Ilustración no disco Sons da lubre nas noites de luar |
Tamén conten un DVD co concerto gravado en directo en Santiago de Compostela o 31 de xullo deste 2012. No DVD está a peza Monte Pindo, peza que Luar Na Lubre adicou o noso querido monte e serviu para dar a coñecer a reclamación do Parque Natural por todo o estado español. Alí onde os Luar Na Lubre acoden a dar un concerto sempre tocan esta preciosa composición, informando o publico que aló nos confíns da terra hai un monte,que os nosos vellos consideraban sagrado, e que unha asociación loita para que sexa declarado Parque Natural.
O pack trae un libriño preciosamente ilustrado por Estefanía Dominguez Cagigao. Nel aparece o Xigante e Penafiel e a fervenza do Coadoiro (nela pódese ler Monte Pindo Parque Natural!).
Nonito Pereira conta no libriño que Mike Oldfield estivo no Monte Pindo. En 1996 volve a dar a badalada, esta vez co seu novo disco The Voyager, no que o músico británico relata en clave celta unha viaxe musical que remata no alto dunha montaña que persoalmente asocio co Monte Pindo que se eleva sobre o mar e na que se poden descubrir fascinantes inscricións célticas, que el visitará na súa estancia galega. A viaxe iniciase, segundo el mesmo escrebe na folla promocional nas frondosidades dun bosque de Galicia onde o son do vento conta historias e evoca lendas.Quería capturar neste disco o espírito do mundo mitolóxico e intentar evocar as lendas dos antigos celtas.
Hoxe ás 20:30 no auditorio Gustavo Freire de Lugo, Luar Na Lubre dará un concerto de presentación do novo disco e cederá o 5% da recadación á nosa asociación. Animámosvos a todos os socios e seareiros que acudades a Lugo a escoitar a estes marabillosos músicos, e de paso colaboradedes ao financiamento de Monte Pindo Parque Natural.
Non podemos máis que dar novamente as grazas a Luar Na Lubre por todo canto fan para conseguir o Parque Natural do Monte Pindo.