30/03/13

Carnota acolleu a presentación do cartel das Xornadas DCAC

Presentación das Xornadas
A II Mostra de Promoción Local de Carnota "Víndemo Ver", entre o seu extenso programa de actividades, acolleu a presentación da programación e imaxe gráfica das Xornadas de Historia e Patrimonio "De Castros a Castelos", unha ambiciosa iniciativa que se desenvolverá no concello carnotán os días 1 e 2 de xuño.

Cartel das Xornadas
 Foi a tenente de alcalde e veciña do Pindo, Merche Díaz, a anfitriona do acto, durante o cal saudou á organización deste evento no seu municipio que espera que contribúa, dixo, a consolidar Carnota coma destino arqueolóxico de referencia dentro e fóra de Galiza, dando asi continuidade a todo o esforzo que desde o municipio se está a facer para a posta en valor do seu patrimonio, coa recuperación de petroglifos, excavación do Castro de Mallou, o Monte Pindo e, sobre todo, o inconmensurábel esforzo feito durante o pasado verán para rescatar dos toxos a fortaleza da Torre dos Mouros, un proxecto promovido polo concello de Carnota, da man dun importante equipo técnico, comunicativo e voluntario.

Díptico das Xornadas
Nese senso, Mario Maceiras, secretario da Asociación Monte Pindo Parque Natural, pronunciou que o interese fundamental do seu colectivo é que asi sexa, e que este programa tan ambicioso debe servir para consolidar os ditos avanzos en materia de recuperación do patrimonio local, de xeito de que veciños e visitantes non só coñezan senón que poidan entender o verdadeiro significado, obxectivo e funcionalidade desas estructuras antigas que temos sementadas polos montes non só de Carnota senón de toda Galiza. Asi, convidou a toda a veciñanza, asi coma aos que aman o patrimonio e a historia de Galiza, a que aproveiten esta ocasión única para achegarse dun xeito tan completo a un período de 2500 anos que abarca desde os castros ata o derrube dos castelos medievais baixo as armas das Irmandades.

Interior do díptico
Por último, Carlos J. Galbán, historiador e coordinador técnico destas Xornadas, presentou o cartel e resumiu a programación, dividida en catro bloques temáticos: Castros e romanización, tardoantigüidade, castelos medievais e a súa destrución, e un bloque último dedicado a Comunicacións, é dicir, que quen queira poida presentar os seus propios traballos e reflexións sobre calquera tema relacionado dos que motivan as xornadas.

Palestra pública do venres sobre patrimonio
Asi mesmo, o venres a programación do Víndemo Ver acollía unha mesa redonda sobre o patrimonio local, a onde a nosa asociación tamén foi convidada, xunto co escritor Francisco X. Fernández Naval, o arqueólogo Lukas Santiago, o veciño e neodescubridor da Torre dos Mouros Jordi Tato, e o concelleiro de cultura Iván Franco. Este encontro coa veciñanza interesada nos nosos tesouros patrimoniais serviu para achegar posturas e ideas sobre os retos que o noso patrimonio nos obriga a enfrontar, as potencialidades para facer de Carnota un punto quente da xeografía galega á hora de ver nun só concello toda a evolución histórica que experimentou o noso país ata os nosos días, a través dos restos que nos foi deixando cada etapa.

27/03/13

Presentación das xornadas "De Castros a Castelos" en Carnota

Dentro do marco da II Mostra de Promoción Local "Víndemo Ver" de Carnota, a Asociación Monte Pindo Parque Natural vai presentar as Xornadas de Historia e Patrimonio "De Castros a Castelos" que se celebrarán na Casa do Concello de Carnota os vindeiros días 1 e 2 de xuño.

Nesta presentación falarán Natalia Conde, Carlos J. Galbán e Mario Maceiras, coordinadores de ditas xornadas, así como un representante do Concello de Carnota.

A presentación terá lugar o xoves 28 de Marzo ás 19:00h nos stands instalados na carpa da feira.

06/03/13

A Moa é feminino: Roteiro rosaliano ao Monte Pindo para reivindicar a muller traballadora

Cartel do evento
A Asociación Monte Pindo Parque Natural colabora por vez primeira coas actividades organizadas por Galiza Nova da Costa da Morte no Concello de Carnota con motivo do 8 de marzo, Día da Muller Traballadora, e farémolo como mellor sabemos.

O sábado 9 de marzo, quedamos na Praza da Solaina (O Pindo) ás 10:00 horas para emprender a subida clásica á Laxe da Moa, cumio do Olimpo Celta e inigualábel mirador situado a 627 metros sobre o Océano Atlántico. Unha vez ali, recitaremos versos do Cantares Gallegos, obra central da gran matriarca nacional Rosalía de Castro de cuxa publicación se cumpren agora 150 anos.

Desde hai séculos, tal vez miles de anos, o Monte Pindo está moi intimamente relacionado coa muller. Foron as mulleres as que ata hai medio século, cando aínda non existía a ponte do Ézaro nin a estrada actual, debían transitalo incluso a deshora, para mercar ou vender os seus produtos nas feiras do entorno; isto convertiríaas sen ningunha dúbida nas máximas coñecedoras dos seus camiños, lendas e ameazas, exceptuando os pastores que pasaban alí a maior parte do día. A muller foi protagonista dos ritos de fecundidade que se desenvolveron no Pico Penafiel ata tempos moi recentes, cando as parellas que non conseguían descendencia acudían a facer o amor a este simbólico macizo, o que segundo a tradición lles garantiría o arelado embarazo.

Mulleres de Lira, foto de Ruth Matilda Anderson en 1927
A muller tamén ten moita presenza no aspecto lendario deste monte inzado de mitos. Só lembrar que debaixo das augas do Cadoiro unha belísima princesa encantada e o seu inmenso tesouro agardan a todo cabaleiro que se atreva a cruzar esta fervenza temíbel, ou que tiñan que ter moito ollo cunha monstrosa serpe de sete cabezas (outro símbolo feminino) que levaría a desgraza a toda moza que atravesara desprevida o Rego Boitureiro; ata hai poucos anos recibían instrucións claras de atravesar este río ás carreiras. Noutro regato da zona, as leiteiras debían ciscar á auga unhas areas de sal se non querían que o prezado líquido que cargaban nas cabezas se convertese en sangue. A Raiña Lupa, esta poderosa figura feminina omnipresente na tradición oral galega, tamén está enterrada en cando menos 3 lugares distintos no Monte Pindo, con 7 millóns de ouro á cabeza e outros tantos nos pes. Hai moi poucos meses unha amiga, Laura Caamaño, revelounos a lenda inédita da "Casa de Dona Albara", a 25 pasos exactos da cal hai enterrada unha ola de prata chea de ouro; parecida á que os seus propios avós atoparon unha vez e, desilusionados por non conseguir un bo prezo por ela na Coruña, remataron por enterrala na horta, por sempre.

As mulleres, que numericamente supoñen o 32% da nosa Asociación, serán pois as grandes protagonistas desta emotiva xornada de reivindicación, mais todos estamos convidados a este acto sentido de homenaxe. iso si, lembrade traer roupa e calzado cómodos e axeitados ás condicións meteorolóxicas, auga e xantar. Coma sempre, non hai que pagar nada nin inscribirse, pero rógase puntualidade.

01/03/13

As históricas Xornadas "De Castros a Castelos" traerán en xuño a Carnota aos maiores expertos na época castrexa ata os castelos medievais

Durante dous mil cincocentos anos, boa parte de Galicia foi unha paisaxe fortificada. Desde a Idade do Ferro ata a caída dos Irmandiños a finais da Idade Media, Galicia viviu un intenso proceso de fortificación e construción de estruturas defensivas e militares. Comprender os procesos de cambio, as causas da fortificación e da súa decadencia son as claves das Xornadas de Historia e Patrimonio "De Castros a Castelos" (programa e inscricións en xornadas.montepindo.org), que se celebrarán na Casa do Concello de Carnota o 1 e 2 de xuño, organizadas pola Asociación Monte Pindo Parque Natural. Será unha das primeiras ocasións nas que se achegue deste xeito ao proceso de fortificación de Galicia.

Entre os temas cruciais que durante dous días debullarán boa parte da nosa historia, non podían faltar os castros, a romanización e o abandono deles, as posibles grandes fortificacións da tardoantigüidade, nin os castelos roqueiros erixidos para salvar as nosas costas dos saqueo por mar, ou a edificación de maxestuosas fortalezas onde se estabeleceron os centros de poder galegos ata a súa destrución polo encolerizado pobo que se organizou nas irmandades. Tamén gardamos un oco importante para o uso militar -non tan coñecido- das edificacións relixiosas coma a propia Catedral de Compostela.

Cabeceira da páxina web do evento, xornadas.montepindo.org
En primeiro lugar, o sábado 1 a partir das 10 da mañá centrará o debate o mundo dos castros e a chegada dos romanos que transformou radicalmente a nosa verdade. Desta complexa misión encargaranse Rafael M. Rodríguez Martínez, licenciado en Historia pola USC; Xurxo M. Ayán Vila, doutor en Prehistoria e Arqueoloxía pola USC e investigador no Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSICLuis Cordeiro Maañón, licenciado en Historia pola USC, quen elaborou a parte arqueolóxica do PXOM carnotán; Antón F. Malde, arqueólogo e director do Proxecto Torre dos Mouros e Felipe Arias Vilas, Licenciado en Filosofìa e Letras pola USC e director do Museo do Castro de Viladonga. Este bloque rematará cun debate aberto e cunha visita guiada ao Castro de Mallou para explicar in situ estas análises antes de xantar.

A continuación, xa pola tardiña ocupará o centro de atención a tardoantigüidade e os aínda pouco coñecidos "castelos baleiros", unhas curiosísimas edificacións nos cales a sociedade depositaba a súa propia defensa, e os castelos roqueiros que a historia atribúe a Sisnando II para defender as costas galegas dos saqueos desde mar de pobos tan lonxanos coma os musulmáns ou os normandos. Nomes coma José Carlos Sánchez Pardo, licenciado en Historia e doutor en Historia Medieval pola USC; Dr. Manuel Gago Mariño, doutor en CC. da Información pola USC, xornalista e director de culturagalega.org; Manuel Recuero Astray, catedrático de Historia Medieval pola UDC; novamente Antón F. Malde, ou xa desde a comunidade local Mario Maceiras Dosil, secretario da Asociación Monte Pindo Parque Natural, ocuparán estas palestras que rematarán con debate e visita á Torre dos Mouros, singular xacemento escavado o pasado verán no monte de Lira.

A xornada do domingo debullará desde a partir das 9:30 horas a cuestión dos castelos medievais ata a súa destrución pola revolta irmandiña, etapa na que serán protagonitas Carlos J. Galbán Malagón, licenciado en Historia pola USC e doutor pola UB; Julio Vázquez Castro, licenciado, doutorado e profesor titular de Historia da Arte na USC; Xosé Manuel Sánchez Sánchez, doutor en Historia Medieval pola USC e arquiveiro da Catedral de Santiago; Natalia Conde Cid, licenciada en Historia da Arte pola USC; David Chao Castro, licenciado en Xeografía e Historia e doutor en Historia da Arte pola USC, e Anselmo López Carreira, licenciado e doutor en Xeografía e Historia na USC. Nesta ocasión o bloque rematará cunha visita guiada ao Castelo de San Xurxo, no Monte Pindo.

Por último, e non menos importante, "De Castros a Castelos" terá as portas abertas a todo aquel que teña algo que dicir mediante o chamado bloque de Comunicacións. Quen o desexe pode propoñer á organización un tema relacionado co período que abarca este evento, con só enviar un resumo da súa idea a xornadas@montepindo.org. Os coordinadores escollerán as 8 achegas máis interesantes, que terán cadansúa ponencia na tarde do domingo.
E todo isto cunha cota de inscrición simbólica que incluirá ata xantar e aloxamento, cousa que sen dúbida moitos agradecerán nos tempos que corren. A Asociación Monte Pindo Parque Natural, que organiza o evento coa colaboración de distintas institucións, aspira a que estas Xornadas non sexan só do interese académico, estudantil e profesional, senón que sirvan para que o conxunto da sociedade se reencontre co seu pasado mediante a análise das súas casas e defensas, e en definitiva dunha etapa da nosa Historia cuxos restos materiais ás veces parecen tan difíciles de comprender. 

Se é certo que, como asegurou algún investigador, esta idea nunca antes se lle ocurrira a ninguén, é a nosa obriga convidar a que ninguén desaproveite esta ocasión única.