Merche Díaz, Ana Pontón, Modesto Fraga, Xilberto Caamaño e Ramón Noceda (Fonte: Propia) |
O BNG inclúe a declaración no seu programa electoral
Ana Pontón lembrou que o BNG xa trasladou a declaración ao debate do Parlamento nesta Lexislatura. Malia que naquel momento a proposta fóra rexeitada polo grupo maioritario, a candidata reiterou o compromiso decidido coa demanda social que leva ata no seu programa electoral (PDF, páx.29).
Porén, os presentes coincidiron en que a declaración non é suficiente por si mesma, senón se acompaña dunha serie de estratexias e medidas que ademais de protección e divulgación dos valores naturais e patrimoniais, sirva para dinamizar a zona e xerar desenvolvemento económico, postos de traballo e en definitiva que repercuta no incremento da calidade de vida na poboación do seu entorno.
Puxo como exemplos algunhas experiencias en Francia, onde se crearon planos de xestión participativos para potenciar estes espazos naturais, de xeito que hoxe son moi ben valorados polos cidadáns e ademais repercute en importantes investimentos nas áreas rurais.
Mario Maceiras, Xilberto Caamaño, Ana Pontón, Merche Díaz e Ramón Noceda (Fonte: Propia) |
Ana Pontón denuncia o uso clientelar das restricións nos espazos naturais
Neste extremo, Ana Pontón incluso vai máis alá, denunciando que o PP usou discrecionalmente as supostas restriccións que conleva protexer un espazo. Ilustrouno co exemplo de que nalgúns espazos naturais a Xunta impediu usos tradicionais como pode ser a explotación forestal sostible, mentras que noutros permitiu que se asentaran industrias contaminantes sen poñer ningunha traba, o que contravén o espíritu da conservación natural e demostra o uso clientelar que se vén facendo deste tipo de figuras.
O BNG aposta por un modelo alternativo de xestión dos espazos naturais, dixo Ana Pontón, que sexa democrático, participativo e respecte os usos tradicionais do monte. No caso do Monte Pindo observa unha serie de potencialidades que o Parque Natural debe aproveitar, como que non existen núcleos poboados no seu interior, nin tampouco explotacións industriais ou actividade económica algunha que choque co espíritu dun espazo natural protexido. Pola contra, considera que coa declaración de Parque Natural este monte ata agora abandonado convertirase nun completo revulsivo para toda a zona polo que debe ser unha aposta firme e de futuro.
Ramón Noceda: "O parque natural non suporá máis restriccións que as que xa temos"
Xilberto Caamaño: "Se é para o Pindo hai crise, pero se é para Guadarrama non"
Xilberto Caamaño, presidente da Asociación Monte Pindo Parque Natural, comentou que xa visitou a maioría dos parques naturais galegos e algúns do resto do Estado, e que viu moitísimas cousas positivas pero tamén algunhas negativas, polo que debemos tomar boa nota e tratar de que o Parque Natural do Monte Pindo conte coa participación do tecido veciñal, social e económico, para que se faga do xeito máis vantaxoso para todos os sectores da sociedade. Ademais lembrou que o PP (que no fondo está dacordo coa declaración) dixo que o Parque Natural do Monte Pindo ten que esperar tempos mellores, mentras que acaban de declarar como Parque Nacional a Serra de Guadarrama (Madrid), na que cabería 20 veces o macizo carnotán.
A Asociación Monte Pindo Parque Natural agradece que a candidata nacionalista contara coa nosa entidade na súa axenda con motivo da vindeira cita electoral.