30/01/13

O río Xallas, desbocado, devolve ao Cadoiro imaxes máis propias de hai dous séculos

O Cadoiro, hai uns minutos. Foto: Juan Louro
A natureza sempre acaba por reclamar o que é seu. O último treito do río Xallas ao pasar polo Monte Pindo, famoso desde hai séculos no mundo enteiro por ser o único de Europa que desauga en fervenza sobre o Océano Atlántico, recupera o seu caudal grazas ás intensas choivas e escorrentías dos últimos días, que obrigaron a que a central hidroeléctrica que zuga os seus kilovatios de potencia desde hai máis dun século tivese que deixalo ceibo ante a ameaza de que a crecida do caudal estragara as instalacións da antiga Hidroeléctrica do Pindo, hoxe Ferroatlántica.

Foto: Juan Louro
Resulta certamente abraiante a imaxe da auga bruando monte abaixo ata esmagarse con virulencia contra as paredes pétreas do canón que a propia auga arou ao cabo de millóns de anos a través do Monte Pindo despois de ducias de metros de caída libre no punto coñecido coma Cadoiro do Xallas ou do Pindo (pronunciado na voz popular Coaduiro) desde os tempos do Padre Sarmiento, malia que en tempos máis recentes fose rebautizada coma Fervenza do Ézaro. O "progreso" privounos de poder disfrutar en calquera momento da privilexiada estampa que estudosos da natureza viñan buscando desde hai centos de anos, para o que percorrían de ser preciso milleiros de quilómetros de distancia.

Video: Ezaro.com