28/12/12

O Señor dos Aneis chega ao Monte Pindo en 2013

Só uns meses despois de confirmarse a rodaxe da secuela, hoxe podemos anunciar que o terceiro e último filme da adaptación cinematográfica da obra tolkiana "O Hobbit", precursora da célebre triloxía "O Señor dos Aneis", rodarase parcialmente no Olimpo Celta.

Afeitos as espectaculares panorámicas de Nova Zelanda que hoxe son moi populares ineternacionalmente por ambientar o mundo fabuloso do "Señor dos Aneis", o equipo de Peter Jackson reparou en que o espectacular macizo granítico do Monte Pindo é unha opción viábel para a rodaxe de varias escenas da terceira e última parte de "O Hobbit", que se unirá a Nova Zelanda e os estudos Stone Street, de Wellington coma localizacións elixidas.

Cando menos iso é o que nos transmitiron responsábeis dos estudos Warner Bros e MGM que veñen de porse en contacto coa nosa Asociación para visitar a principios de 2013 varios espazos emblemáticos do Monte Pindo e comprobar a súa ideoneidade á hora de encaixar algunha das secuencias que formarán parte do filme que prevén estrear nas salas de todo o mundo o 8 de xullo de 2014.

Só hai uns meses que se confirmou que habería terceira parte, que se subtitulará na súa versión orixinal "The Hobbit: There and Back Again", polo que de momento non podemos anticipar máis información, cales serán as escenas gravadas ou se tal vez os actores da saga pisarán a Costa da Morte: Ian McKellen (Gandalf), Martin Freeman (Bilbo Baggins) e Richard Armitage (Thorin Oakenshield), actores principais, ou ben o retorno de coñecidos personaxes de "O Señor dos Aneis" coma Cate Blanchett, Orlando Bloom, Christopher Lee, Hugo Weaving, Elijah Wood e Andy Serkis (Gollum), que nesta ocasión desenvolverán papeis secundarios.

Sexa como sexa, a Asociación Monte Pindo xa ofreceu a súa total colaboración coa produtora e celebra esta gran noticia pois considera que a aparición do Monte Pindo nunha das sagas literarias e cinematográficas máis exitosas da historia suporá un antes e un despois para o seu coñecemento a nivel mundial.

21/12/12

A Asociación Monte Pindo desexate un bo nadal e un mellor ano 2013!


Chegou o solsticio de inverno, e chegou tamén o momento de ollar atrás, ver en que acertamos e erramos. Pero sobre todo, é un bo momento para lembrarmos aqueles e aquelas que nos impulsan durante todo o ano a seguir loitando polos nosos soños. Esa loita non tería sentido sen o alento das miles de persoas e centos de entidades que en maior ou menor medida nos apoiades e axudades para que vaiamos avanzando con paso firme cara a realización dun proxecto, a declaración do Monte Pindo como Parque Natural, que hai só dous anos soaba a utopía mais que pode estar a un só paso de acadarse.

Comprácenos anunciarvos que en breve teremos unha reunión co Conselleiro de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, Agustín Hernández Fenrández de Rojas, coa sinceira esperanza que será a definitiva antes de asentárense os piares para a declaración, nesta lexislatura, do Parque Natural do Monte Pindo.

Desde logo aquí estaremos un ano máis, ao igual que o Apalpador, para ben agradecerlle que por fin teña en conta a inxente demanda social cunha deliciosa presa de castañas, ou ben para deixarlle un anaco de carbón con forma de presión e reivindicación cidadá ata que entenda que o Olimpo Celta dos galegos, o monte sacro dos seus antergos, está ameazado e abandonado e non pode ser así.

Moitísimas grazas a todas e todos vós por acompañarnos nesta andaina con paso firme e paciente, sabendo que nada nos vai vir dado, mais sen renunciar a facer o que cremos que debemos facer. En definitiva, sen deixar de facer vosa a sabia reflexión de Eduardo Galeano:
"A utopía está no horizonte. Camiño dous pasos, ela alónxase dous pasos e o horizonte vaise dez pasos máis aló. Entón para que serve a utopía? Para iso, serve para avanzar."

BO NADAL
BO SOLSTICIO DE INVERNO
FELIZ ANO 2013
QUE TEÑADES UNHAS BOAS FESTAS!

14/12/12

Luar na Lubre brinda a presentación en Lugo do seu novo disco á protección do Olimpo Celta

Ilustración no disco Sons da lubre nas noites de luar
Os nosos amigos de Luar Na Lubre vén de publicar o seu último disco Sons da lubre nas noites de luar: Un bo agasallo para este Nadal. Este pack conten tres CD co mellor da música celta a nivel internacional. Un percorrido pola historia deste senlleiro grupo tan comprometido ca defensa da lingua e a cultura de Galiza por todo o mundo.

Tamén conten un DVD co concerto gravado en directo en Santiago de Compostela o 31 de xullo deste 2012. No DVD está a peza Monte Pindo, peza que Luar Na Lubre adicou o noso querido monte e serviu para dar a coñecer a reclamación do Parque Natural por todo o estado español. Alí onde os Luar Na Lubre acoden a dar un concerto sempre tocan esta preciosa composición, informando o publico que aló nos confíns da terra hai un monte,que os nosos vellos consideraban sagrado, e que unha asociación loita para que sexa declarado Parque Natural.

O pack trae un libriño preciosamente ilustrado por Estefanía Dominguez Cagigao. Nel aparece o Xigante e Penafiel e a fervenza do Coadoiro (nela pódese ler Monte Pindo Parque Natural!).

Nonito Pereira conta no libriño que Mike Oldfield estivo no Monte Pindo. En 1996 volve a dar a badalada, esta vez co seu novo disco The Voyager, no que o músico británico relata en clave celta unha viaxe musical que remata no alto dunha montaña que persoalmente asocio co Monte Pindo que se eleva sobre o mar e na que se poden descubrir fascinantes inscricións célticas, que el visitará na súa estancia galega. A viaxe iniciase, segundo el mesmo escrebe na folla promocional nas frondosidades dun bosque de Galicia onde o son do vento conta historias e evoca lendas.Quería capturar neste disco o espírito do mundo mitolóxico e intentar evocar as lendas dos antigos celtas.

Hoxe ás 20:30 no auditorio Gustavo Freire de Lugo, Luar Na Lubre dará un concerto de presentación do novo disco e cederá o 5% da recadación á nosa asociación. Animámosvos a todos os socios e seareiros que acudades a Lugo a escoitar a estes marabillosos músicos, e de paso colaboradedes ao financiamento de Monte Pindo Parque Natural.

Non podemos máis que dar novamente as grazas a Luar Na Lubre por todo canto fan para conseguir o Parque Natural do Monte Pindo.