Afeitos as espectaculares panorámicas de Nova Zelanda que hoxe son moi populares ineternacionalmente por ambientar o mundo fabuloso do "Señor dos Aneis", o equipo de Peter Jackson reparou en que o espectacular macizo granítico do Monte Pindo é unha opción viábel para a rodaxe de varias escenas da terceira e última parte de "O Hobbit", que se unirá a Nova Zelanda e os estudos Stone Street, de Wellington coma localizacións elixidas.
Só hai uns meses que se confirmou que habería terceira parte, que se subtitulará na súa versión orixinal "The Hobbit: There and Back Again", polo que de momento non podemos anticipar máis información, cales serán as escenas gravadas ou se tal vez os actores da saga pisarán a Costa da Morte: Ian McKellen (Gandalf), Martin Freeman (Bilbo Baggins) e Richard Armitage (Thorin Oakenshield), actores principais, ou ben o retorno de coñecidos personaxes de "O Señor dos Aneis" coma Cate Blanchett, Orlando Bloom, Christopher Lee, Hugo Weaving, Elijah Wood e Andy Serkis (Gollum), que nesta ocasión desenvolverán papeis secundarios.
Sexa como sexa, a Asociación Monte Pindo xa ofreceu a súa total colaboración coa produtora e celebra esta gran noticia pois considera que a aparición do Monte Pindo nunha das sagas literarias e cinematográficas máis exitosas da historia suporá un antes e un despois para o seu coñecemento a nivel mundial.