21/01/13

Un poemario dedicado ao Monte Pindo gaña o certame de poesía do concello de Negreira

Rafael Lema con parte do xurado. Fonte: A Nosa Costa
O escritor camariñán Rafael Lema Mouzo levou novamente o Olimpo Celta ata o máis alto, tras facerse co I Premio Xosé M. López Ardeiro, certame de poesía organizado polo Concello de Negreira. O poemario "Alturas do Monte Pindo" resultou gañador por decisión unánime do xurado conformado por Xulio López Valcarcel, Miguel Anxo Fernán Vello, Xosé Antón Ponte Far e dúas mestras do instituto nicrariense. O premio vai ser a publicación desta obra en formato libro.

"Alturas do Monte Pindo" describe en seis partes a ascensión ao macizo granítico carnotán mentras o autor vai evocando as súas lendas, describindo as rochas significativas e a costa que se abre aos pés da mole de granito rosa, "que medra asombrando a Fisterra" e "onde o home rende tributo aos seus maiores, a súa fala, co pais debaixo, a súa sombra, coma un ave deitada".

En recentes declaracións ao dixital A Nosa Costa, Rafael Lema explicou que a inspiración para a súa obra deuse ao pouco de saber da existencia deste certame que rematou por gañar, malia que levaba un tempo alonxado da poesía lembrou unha recente visita ao enclave natural, segundo dixo, "buscando as claves do que fomos e do que somos ollando a patria desde as alturas do mítico monte, a nosa montaña máxica".

A Asociación Monte Pindo Parque Natural quere felicitar a Rafael Lema por este éxito que se verá proximamente traducido no seu sétimo poemario editado, e tamén queremos aproveitar para agradecer o seu contributo a ampliar a base bibliográfica sobre este monte e tamén que brindara este libro á salvagarda do Monte Pindo e ao seu recoñecemento coa declaración de Parque Natural. De seguro coa súa axuda estamos un pasiño máis preto.