25/01/13

Alarmante incremento das incursións ilegais de motos no Monte Pindo

Desgrazadamente esta imaxe volve a estar de actualidade.
A Asociación Monte Pindo Parque Natural quere denunciar publicamente as continuadas incursións de vehículos a motor polo Monte Pindo. Trátase principalmente de motos off-road que ascenden polo lugar do Fieiro desbastando as pedras que se atopan ao seu paso e que están a desfacer completamente os camiños que tanto nos esforzamos por recuperar e manter limpos: nalgúns casos atopámonos xa con auténticas zanxas de máis dun metro de profundidade, difíciles de sortear ata polos sendeiristas que pretenden disfrutar deste espazo natural que os nosos antergos tiñan polo seu monte sacro.

Ademais de constituir un importante perxuízo para a recuperación natural da biodiversidade deste monte tan degradado e abandonado nas últimas décadas, a presenza continuada de vehículos de motor supón un importante factor de incendio e tamén un risco para a vida e a saúde dos propios aficionados, expostos a sufrir todo tipo de accidentes nun entorno practicamente inaccesíbel non sendo con medios de rescate aéreos, como ten pasado en repetidas ocasións.

Aspecto actual dalgúns camiños que nos
esforzamos en manter limpos e coidados 
Ata agora mantivemos unha actitude dialogante cos aficionados, aos que se lles lembra que a prohibición é expresa e que ademais existen miles de sitios onde poder espallar esta disciplina sen invadir un espazo natural virxe que conta con máis de 30 especies protexidas. Esta boa relación pareceu manterse durante bastante tempo, e as incursións de vehículos de motor chegaron a ser anecdóticas, e aínda neses casos limitámonos a presentar a denuncia ante o SEPRONA sen identificar aos infractores.

Desgrazadamente esta semana recibimos un aviso de que esta práctica volve a estar totalmente de moda, o que deixa completamente evidente que ningunha autoridade está a actuar neste ámbito, aínda que sexa de xeito puramente disuasorio. É por iso que nos vemos na obriga de esixir tanto aos clubes como aos particulares que cesen inmediatamente estas incursións, ou ben no futuro deberemos comezar a esixir ás autoridades que cumplan co seu deber na zona, mesmo no referente a sancións.

O aspecto legal
A primeira norma que veta expresamente o trafego libre de vehículos a motor polos montes data de hai xa unha década coa aprobación no eido estatal da Ley 43/2003 de montes.

A Xunta de Galiza foi máis alá e incorporou o pasado verán esta norma ao seu propio regulamento prohibindo con carácter xeral a circulación de vehículos a motor tanto polo medio do monte como polas pistas forestais fóra da rede oficial de estradas, marcando iso si determinadas excepcións cando se trate de camiños que presten acceso a fincas e vivendas, vehículos de extinción ou de xestión forestal, e "abranda" a lei estatal no caso das persoas que conten con permiso de caza ou pesca.

Deste xeito rematouse en Galiza, polo menos sobre o papel, coa circulación libre e cada vez máis habitual de quads, todoterreos ou motos de enduro polos nosos montes, exceptuando as prácticas deportivas autorizadas expresa e excepcionalmente pola Administración nacional.

Instantes previos ao III Trial Concello de Carnota. Fonte: QPC
A Asociación Monte Pindo Parque Natural concorda coa celebración de actividades deportivas a motor sempre e cando se fagan con escrupuloso respecto coa legalidade, nun entorno controlado e cos permisos necesarios, como se ven desenvolvendo no noso concello coa celebración do exitoso Campionato Concello de Carnota de Trial, organizado polo Club Motociclista de Teo e puntuábel para o campionato galego.

Neste senso estamos totalmente abertos ao diálogo con todo tipo de colectivos motociclistas e tamén con afeccionados a esta disciplina na comunidade local, pois entendemos que a nosa función debe ser a didáctica e non a de ser unha especie de "policías do monte", salvo que directamente haxa quen sendo coñecedor da situación decida seguir facendo caso omiso e actuando coma se este monte mítico de todos sexa un simple circuito de usar e tirar para algún.

Artigo 98.2 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.
2. A circulación con vehículos de motor por pistas forestais que non sexan de uso público ou situadas fóra da rede de estradas quedará limitada:
a) Ás servidumes de paso a que houber lugar, e non se poderá facer en actitude de condución deportiva.
b) Á xestión agroforestal, incluída a actividade cinexética e piscícola.
c) Aos labores de vixilancia e extinción das administracións públicas competentes.
Queda prohibida a circulación motorizada campo a través, por sendeiros, por devasas ou por vías de saca de madeira, agás para aqueles vehículos vinculados á xestión agroforestal, incluída a actividade cinexética e piscícola, á prevención e defensa contra incendios forestais, aos labores de vixilancia e tutela propios das administracións públicas e aos eventos e ás actividades que fosen autorizados pola Administración forestal consonte o artigo 88 desta lei.

Artigo 127 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que se sanciona:
  • A realización de actos no monte, incluídos os deportivos de motor, que comporten unha afluencia de público indeterminada ou extraordinaria, ou de actividades relacionadas co tránsito motorizado, sen estaren recollidos nun instrumento de ordenación ou de xestión forestal ou sen contar coa preceptiva autorización nos termos sinalados no artigo 88 desta lei.
  • (...) 1. A circulación con vehículos de motor por pistas forestais que estean debidamente sinalizadas e que non sexan de uso público ou estean situadas fóra da rede de estradas e non formen parte das servidumes de paso, cando esta non se faga consonte as limitacións ou a autorización requiridas nos artigos 98.2 e 88.
  • (...) 2. A circulación motorizada campo a través, por sendeiros, por devasas ou por vías de saca de madeira, agás para aqueles vehículos vinculados á xestión agroforestal, prevención e defensa contra incendios forestais, aos labores de vixilancia e tutela propios das administracións públicas e aos eventos e ás actividades que fosen autorizados pola Administración forestal consonte o artigo 88.
A comisión de calquera destas faltas, algunhas delas tipificadas coma moi graves, están sancionadas coa obriga de reparar os danos causados, indemnizar polos danos non reparábeis, ademais dunha sanción económica ou penal.