21/12/12

A Asociación Monte Pindo desexate un bo nadal e un mellor ano 2013!


Chegou o solsticio de inverno, e chegou tamén o momento de ollar atrás, ver en que acertamos e erramos. Pero sobre todo, é un bo momento para lembrarmos aqueles e aquelas que nos impulsan durante todo o ano a seguir loitando polos nosos soños. Esa loita non tería sentido sen o alento das miles de persoas e centos de entidades que en maior ou menor medida nos apoiades e axudades para que vaiamos avanzando con paso firme cara a realización dun proxecto, a declaración do Monte Pindo como Parque Natural, que hai só dous anos soaba a utopía mais que pode estar a un só paso de acadarse.

Comprácenos anunciarvos que en breve teremos unha reunión co Conselleiro de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, Agustín Hernández Fenrández de Rojas, coa sinceira esperanza que será a definitiva antes de asentárense os piares para a declaración, nesta lexislatura, do Parque Natural do Monte Pindo.

Desde logo aquí estaremos un ano máis, ao igual que o Apalpador, para ben agradecerlle que por fin teña en conta a inxente demanda social cunha deliciosa presa de castañas, ou ben para deixarlle un anaco de carbón con forma de presión e reivindicación cidadá ata que entenda que o Olimpo Celta dos galegos, o monte sacro dos seus antergos, está ameazado e abandonado e non pode ser así.

Moitísimas grazas a todas e todos vós por acompañarnos nesta andaina con paso firme e paciente, sabendo que nada nos vai vir dado, mais sen renunciar a facer o que cremos que debemos facer. En definitiva, sen deixar de facer vosa a sabia reflexión de Eduardo Galeano:
"A utopía está no horizonte. Camiño dous pasos, ela alónxase dous pasos e o horizonte vaise dez pasos máis aló. Entón para que serve a utopía? Para iso, serve para avanzar."

BO NADAL
BO SOLSTICIO DE INVERNO
FELIZ ANO 2013
QUE TEÑADES UNHAS BOAS FESTAS!