo), que malia ao cheo absoluto que rexistraron durante as Xornadas deixaron aos clientes absolutamente encantados polo excelente servizo e trato recibidos, con moitas gañas de volver ao noso concello.

    Xa por último, e máis importante, queremos facer unha mención moi especial aos socios e as socias da Asociación Monte Pindo Parque Natural que se implicaron na organización destas Xornadas, que tiveron que redobrar esforzos ante a maré humana que logramos congregar, moitas veces a conta de sacrificaren a súa propia presenza nas conferencias. Este éxito é voso.

    Animamos a que todos e todas vós, veciñanza, amantes do Monte Pindo e do medio ambiente en xeral, se tedes gañas de traballar na defensa da vosa terra e da vosa cultura ingresedes na Asociación Monte Pindo Parque Natural e nos axudedes a seguir desenvolvendo máis e mellores proxectos para construirmos entre todas e todos unha Carnota e unha Galiza mellores nas que podermos vivir e traballar nun medio ambiente máis limpo, protexido e proveitoso para todas e todos.

    O Monte Pindo presidiu as Xornadas, pois estivo omnipresente nas charlas