19/04/13

Unha actuación ilegal arrasa o camiño do Fieiro

Imaxe: AMPPN
Unha vez máis temos que saír á palestra para denunciar publicamente que o pasado mes alguén se aproveitou da falta de vixilancia no Monte Pindo para, literalmente, arrasar un dos camiños máis importantes para ascender ao Olimpo Celta, o que sae do Fieiro (Mazaricos) ata a Laxe da Moa, no atentado máis grave rexistrado nos últimos 15 anos neste espazo, só superado polo gravísimo incendio do verán 2005 e as escorrentías de lamas cinzentas posteriores.

Imaxe: AMPPN
Esta actuación non foi autorizada polo Concello de Carnota, único responsábel deste espazo natural, nin por ningunha outra autoridade, e consistiu nunha tala indiscriminada e xeral do arborado que se atopa no paso arredor do sendeiro, o desprazamento e fractura de pedras moi voluminosas, e no total destrozo do camiño, agora impracticábel nalgúns puntos. A xulgar polo enorme alcance dos danos, debeuse usar maquinaria pesada e vehículos off-road. Ademais o atentado afectou os restos dunha muralla que os expertos estiman que poderían ter ata 1600 anos, e que debeu formar parte dun tipo de recinto fortificado descoñecido en Galiza que está en estudo. Esta muralla foi incluída no catálogo arqueolóxico do Concello de Carnota a instancias da nosa entidade.

Imaxe: AMPPN
Os feitos están a ser investigados polo SEPRONA tras a denuncia do propio Concello de Carnota e dos axentes do Distrito forestal V ante a Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta, dirixida por Ricardo García-Borregón, que por certo é un dos responsábeis (xunto co propio conselleiro da CMATI Agustín Hernández) da declaración do Monte Pindo como Parque Natural.

Imaxe: AMPPN
Este roteiro ten un valor moi importante para os amantes deste pedregal, non só polos seus valores naturais, patrimoniais e xeolóxicos, senón polo feito de que é o de máis curto e doado sendeiro de acceso ao Monte Pindo, permitindo as visitas de crianzas, persoas maiores e incluso persoas con discapacidades ao Olimpo Celta, que por outras vías sería máis que difícil.

Agardamos que esta desfeita non volva quedar impune e sobre os seus responsábeis, sexan quen sexan, recaia todo o peso da lei.

Asi mesmo, urximos á Consellería de Medio Ambiente a iniciar antes do verán a tramitación da declaración do Parque Natural do Monte Pindo, dotando inmediatamente a este espazo de recursos humanos e económicos que palíen o risco de incendios, agresións, pintadas, expolio e todo tipo de ameazas que están degradando o Olimpo Celta a un ritmo acelerado e cuxas solucións, por moito que nos esforcemos, non pode recaer exclusivamente sobre os ombros dunha humilde Asociación coma a nosa.