Cartaz da Convocatoria |
A convocatoria, lanzada polos propios veciños de Valenza e Cereo, e apoiada pola Plataforma pola defensa de Corcoesto e unha multitude de organizacións entre as que desde agora se conta Asociación Monte Pindo Parque Natural, pide axuda para esixir das autoridades que recúen no seu apoio decidido a estas explotacións de consecuencias catastróficas para o entorno natural e humano (asi se ven constatando en multitude de experiencias anteriores en todo o mundo), e que as políticas a tomar en consideración non sexan as que pasen por destruir o territorio, contaminar as augas e destruír as formas de vida tradicionais.
O dito: domingo 17, ás 18:00h, todos en Coristanco!
Ten prexuízos a minaría de ouro a ceo aberto?
A Asociación Monte Pindo Parque Natural vén de levar a cabo un estudo de varios aspectos relacionados con este tipo de explotacións, centradas por suposto no caso particular de Corcoesto pero tamén extrapolados a outros casos. Os datos deste traballo aterrorizana a calquera. Para mellor comprensión de todos os nosos visitantes, sintetizámolas nas seguintes infografías que podedes divulgar libremente.
Por cada gramo de ouro extraído úsase suficiente cianuro para matar 128 persoas |
Menos do 0,001% da terra removida en Corcoesto será outra cousa que entullo e residuos, e desa mínima parte, só o 0,25% será ouro |
O metro cadrado expropiado en Corcoesto é máis barato ca convidar a unha cervexa. A empresa asegura que o prezo "realista" sería o dun paquete de chicles |
A diferencia visual entre a instalación de Corcoesto e as minas tradicionais |
No burato de Corcoesto poderase soterrar a Torre Eiffel e apenas sobresairá a antena |
A mina de Corcoesto ocupará a superficie de 763 campos de fútbol regulamentarios |
A auga contaminada enchería 10 estadios Santiago Bernabeu |
Un só kg de material informático reciclado xera 5 veces máis ouro que mil quilogramos de terra estragada en Corcoesto |
Coma sempre, é absurdo tratar de obxectivar cantos postos de traballo xustifican a destrución dun espazo natural. Un bo caso témolo nalgunhas piscifactorías que de prometer centos de postos de traballo a meses da apertura iniciaron a súa actividade con apenas unha ducia de prazas de aparcamento para os empregados, ou as instalacións industriais que contaminaron bancos marisqueiros, sen que os postos de traballo da nova instalación igualaran sequera os destruidos.
Asi mesmo hai outro aspecto que se ve resentido para sempre por calquera instalación cun impacto visual semellante: o turismo e o sector servizos.
Porén tamén parece quedar en evidencia que diferentes poderes políticos e económicos interesados en que a explotación saia adiante están absolutamente inmersos nunha campaña de confusión sobre a suposta (e nunca garantida) creación masiva de postos de traballo, unha práctica que as organizacións opostas a este tipo de proxectos denuncian por pretender aproveitar os duros momentos económicos e sociais que vivimos para granxearse as simpatías das persoas máis afectadas.
Velaquí temos varios titulares que recopilamos nos últimos meses sobre o caso de Corcoesto:
"Creará unos 1.400 puestos de trabajo"
Alberto N. Feijóo (Presidente da Xunta), EP, 25/06/11
"La mina de oro de Corcoesto dará empleo directo a 271 trabajadores"
ECG, 01/04/12
"La empresa que buscará oro asegura que reservará 140 de los 271 empleos a residentes en la comarca"
LA OPINIÓN, 17/05/12
"Me comentaron que querían emplear a 100 personas"
José Muiño (Alcalde de Cabana), EL MUNDO, 25/09/11
Fonte: Edgewater |
Hoxe pode que non, mañá tampouco, pero pasado pode que sexan as túas terras as expropiadas a 1 euro e 20 céntimos, para que uns señores que nunca coñeceremos se fagan moito máis ricos aínda e desaparezan das nosas vidas para sempre, deixando nelas tan só a paisaxe destrozada e cianuro na túa fonte.
Non desertemos da terra cando precisa da nosa axuda, coma ela non deserta cando nós precisamos dela.