08/10/12

A Asociación Monte Pindo recibe este xoves ao BNG

Ana Pontón (Fonte: Galipedia)
Tal e como era de esperar un dos temas estrela do segundo tempo da VIII Lexislatura do Parlamento Galego, a declaración do Monte Pindo como Parque Natural, irrumpiu con forza nas Eleccións Galegas 2012.

A candidata do BNG pola provincia da Coruña, Ana Pontón Mondelo, xunto con outros membros da súa formación, manterán unha reunión coa nosa entidade para coñecer de primeira man a nosa actividade e explicarnos as súas propias propostas para o medio ambiente galego en xeral e o Monte Pindo en particular. A xuntanza terá lugar no Pindo o vindeiro xoves 11 de outubro a partir das 11 da mañá. 

No encontro, que foi solicitado polo BNG o pasado 14 de setembro, estaba inicialmente programada a presenza do candidato nacionalista a presidir a Xunta, Francisco Jorquera Caselas, tal e como vos adiantamos o día 27 de setembro nas redes sociais Facebook e Twitter. Finalmente impediuno o debate entre Jorquera e o actual presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo na TVG.

En calquera caso a Asociación Monte Pindo Parque Natural valora positivamente que as forzas políticas galegas teñan en consideración o noso colectivo e a demanda cidadá a favor do Parque Natural na carreira a presidir a Xunta, dado que este organismo é o máximo responsábel da dita declaración.  De feito o conxunto das forzas políticas do arco parlamentario galego (PP, PSOE e BNG), asi como algunhas non representadas no hemiciclo, xa nos expresaron que están de acordo con que o Monte Pindo debe declararse Parque Natural. É por isto que nos amosamos totalmente abertos a escoitar a calquera formación política que teña interese en facer chegarnos o seu parecer e as súas propostas.

Nas pasadas eleccións municipais fora a propia Asociación quen solicitara unha xuntanza con cada forza que presentaba candidatura en Carnota (PP, PSOE e BNG, aínda que só contestou esta última). Desta volta a Comisión Rectora da Asociación Monte Pindo Parque Natural tivo que desbotar esta posibilidade pola enorme concurrencia de candidaturas habitual nunhas eleccións galegas.