01/03/13

As históricas Xornadas "De Castros a Castelos" traerán en xuño a Carnota aos maiores expertos na época castrexa ata os castelos medievais

Durante dous mil cincocentos anos, boa parte de Galicia foi unha paisaxe fortificada. Desde a Idade do Ferro ata a caída dos Irmandiños a finais da Idade Media, Galicia viviu un intenso proceso de fortificación e construción de estruturas defensivas e militares. Comprender os procesos de cambio, as causas da fortificación e da súa decadencia son as claves das Xornadas de Historia e Patrimonio "De Castros a Castelos" (programa e inscricións en xornadas.montepindo.org), que se celebrarán na Casa do Concello de Carnota o 1 e 2 de xuño, organizadas pola Asociación Monte Pindo Parque Natural. Será unha das primeiras ocasións nas que se achegue deste xeito ao proceso de fortificación de Galicia.

Entre os temas cruciais que durante dous días debullarán boa parte da nosa historia, non podían faltar os castros, a romanización e o abandono deles, as posibles grandes fortificacións da tardoantigüidade, nin os castelos roqueiros erixidos para salvar as nosas costas dos saqueo por mar, ou a edificación de maxestuosas fortalezas onde se estabeleceron os centros de poder galegos ata a súa destrución polo encolerizado pobo que se organizou nas irmandades. Tamén gardamos un oco importante para o uso militar -non tan coñecido- das edificacións relixiosas coma a propia Catedral de Compostela.

Cabeceira da páxina web do evento, xornadas.montepindo.org
En primeiro lugar, o sábado 1 a partir das 10 da mañá centrará o debate o mundo dos castros e a chegada dos romanos que transformou radicalmente a nosa verdade. Desta complexa misión encargaranse Rafael M. Rodríguez Martínez, licenciado en Historia pola USC; Xurxo M. Ayán Vila, doutor en Prehistoria e Arqueoloxía pola USC e investigador no Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSICLuis Cordeiro Maañón, licenciado en Historia pola USC, quen elaborou a parte arqueolóxica do PXOM carnotán; Antón F. Malde, arqueólogo e director do Proxecto Torre dos Mouros e Felipe Arias Vilas, Licenciado en Filosofìa e Letras pola USC e director do Museo do Castro de Viladonga. Este bloque rematará cun debate aberto e cunha visita guiada ao Castro de Mallou para explicar in situ estas análises antes de xantar.

A continuación, xa pola tardiña ocupará o centro de atención a tardoantigüidade e os aínda pouco coñecidos "castelos baleiros", unhas curiosísimas edificacións nos cales a sociedade depositaba a súa propia defensa, e os castelos roqueiros que a historia atribúe a Sisnando II para defender as costas galegas dos saqueos desde mar de pobos tan lonxanos coma os musulmáns ou os normandos. Nomes coma José Carlos Sánchez Pardo, licenciado en Historia e doutor en Historia Medieval pola USC; Dr. Manuel Gago Mariño, doutor en CC. da Información pola USC, xornalista e director de culturagalega.org; Manuel Recuero Astray, catedrático de Historia Medieval pola UDC; novamente Antón F. Malde, ou xa desde a comunidade local Mario Maceiras Dosil, secretario da Asociación Monte Pindo Parque Natural, ocuparán estas palestras que rematarán con debate e visita á Torre dos Mouros, singular xacemento escavado o pasado verán no monte de Lira.

A xornada do domingo debullará desde a partir das 9:30 horas a cuestión dos castelos medievais ata a súa destrución pola revolta irmandiña, etapa na que serán protagonitas Carlos J. Galbán Malagón, licenciado en Historia pola USC e doutor pola UB; Julio Vázquez Castro, licenciado, doutorado e profesor titular de Historia da Arte na USC; Xosé Manuel Sánchez Sánchez, doutor en Historia Medieval pola USC e arquiveiro da Catedral de Santiago; Natalia Conde Cid, licenciada en Historia da Arte pola USC; David Chao Castro, licenciado en Xeografía e Historia e doutor en Historia da Arte pola USC, e Anselmo López Carreira, licenciado e doutor en Xeografía e Historia na USC. Nesta ocasión o bloque rematará cunha visita guiada ao Castelo de San Xurxo, no Monte Pindo.

Por último, e non menos importante, "De Castros a Castelos" terá as portas abertas a todo aquel que teña algo que dicir mediante o chamado bloque de Comunicacións. Quen o desexe pode propoñer á organización un tema relacionado co período que abarca este evento, con só enviar un resumo da súa idea a xornadas@montepindo.org. Os coordinadores escollerán as 8 achegas máis interesantes, que terán cadansúa ponencia na tarde do domingo.
E todo isto cunha cota de inscrición simbólica que incluirá ata xantar e aloxamento, cousa que sen dúbida moitos agradecerán nos tempos que corren. A Asociación Monte Pindo Parque Natural, que organiza o evento coa colaboración de distintas institucións, aspira a que estas Xornadas non sexan só do interese académico, estudantil e profesional, senón que sirvan para que o conxunto da sociedade se reencontre co seu pasado mediante a análise das súas casas e defensas, e en definitiva dunha etapa da nosa Historia cuxos restos materiais ás veces parecen tan difíciles de comprender. 

Se é certo que, como asegurou algún investigador, esta idea nunca antes se lle ocurrira a ninguén, é a nosa obriga convidar a que ninguén desaproveite esta ocasión única.