23/11/12

A Torre dos Mouros xa ten o seu cómic

Portada da BD de Manel Cráneo
Boas novas para todo amante do patrimonio arqueolóxico galego, e do carnotán en particular. O artista gráfico Manel Cráneo e o equipo do Proxecto Torre dos Mouros van presentar o vindeiro venres 30 de novembro, a partir das 19:30 horas no Salón de Actos do Concello de Carnota, a banda deseñada "A Torre dos Mouros", unha esperadísima obra gráfica que procura explicar visualmente como puido ser a vida dos nosos ancestros no recinto amurallado do Monte do Castro en Lira.

O acto tamén servirá ao equipo para presentar as conclusións da Campaña 2012 de voluntariado neste espazo tan singular, e que deixaron multitude de achados que non deixan de sorprendernos mesmo aos que desenvolvemos boa parte da nosa vida nesta zona sen decatarnos do magnífico tesouro que xacía desapercibido baixo unha mesta capa de toxos a pouca distancia das nosas casas.

A Asociación Monte Pindo Parque Natural, que apoiou o proxecto desde o primeiro momento, sendo mesmo os responsábeis de por en contacto a Jordi Tato, neodescubridor do recinto, co equipo de inmensos profesionais e especialistas que finalmente porían a cara e a súa experiencia para crear esta exitosa iniciativa, convida agora a todos os nosos amigos e colaboradores a participar neste evento tan importante para o noso patrimonio.

Ademais, a todo o voluntariado que participou en calquera fase do proxecto, o equipo vaille regalar un exemplar dedicado polo autor. Para iso é necesario inscribirse nesta páxina. A filosofía de socializar os descubrimentos que marcou o proxecto desde os seus inicios tamén significa que se lle agasallará un exemplar a todos os nenos e nenas do noso concello.

Para todos e todas as que non poidan achegarse a Carnota o vindeiro venres, indicarlles que terán unha nova oportunidade nas seguintes datas:

  • XOVES, 13 DE DECEMBRO. Santiago de Compostela. Biblioteca Ánxel Casal ás 20 horas. Presentación da BD de Manel Cráneo.
  • VENRES, 14 DE DECEMBRO. A Coruña. Pub Dublín ás 20 horas. Barferencia sobre a Torre dos Mouros con presentación da BD e exposición de orixinais do cómic.

Non volo perdades! Velaquí un petisco para ir abrindo o apetito. Como vedes, o Monte Pindo tamén leva a súa parte!